O paro baixa en 26.100 persoas no verán pero a ocupación sitúase en cifras de hai un ano

CC-BY-SA Praza Pública

O paro descendeu en Galicia en 26.100 persoas no terceiro trimestre do ano, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) que vén de publicar o INE. Supón unha redución do 9,17% respecto do trimestre anterior fronte á redución media do 3,47% do conxunto do Estado. Bos datos que, non obstante, sitúan o país case no mesmo punto que hai un ano, ao contar con tan só 5.500 ocupados máis que no final do verán de 2013, un incremento interanual da ocupación do 0,54% fronte ao 1,59% de media en España.

O paro descendeu en 26.100 persoas en Galicia, que ten case o mesmo número de ocupados que hai un ano

Con respecto ao pasado trimestre, o final de verán si provoca un aumento do número de ocupados de 25.800 persoas, un 2,6% máis, fronte á suba media estatal do 0,87%. Xa que logo, e segundo a EPA, o número de ocupados en Galicia sitúase no terceiro trimestre deste ano en 1.017.300 persoas, mentres que os parados ascenden a 258.300 traballadores, 20.900 menos que hai un ano, unha redución de case o 7,5%, máis dun punto menos que no Estado, onde a redución foi do 8,68%.

Os datos da EPA reflicten tamén unha diminución da poboación de 16 ou máis anos de 12.100 persoas nun ano e, destes, 6.200 son menores de 25 anos. Cada vez hai menos poboación en idade de traballar e descende o número de persoas que desexan incorporarse ao mercado laboral, 15.400 menos, ao tempo que aumentan os inactivos en 3.300. O desánimo, o retorno de inmigrantes aos seus países e a emigración dos mozos galegos explican estes datos.

Por sexo, neste trimestre crecen tanto a ocupación masculina como a feminina: o número de ocupados varóns aumenta en 19.500 persoas respecto ao segundo trimestre do ano 2014 e a ocupación das mulleres en 6.300 persoas. Con respecto ao terceiro trimestre do ano 2013, o número de homes ocupados aumenta en 5.400 persoas (un 1%), mentres que o de mulleres ocupadas se mantén estable.

Galicia é a cuarta comunidade con maior incremento de ocupados neste trimestre, pero a quinta con peor taxa interanual

Galicia foi a cuarta comunidade autónoma onde máis se incrementou o número de ocupados neste trimestre (26.100) tan só por detrás de Baleares, Estremadura e Aragón, pero é a quinta con peor taxa interanual, quedando a ocupación case na mesma cifra que hai exactamente un ano.

Por sectores, as cifras demostran como a campaña do verán foi fundamental no incremento no número de ocupados, ao aumentárense no sector servizos en 14.900 no terceiro trimestre, fronte ao incremento de 1.800 na agricultura e na pesca, os 1.100 na construción e os 8.100 na industria. Con respecto ao ano anterior, o número de ocupados aumenta en todos os sectores agás na agricultura e na pesca. O sector primario experimenta unha caída do 11,5%. A ocupación na industria medra un 3,4%, na construción un 1,8% e no sector servizos un 1,1%.

 

A taxa de paro en Galicia sitúase agora no 20,2%, fronte ao 23,67% do conxunto do Estado, con importantes diferenzas entre as provincias, xa que mentres na Coruña se sitúa no 18,7% e en Lugo no 17%, a taxa supera o 20% en Ourense (20,1) e chega ao 23,2% en Pontevedra.

En Galicia hai 15.500 parados menos que hai un ano, pero 5.500 desempregadas menos

Por sexo, cae tanto o paro masculino coma o feminino: o número total de homes parados en Galicia sitúase en 134.900 persoas (12.100 menos que hai tres meses) e o de mulleres é de 123.300 persoas (14.100 menos). A taxa de paro masculina baixa 2 puntos e a feminina 2,1 puntos, situándose a primeira no 20% e a segunda no 20,5%.

Non obstante, e tocante á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino diminúe en 15.500 persoas (un 10,3% menos), e entre o feminino en 5.500 persoas (un 4,3% menos que hai un ano), unha diferenza de seis puntos entre un sexo e outro.

A taxa de temporalidade en Galicia sobe oito décimas ata situarse xa no 24,6%

Malia a lixeira recuperación, o que seguen a empeorar son as condicións dos traballos. Así, a taxa de temporalidade -porcentaxe de asalariados temporais fronte ao total- creceu oito décimas neste terceiro trimestre, até situarse xa no 24,6%. De feito, con respecto ao trimestre anterior rexístranse 10.600 asalariados máis con contrato indefinido, o que supón un incremento do 1,8%, mentres que os de contrato temporal aumentan en 11.500 persoas (unha suba do 6,3% con respecto ao anterior trimestre). No que respecta á variación interanual, os asalariados con contrato indefinido aumentaron un 1,6% mentras que os asalariados con contrato temporal medraron un 2,6%.

En canto aos datos a nivel estatal, no conxunto de España hai 151.000 ocupados máis que hai tres meses e o paro descendeu en 195.200 persoas, o maior descenso absoluto nun terceiro trimestre da serie histórica da EPA e que sitúa a cifra de desempregados en 5.247.700 e a taxa de paro no 23,67%. Non obstante, mentres os asalariados con contrato temporal aumentan en 122.400, os de contrato indefinido caen en 26.700.

 

Por outra banda, no terceiro trimestre de 2014, o número de fogares de Galicia nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe en 5.900 unidades, situándose en 87.800, mentres que en comparación co terceiro trimestre de 2013 este tipo de fogares cae un 4%.

O número de fogares con todos os seus membros en paro diminúe en 5.900

Alén disto, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 21.900 unidades. O número de fogares nesta situación é de 534.100. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 19.800 fogares máis nesta situación, o que supón unha suba do 3,8% en termos relativos.

Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 21.900 unidades. O número de fogares nesta situación é de 534.100. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 19.800 fogares máis nesta situación, o que supón unha suba do 3,8% en termos relativos.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.