A Xunta denégalle unha pensión de invalidez a unha emigrante retornada de Venezuela cunha discapacidade do 73%

Protesta de pensionistas venezolanos ante o Concello de Vigo © APEJUVEG

María Dolores é unha muller coruñesa de 61 anos con problemas de visión provocados por un accidente laboral que lle causou dexeneración macular. No ano 2014 a Xunta recoñeceulle unha discapacidade do 73%, polo que ten dereito ao cobro dunha pensión de invalidez (garantida para discapacidades superiores ao 65%). Naceu en Galicia e con 6 anos emigrou a Venezuela, de onde regresou con 47, en 2004. 

Ten recoñecida unha pensión por parte de Venezuela. Porén, como lles sucede a centos de galegos que chegaron ou retornaron daquel país, leva dous anos sen percibir eses cartos. Unha vez que rematou de cobrar a prestación por desemprego á que tiña dereito, e ao carecer de máis ingresos, María Dolores solicitou a pensión de invalidez que lle corresponde pola súa discapacidade.

Política Social escúdase en que a muller ten recoñecida unha pensión por parte de Venezuela "con independencia de que sexa efectiva ou non na actualidade"

Non obstante, hai uns días recibiu unha notificación da Consellería de Política Social comunicándolle a denegación da súa solicitude. A Xunta rexeita concederlle a pensión argumentando que os recursos económicos de María Dolores superan o límite establecido, facendo referencia á pensión que ten concedida en Venezuela pero que hai dous anos que non cobra. A notificación de Política Social subliña que "procede computar estes dereitos que derivan da pensión venezolana, con independencia de que sexan efectivos ou non na actualidade". É dicir, asume a realidade que sofren milleiros de pensionados venezolanos en España, que deben subsistir sen ingresos, pero négalles a posibilidade de percibir unha pensión non contributiva mínima.

Como curiosidade, a notificación do Goberno galego alude a que María Dolores ten recoñecido o dereito a unha pensión mensual de 248.510,41 bolívares fortes e realiza o cálculo aplicando un cambio de (1 bolívar = 0,087 euros). Isto significa que para a Xunta esta coruñesa ten recoñecida unha pensión valorada en máis de 21.000 euros mensuais. Unha cantidade moi lonxe da realidade.

Para a Xunta, esta coruñesa ten recoñecida unha pensión valorada en máis de 21.000 euros mensuais. Unha cantidade moi lonxe da realidade

A situación que sofre María Dolores é semellante á de centos de pensionistas retornados ou emigrados dende Venezuela, máis de tres mil en Galicia, que non están a recibir as súas pensións dende Caracas. Aínda que ao redor dun terzo carecen que calquera outro ingreso, tamén o Goberno español e o Goberno galego lles está a dar as costas, negándolles o acceso a axudas sociais, co argumento de que teñen (en teoría) recoñecida unha pensión. Era o caso, por exemplo, de María del Carmen, tamén coruñesa e sen ingreso ningún dende decembro, á que lle foi denegado o cobro da RISGA. Neste momento, despois de realizar as xestións necesarias para acceder á Renda Social Municipal da Coruña, agarda a resolución..

A situación de María Dolores é semellante á que sofren en Galicia máis de tres mil pensionistas retornados ou emigrados dende Venezuela, que non están a recibir as súas pensións dende Caracas. Ao redor dun terzo carecen que calquera outro ingreso

O pasado mes de outubro o Parlamento galego aprobou unha proposta de resolución presentada polo PP na que instaba á Xunta "a reforzar o seu apoio aos galegos da diáspora, intensificando os programas de apoio ao retorno. Tamén en outubro o Senado debateu e aprobou unha moción semellante na que, ademais de reclamarlle ao Goberno venezolano "a necesidade de aboarlles, no prazo máis breve posible, aos pensionistas venezolanos residentes en España as cantidades adecuadas, correspondentes ás prestacións do ano 2016 e 2017", instaba ao Goberno español a "promover e participar, a través dos instrumentos da asistencia social, como convenios e acordos coas administracións locais e autonómicas adecuadamente financiados polo Estado para tal fin, a atención ás familias que, como consecuencia desta inxusta situación, están a atravesar unhas circunstancias de precariedade".

Parlamento e Congreso aprobaron mocións de apoio aos pensionistas venezolanos, pero isto non tivo unha aplicación práctica

Porén, estes apoios simbólicos expresados no Parlamento e no Congreso non supuxeron melloras nas condicións de vida destas persoas. Este mesmo mércores o PPdeG acusou a En Marea de "desprezar á emigración galega en América" por non apoiar unha proposición non de lei que pide que todas as herdanzas ou doazóns con residentes en países que non pertenzan á Unión Europea gocen dos mesmos criterios e cotizacións que para os casos de residentes na UE, tributando no imposto de sucesións de acordo coa normativa da comunidade autónoma e non da estatal. En Marea, que se abstivo, acusou ao PPdeG de querer facer "propaganda" entre o colectivo emigrante con esta proposta, que entende que non terá efectos prácticos.

 

Notificación da resolución na que a Xunta lle denega a pensión de invalidez á muller residente na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.