O sector do mar -unha vintena de confrarías, organizacións de produtores de mexillón, plataformas en defensa das rías, cooperativas, armadores (Asoar-Armega e Acerga) e sindicatos (CC.OO., CIG e UXT)- trasladoulles este martes as súas demandas ás principais forzas políticas galegas (PP, En Marea, PSdeG-PSOE, Ciudadanos e BNG). O encontro celebrouse en Compostela e nel as distintas organizacións profesionais e sociais presentaron un documento que alerta "da grave situación que atravesa o sector e que precisa dunha urxente solución", un sector do que -lembran- dependen "33.000 empregos directos e un amplo tecido socioeconómico intimamente vencellado ao mar".
En Marea, PSdeG-PSOE e BNG asumiron o contido na súa totalidade e dixeron que se comprometían a levalo adiante e a defendelo. PP e Ciudadanos afirmaron que o estudarían
O texto, elaborado consensuadamente entre un total de 52 colectivos, desenvolve as reivindicacións que xa se recollían no texto unitario lido na manifestación do sector que o pasado 27 de febreiro encheu a Praza do Obradoiro. "É vital conseguirmos o compromiso real e efectivo dos partidos e que asuman as reivindicacións do sector nos programas electorais e nas vindeiras decisións do Goberno Central", salientan.
En Marea, PSdeG-PSOE e BNG asumiron o contido na súa totalidade e dixeron que se comprometían a levalo adiante e a defendelo. Ciudadanos valorou positivamente o documento, dixo que había cousas moi positivas e comunicou que o estudaría. O PP, representado polo deputado autonómico e concelleiro en Noia Ramón Santos e polo alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, tamén se comprometeu a estudalo. De igual xeito, os populares salientaron que a próxima lei de acuicultura se elaboraría "en consenso co sector".
No encontro, as organizacións presentes realizáronlles tres preguntas directas aos representantes do Partido Popular, que nalgún momento chegaron a senterse "moi incómodos"
No encontro, as organizacións presentes realizáronlles tres preguntas directas aos representantes do Partido Popular, que nalgún momento chegaron a sentirse "moi incómodos", segundo algún dos participantes. As dúas primeiras cuestións referíanse a se "ían manter a súa intención de implantar a acuicultura intensiva e se lle ían dar cobertura legal cunha lei de acuicultura" e a "se ían mudar a súa posición no referente ao etiquetado e á obriga de identificar a especie tanto en orixe coma nos produtos manufacturados". A terceira pregunta aludiu aos fondos europeos, denunciando algunhas entidades que ata agora o Goberno galego veu empregando os fondos europeos para poñer en marcha políticas "que foron en contra dos intereses do sector". "Pedímoslles que no vindeiro período eses fondos se repartise de forma consensuada co sector e atendendo a aqueles sectores que ata agora se viran máis abandonados, sobre todo a pesca artesanal e o marisqueo e tamén ao mexillón", explica Xaquín Rubido, voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.
8 compromisos
As 52 entidades asinantes do documento lembran que nos últimos 11 anos a flota pesqueira galega se reduciuse en mais de 1.200 embarcacións, a meirande parte flota artesanal. Así mesmo, sinalan que dende 1986 o número de tripulantes embarcados na flota se reduciu nun 59% ou que nos últimos quince anos o número de mariscadoras pasou de 6.551 a 3.826. De igual xeito, salientan que especies autóctonas de grande importancia para a flota artesanal, o marisqueo e para a acuicultura se viron "claramente mermadas", en referencia ao berberecho, a ameixa fina, o reló ou os crustáceos.
Lembran que do sector dependen "33.000 empregos directos e un amplo tecido socioeconómico intimamente vencellado ao mar"
O sector presentoulles aos partidos oito grandes reivindicacións:
-
Esixen o saneamento integral das rías. Estas organizacións denuncian que "as administracións competentes incumpren a normativa de
protección das augas e de tratamento correcto das augas residuais urbanas e industriais". E sinalan, igualmente, que "diversas administracións teñen promovido e permitido o establecemento e continuidade nas augas galegas de actividades que poñen en risco o medio natural e as actividades de pesca artesanal, marisqueo e acuicultura extensiva galegas". Alertan da situación que se vive, entre outros lugares, na ría de Pontevedra por mor da actividade de ENCE-ELNOSA, ou na boca da ría de Arousa polo vertido de sedimentos e refugallos. Piden establecer "un estatus de protección específico" para aquelas áreas onde se practican a acuicultura extensiva, o marisqueo e a pesca artesanal.
Piden establecer "un estatus de protección específico" para aquelas áreas onde se practican a acuicultura extensiva, o marisqueo e a pesca artesanal
- Piden o cambio do "obsoleto" sistema de Totais Admisibles de Capturas (TACs) e de cotas "que só enriquece a unha minoría". Denuncian que a actual situación prexudica especialmente á pesca artesanal, "xustamente a pesca que se recoñece como máis sostible, tanto para o medio natural como para a sociedade.
- Apostan por "unha maior defensa do sector pesqueiro artesanal". Defenden que "o reparto da cota debe facerse co criterio de garantir a actividade, atendendo ao tamaño da flota de cada comunidade autónoma e a criterios socio-económicos e non en base aos dereitos históricos; ou sexa, débese perseguir a viabilidade do barco e dos tripulantes, cun reparto máis xusto e equitativo".
- Afirman que "a normativa xeralista da UE non é xusta para a pesca artesanal". Salientan a forza dos "grandes lobbies en Bruxelas" en favor das grandes corporacións industriais. Critican a normativa que elimina as redes de enmalle á deriva non reguladas (prohibindo a pesca co arte do xeito) e a normativa de obriga de desembarque (prohibición dos descartes) que -din- "vai repercutir nos ingresos dos pescadores e na dispoñibilidade das cotas, xa bastante escasas".
Reivindican "unha verdadeira política en defensa do marisqueo"
- Reivindican "unha verdadeira política en defensa do marisqueo". Entre outras medidas, pídese a rexeneración de zonas marisqueiras de baixo rendemento e a recuperación de zonas improdutivas; que se evite a introdución e dispersión de patóxenos e especies foráneas; ou o apoio á identificación diferenciada do produto autóctono.
- Reclaman recursos para avanzar no coñecemento das mareas vermellas, "que nos permitan coñecer as súas causas e atopar solucións para atallalas". Destacan que "é necesario que o sistema de control sobre as importacións de moluscos de terceiros países sexa exhaustivo"
- Demandan medidas de apoio e recoñecemento para a mitilicultura, o cultivo do mexillón, que -lembran- "está baseado nun modelo propio de produción extensiva, amigable co medio ambiente e con marcada significación socio-económica" que xeran 13 mil empregos directos e indirectos. Denuncian que os acordos comerciais desenvolvidos pola UE con terceiros países propiciou o aumento das importacións de produtos do mar foráneos no mercado común, entre eles o mexillón, o que provocou unha caída da demanda de mexillón galego. Piden "fomentar o correcto etiquetado de todos os produtos de mexillón", "promover e apoiar a DOP Mexillón de Galicia" e "propiciar a investigación e innovación desde o propio sector para avanzar en procesos, produtos e modelos de xestión sostibles".
"Débese fomentar o consumo de produtos do mar galegos, frescos, elaborados e transformados que teñan vinculación coa orixe"
- Piden o fomento dos produtos galegos, da súa identificación e etiquetaxe. "Débese fomentar o consumo de produtos do mar galegos, frescos, elaborados e transformados que teñan vinculación coa orixe, en detrimento dunha imaxe xenérica dos produtos do mar, que non protexe a actividade específica do noso país", destacan.