O paro descende en Galicia no terceiro trimestre pero crece un 16,5% no último ano

Varias persoas ante unha oficina de emprego CC-BY-SA Adrián Estévez

O desemprego descendeu en Galicia no terceiro trimestre do ano en ao redor de 11.900 persoas. Galicia é ademais o segundo territorio do Estado, só detrás de Madrid, no que este descenso é maior. E todo nun escenario no que o paro volveu aumentar de forma importante, cunhas 85 mil persoas máis sen traballo, que suman xa unha cifra de 5.778.100 desempregados e desempregadas, superando por primeira vez a taxa do 25%. Exactamente 799.700 máis que hai un ano. 

A pesar das reformas laborais, lonxe de crear emprego, o mercado laboral segue destruíndo postos de traballo: case 100.000 no últimos tres meses e 835.900 no último ano. O ritmo de destrución de emprego revela que España está inmersa nunha profunda recesión e que a creación neta de emprego non será posible a curto prazo. Os recortes nas administracións públicas tamén se deixan sentir no emprego. Dos 96.900 postos de traballo que se destruíron no terceiro trimestre do ano, 49.400 son do sector público.

En Galicia apenas diminúe o paro de longa duración. As persoas que levan máis dun ano buscando traballo pasan de 133 mil a 132 mil neste trimestre. E no último ano aumentaron 26 mil persoas, dende as 107 mil

En Galicia a taxa é case cinco puntos inferior: 20.39%. E o número de parados é de 264 mil. Porén, malia o descenso neste terceiro trimestre, nos últimos doce meses o desemprego creceu un 16,53%, superior á media española: 16,06%. Ademais, se se analizan os datos polo miudo, vemos que en Galicia apenas diminúe o paro de longa duración. As persoas que levan máis dun ano buscando traballo pasan de 133 mil a 132 mil neste trimestre. E no último ano aumentaron 26 mil persoas, dende as 107 mil. De igual xeito o número de fogares nos que ningún dos seus integrantes traballa segue crecendo: pasa neste trimestre dos 368 mil aos 372 mil.

Por grupos de idade vemos que en Galicia o paro descende entre os que teñen entre 25 e 55 pero aumenta entre o maiores de 55 e sobre todo entre os máis novos. De feito, no último trimestre, a pesar do descenso xeral, hai tres mil mozos e mozas máis sen traballo. Outro dato preocupante fai referencia ao incremento continuado da taxa de paro entre os titulados superiores. Dito doutro xeito: unha carreira universitaria cada vez garante menos atopar un emprego. Se hai un ano a taxa de paro entre os universitarios galegos era do 12.2% hoxe é xa do 15.1%.

 

Récord histórico de paro en España

Nun ano, o número de fogares onde todos os membros están desempregados creceu en 312.700, mentres que os que teñen a todos os seus activos traballando baixan en 536.700

1.737.900 fogares teñen todos os seus membros activos en paro, unha cifra parecida á do trimestre anterior. Con todo, o número de familias que teñen a todos os seus membros activos con traballo son cada vez menos: 8.521.700, o que implica 58.800 menos que no segundo trimestre do ano. Nun ano, o número de fogares onde todos os membros están desempregados creceu en 312.700, mentres que os que teñen a todos os seus activos traballando baixan en 536.700.

O paro sobe mesmo a pesar de que a poboación activa, é dicir, en disposición de traballar, baixa en 12.000 persoas no trimestre e en 36.200 no último ano. Trátase de persoas que abandonan a procura de emprego, ben porque consideran imposible conseguir un (o chamado efecto desánimo), ben porque, por exemplo, emigran. O paro crece máis entre as mulleres que entre os homes: a taxa de paro masculina sitúase no 24,6%, mentres que a feminina está no 25,4%. A forte destrución de emprego en sectores moi masculinizados como a construción nos anos de crises fixo que as taxas de paro de homes e mulleres se aproximen.

As comunidades autónomas onde máis crece o desemprego son Andalucía (en 191.300 persoas), Cataluña (98.400) e Comunidade Valenciana (84.700). Son tamén as comunidades que máis emprego destrúen.

Varias persoas ante unha oficina de emprego CC-BY-SA Adrián Estévez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.