O paro volve subir en Galicia malia baixar no conxunto do Estado

Mobilización da CIG ante unha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

O paro baixa no Estado neste mes de novembro, pero volver subir en Galicia. A redución de desempregados en España é case idéntica ao aumento que nas listas das oficinas de emprego sufriu a comunidade, segundo os datos feitos públicos polo Ministerio de Emprego. Así, o desemprego descendeu no conxunto do Estado en 2.475 persoas, mentres aumentou no país en 2.629.

O paro aumenta en Galicia en case 2.700 persoas e o país perde máis de 4.500 cotizantes en só un mes e máis de 18.500 nun ano

Mentres o paro sobe en case un punto en Galicia en novembro (+0,98%), baixa un chisco no Estado (-0,05%). En termos interanuais, o país conta con 5.682 desempregados menos que hai un ano, o que supón un descenso (-2,05%) case idéntico ao de España (-2,02%), onde hai case 100.000 parados menos. No entanto, e malia este pequeno dato positivo a nivel estatal, o número de afiliados á Seguridade Social volve descender, tamén na comunidade, onde se perden 4.572 cotizantes en tan só un mes e 18.682 con respecto a hai un ano. En total, a media de afiliados na autonomía é de 916.760 persoas.

 

O mercado de traballo continúa a destruír emprego

No Estado, perdéronse 66.829 afiliados, o que indica que o mercado de traballo -en Galicia é obvio que tamén- continúa a destruír emprego. De feito, en termos desestacionalizados o descenso é o cuarto consecutivo do desemprego en España e o descenso mensual supera as 40.000 persoas, pero incluso descontando este efecto, a Seguridade Social perdeu 2.828 cotizantes.

O mercado de traballo, en España e en Galicia, continúa a destruír emprego

Aínda que descenden as persoas que se rexistran nas oficinas de emprego, o emprego non crece e as baixas poden deberse a outros motivos. Por exemplo, os datos amosan que o número de cidadáns que solicitan unha prestación e o número de beneficiarios caen. Ademais, o mercado laboral non xera emprego neto, pero o paro rexistrado baixa porque hai moita xente que emigra na busca dun futuro.

Xa que logo, Galicia conta con 270.854 parados rexistrados, polos 4.808.908 do Estado, logo dun mes que en toda España frea as subas dos dous últimos meses, algo que non ocorre na comunidade, que volve deixar ir o seu diferencial positivo e é unha das oito autonomías onde o desemprego aumentou no mes de novembro. Baleares, Cataluña, Cantabria, A Rioxa, Castela A Mancha, Murcia e Navarra son as outras onde tamén se incrementou a cifra de cidadáns apuntados nas oficinas do antigo INEM.

Por provincias, Pontevedra é a que sofre con maior dureza a suba do desemprego, con 1.159 parados máis, case a metade dos rexistrados en Galicia. Séguelle Lugo (847), A Coruña (350) e Ourense (273).

Os datos volven confirmar a precariedade e temporalidade do emprego, con só un 7,6% de contratos indefinidos

O Goberno central non tardou en presumir dos datos dun mes onde adoita subir o desemprego e tras comparalo con novembro de 2012, cando o paro subira en case 75.000 persoas. Entre xaneiro e a data actual, o número de desempregados baixou en case 40.000 no conxunto do Estado, cifras que non se corresponden coa evolución en Galicia, que continúa a virar a súa tendencia e a comportarse peor que España. 

Por outra banda, os datos da contratación tampouco achegan nada positivo. En novembro rexitráronse no antigo Inem en Galicia 55.749 contratos, un 7,9% máis que no mesmo mes de hai un ano. No entanto, tan só 4.262 eran indefinidos, un 7,6%, uns datos que coinciden co 7,5% do total no conxunto do Estado, onde se rexistraron 1,24 millóns de contratos. 

Xente nunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.