O naval volve saír á rúa en loita pola súa última esperanza

Manifestación de traballadores do naval en Vigo Dominio Público @galizaCIG

O naval da ría de Vigo non se rende e volve saír á rúa para reclamar á Unión Europea que dea marcha atrás na súa intención de obrigar á devolución das axudas fiscais do tax lease, o que suporía a morte deste sector estratéxico en Galicia. Traballadores dos diferentes estaleiros da comarca percorreron esta mañá as rúas da cidade.

Divididos en varios grupos, as columnas de Metalships e Vulcano saíron de Teis para unirse despois no centro de Vigo aos operarios chegados de Bouzas. Todos eles reclaman a definitiva marcha atrás das intencións do comisario da Competencia, Joaquín Almunia, que este mesmo mércores deu esperanzas ao sector ao asegurar que aínda hai "marxe" para reconsiderar a súa proposta ao colexio de comisarios, que suporía que o naval español tivese que devolver uns 2.800 millóns, dos que lle corresponderían uns 1.700 a Galicia.

Ademais das mobilizacións en Vigo, tamén hai convocada unha marcha a pé de vinte quilómetros por parte de traballadores de Navantia, estaleiros privados, e que tamén reclaman carga de traballo para as súas instalacións. Operarios de estaleiros privados de Euskadi, Cantabria ou Asturias tamén protestan nesta xornada.

A camiñada dos traballadores de Navantia saíu ás 11.30 da fábrica e irá percorrendo a ría de Ferrol mentres recolle os operarios de Fene para continuar por Neda e regresar de novo á cidade. Son uns 3.000 operarios os que participan nunha peregrinación reivindicativa que reclama ao Goberno que "exixa en Bruxelas" solucións, tanto para a construción do dique flotante en Ferrolterra, como para o tax lease.

O comité de empresa de Navantia segue lembrando que a carga de traballo finaliza despois do verán os estaleiros e advirte que nada saben os traballadores do prometido flotel da compañía mexicana Pemex, que fora unha promesa electoral de Feijóo nas últimas eleccións autonómicas.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Manifestación de traballadores do naval en Vigo Dominio Público @galizaCIG
Marcha do naval ferrolán pola ría © Susete Ferrol

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.