O paro volve subir en Galicia mentres segue a destrución de postos de traballo

A conselleira de Traballo saúda un participante nun obradoiro de formación © Xunta

O paro volve subir en Galicia e a afiliación á Seguridade Social segue baixando. O mercado laboral galego continúa sen recuperación ningunha e mentres o número de desempregados rexistrados nas oficinas continúa aumentando, o número de cotizantes diminúe.

O paro aumentou en 5.841 persoas en xeral e en 5.388 no sector servizos

Así, o paro rexistrado en Galicia no pasado mes de agosto aumentou en Galicia en 5.841 persoas, o que supón un incremento do 2,45% con respecto ao mes anterior. Unha suba provocada pola fin definitiva do bo tempo e do verán, algo facilmente deducible de reparar no desemprego por sectores, xa que nos servizos aumentou en 5.388 persoas no mes pasado. Tamén subiu en máis de 1.000 persoas na agricultura e en 170 na industria, mentres que descendeu na construción (-190) e no colectivo sen emprego anterior (-612).

Por provincias, o número de parados aumenta en todas elas. En Pontevedra aumenta en 2.847 persoas (+2,6%); na Coruña en 1.507 (+1,6%); en Ourense en 941 (+3,72%); e en Lugo en 906 (+3,47%).

O número de parados rexistrados nas oficinas de emprego en Galicia sitúase, xa que logo, nas 244.044 persoas, 24.181 menos que hai un ano, o que supón un descenso do 9%. En canto aos datos do conxunto do Estado, a cifra de parados creceu en 79.154 persoas no pasado mes (+1,74%), superando así a cifra global os 4,5 millóns de persoas, segundo os datos publicados este martes polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

A cifra de desempregados supera os 4,5 millóns e volve superar a que Rajoy atopou ao chegar ao Goberno central

A cifra volve superar a que Rajoy atopou ao chegar ao Goberno central. Foi no pasado mes de xullo cando por primeira vez o paro rexistrado melloraba os números que deixara o Executivo de Zapatero, pero o final do verán volve situar as cousas como estaban antes. Ou peor. Aínda así, o paro rexistrado no Estado descendeu en 284.579 persoas no último ano, o que non quere dicir que todas esas persoas atopasen emprego, xa que o paro rexistrado tan só mide aquelas apuntadas ás oficinas.

Pola contra, a Seguridade Social gaña afiliados no Estado, o que significa que o emprego creceu ao aumentarse en 28.817 o número de ocupados no mes pasado. O dato, positivo para España, contrasta coa situación en Galicia, que aumenta o número de parados e perde ocupados en outubro. Concretamente, o país perde unha media de case 4.000 afiliados (-3.909) con respecto ao mes anterior, aínda que gaña máis de 11.000 no último ano, un mínimo incremento do 1,24% que non dá nin para chamarlle recuperación. O número de cotizantes queda así en 932.760, case 80.000 menos que hai catro anos.

A taxa de cobertura volve descender en Galicia, ao pasar do 53% ao 52%

Pero os malos datos non quedan aí. A taxa de cobertura en Galicia descende tamén nun punto, do 53% ao 52%, polo que son xa 116.000 os desempregados galegos que non cobran ningún tipo de prestación. Esta taxa do sistema de protección segue a ser moi inferior á do conxunto do Estado, onde tamén descendeu do 60,7% ao 57%.

Ademais, en Galicia xa hai máis de 150.000 desempregados que levan máis dun ano sen traballo e 105.200 que superan os dous anos en paro. En canto aos contratos, asináronse 78.171 en Galicia, dos que tan só 6.583 foron indefinidos, o que incide na temporalidade, que se une á maior precariedade das condicións laborais dos cidadáns galegos.

Paro no 22,2% en 2016

E mentres o Goberno central intenta sacar consecuencias positivas destes datos, a Comisión Europea rebaixa as previsións de crecemento da economía española. Prevé que creza un 1,2% este ano -unha décima máis do calculado en primavera- pero un 1,7% en 2015, o que supón unha rebaixa de catro décimas respecto ao cálculo inicial, para logo acelerarse ata o 2,2% en 2016. Con estas cifras, a taxa de paro reduciríase desde o 24,8% de media en 2014 ata o 23,5% o ano que vén e quedará no 22,2% en 2016.

Deste xeito, España sería o Estado de Europa con máis paro ata ese 2016, con máis de dez puntos superior á media da UE e cunha taxa superior á de Grecia, o único que país que se achegaría aos alarmantes niveis de desemprego españois.

Pero sempre se poden atopar datos optimistas. A Xunta presume de que a baixada interanual no número de desempregados é "a maior de todo o Estado" e a directora xeral de Formación e Emprego, Ana María Díaz, cre que malia que “non se pode facer unha valoración positiva” si pon en valor a evolución interanual do paro en Galicia, xa que esta "constitúe unha referencia desestacionalizada á hora de valorar as cifras".

A Xunta presume da "maior baixada interanual do paro en España" pero nada di da perda continua de afiliados á Seguridade Social

"Xa se cumpre un ano de descensos, o que confirma a mellora progresiva do comportamento do mercado laboral”, insistiu a Xunta, que repetiu o discurso do Goberno central ao falar de datos interanuais que supoñen "o mellor comportamento interanual nun mes de outubro de toda a serie histórica en termos absolutos (estatísticas publicadas desde 1996) e, en termos relativos, desde 1999".

“Galicia remata outubro con menos parados dos que había no mesmo mes dos anos 2013 e 2012”, sinalou Díaz López, que nada dixo do descenso no número de afiliados á Seguridade Social e da perda constante de postos de traballo no país, en contraste co que ocorre no conxunto do Estado.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.