A creación e o impulso do traballo temporal rebaixa o paro en Galicia nun mercado laboral cada vez máis cativo. Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre, en Galicia hai actualmente 222.800 persoas desempregadas, 29.700 menos que no trimestre anterior, un descenso do 11,8% que sitúa a taxa de paro no país no 17,7%. Con respecto a hai un ano, o número de cidadáns en desemprego baixou en 35.500 persoas (-13,7%).
O paro baixa en 29.700 persoas en Galicia e a taxa de paro sitúase no 17,7%
Mentres o paro dá unha tregua, a creación de emprego mantense nun feble e escaso ascenso, consolidando un mercado laboral galego cada vez máis pequeno. Así, o número de persoas ocupadas aumentou nun 1,3% neste terceiro trimestre do ano (+29.100 persoas), situando así a cifra total en pouco máis de un millón de persoas (1.039.000). Son 21.700 máis que hai un ano, o que supón un incremento do 2,1%, aínda un punto inferior ao que se deu no conxunto do Estado no mesmo período.
Ademais, mentres en España a taxa de ocupación (porcentaxe de ocupados respecto á poboación de 16 e máis anos) se sitúa no 46,9%, en Galicia queda aínda no 44,1% logo dun incremento de 1,3 puntos, inferior tamén ao aumento rexistrado no conxunto do Estado (1,46). Ao tempo, tamén descende a actividade -suma do número de persoas ocupadas e paradas pero en condicións de traballar-, con 500 persoas menos ca no trimestre anterior e unha taxa do 53,5%, idéntica á de hai tres meses.
A creación de emprego mantense feble, cun pequeno aumento da ocupación do 1,3%
En comparación co resto do Estado, Galicia é a sétima autonomía na que máis baixa o paro interanualmente en termos porcentuais, e a a sexa a respecto do trimestre anterior. No que atinxe á ocupación, o crecemento galego é o noveno do Estado con relación a hai un ano e o quinto intertrimestral. Onde Galicia sae peor parada comparativamente é na poboación activa, cunha caída interanual de case o 14%, o cuarto maior do Estado.
Tendencia á temporalidade
O descenso do paro chega dacabalo da temporalidade, que continúa a aumentar. Así, e en comparación co trimestre anterior, rexístranse nas estatísticas 900 asalariados galegos máis con contrato indefinido, unha suba do 0,2%, fronte ao aumento de 27.300 con conrato temporal, un incremento do 13,8%. En termos interanuais, os traballadores con contrato indefinido baixaron un 0,7% mentres os temporais medraron un 15,7%, confirmando así a precarización dun mercado laboral no que a taxa de temporalidade sitúase xa no 27,5%, 2,5 puntos máis respecto do anterior trimestre.
Dende comezos de 2014 os contratos temporais medran máis que os indefinidos
Así as cousas, aínda que os contratos indefinidos e as xornadas completas seguen a ser maioritarios no mercado laboral galego, a tendencia cara á temporalidade e á parcialidade é evidente. Dende comezos de 2014 os contratos temporais medran máis que os indefinidos e a fenda entre ambos indicadores segue a medrar. Tamén medran máis o número de persoas que traballan a tempo parcial que as que o fan a xornada completa, se ben a distancia entre ambos indicadores non é tan pronunciada.