O paro sobe por cuarto mes consecutivo en Galicia, que destrúe case 4.000 empregos en novembro

Instalacións dunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-SA Praza Pública

O paro sobe e destrúese emprego. O mes de novembro rematou con 1.352 persoas máis rexistradas como paradas nas oficinas de emprego e case o triple (3.860) afiliadas menos á Seguridade Social. Son as cifras principais dos datos feitos públicos polo Ministerio de Traballo. 

O paro sobe por cuarto mes consecutivo en Galicia e a afiliación na Seguridade social descende en case 4.000 persoas

O desemprego rexistrado alcanza en Galicia a 165.659 persoas, un incremento do 0,8% respecto ao mes anterior, pero un 2,76% menos que no mesmo mes do ano pasado, cando había 4.710 persoas paradas máis. A suba do paro en novembro é maior á media estatal (+0,65%) e a baixada interanual inferior á do conxunto de España (-2,76% fronte a -1,68%).

O paro rexistrado sobe en todas as provincias agás en Ourense, onde baixa en case 200 persoas, e increméntase en todos os sectores, especialmente nos servizos, agás na industria e no colectivo sen emprego anterior. É, ademais, o cuarto incremento consecutivo e o peor dato desde 2016. 

Onde si hai unha baixada relevante é no número de contratos. Asináronse no mes de novembro case 30.000 menos que en outubro, un descenso de máis do 30%, e uns 10.000 menos que no mesmo mes pero de hai un ano. Ademais, dos contratos rexistrados, foron temporais o 91%. 

En novembro asináronse uns 30.000 contratos menos que en novembro e uns 10.000 menos que no mesmo mes de hai un ano

O caso é que, malia que foron máis de 76.000 as contratacións en Galicia no mes de Santos, nese mesmo período destruíronse 3.860 empregos, o número de persoas afiliadas que perdeu a Seguridade Social, que conta con 1.023.590 persoas cotizantes no país. Son, con todo, 13.719 afiliados máis que hai un ano, aínda que a baixada intermensual é superior á media estatal. Os datos volven deixara clara a elevada rotación que se dá no mercado laboral galego. 

Por sexos, entre os homes, o paro aumenta en 1.044 persoas mentres que nas mulleres se incrementa o número de inscritas en 308. O 58 % das persoas desempregadas son mulleres e o desemprego aumenta entre os homes de máis idade. 

En canto á cobertura por desemprego, de novo destaca a precariedade e a diferenza coa media estatal. En Galicia hai 87.868 persoas beneficiarias dunha prestación, o que supón unha taxa dun 58,5%, fronte ao 62,4% do resto do Estado. Ademais, a cobertura por desemprego é maioritariamente asistencial, xa que só 40.339 teñen prestacións contributivas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.