Das 218 persoas que votaron, 158 optaron pola opción de aceptar a última oferta da empresa e parar a folga do autobús de Vigo
Tras 105 días en folga indefinida, o cadro de persoal de Vitrasa votou este venres a favor de aceptar a última oferta da empresa e devolver a normalidade ao transporte urbano de Vigo.
Votaron en total 218 traballadores e traballadoras da empresa concesionaria, das 254 que integran o cadro de persoal, o que supón unha ampla porcentaxe de participación do 86%. Como tamén foi elevada a cifra de empregados e empregadas que votaron a favor de parar a folga, aceptar a última oferta da empresa e seguir negociando o convenio. Das 218 persoas que votaron, 158 (o 72%) optaron pola opción gañadora; 32 querían continuar con paros parciais, 23 continuar coa folga; tres defendían parar a cambio de nada e houbo tamén dous votos en branco.
O feito de que a empresa rompese nos últimas días as negociacións tras unha última oferta cunha suba do 3% dos salarios desde 2023, e a acumulación de días de folga, coa mingua económica para os petos dos traballadores e traballadoras, explican o resultado da votación, fronte ao acontecido en xaneiro, segundo explican desde o comité de empresa. Daquela, con 50 días de folga ás costas, o comité acadara xa un principio de acordo e foi o cadro de persoal quen non o aceptou, para continuar a protesta. “Ao inmobilismo da empresa súmase o do Concello, que non fai nada. Parece mentira, pero o PSOE aquí non ten nada de obreiro e púxose en contra dos traballadores”, lamenta Imanol Arnoso, presidente do comité de empresa.
De querer Vitrasa, xa estaría normalizado o servizo este sábado, 9 de marzo. “Isto o que demostra é que a empresa está cómoda coa folga. Para eles é rendible”, asegura o presidente do comité de empresa
Unha vez aprobada a fin da folga, por que non se recupera a normalidade do transporte na cidade? Arnoso explica que non poden desconvocar a folga ata que a empresa non sente con eles e asine un documento cos compromisos económicos. “Hai moita desconfianza, porque xa nos pasou en 2021, cando levantamos a folga e a empresa propuxo unha baixada dos salarios”, asegura.
En calquera caso, Arnoso desvela que xa o venres intentou contactar coa dirección da empresa para trasladar o resultado da votación e resolver a documentación o antes posible, pero emprazárono ata o luns para unha reunión, cita que aínda non está confirmada desde a compañía. O responsable dos traballadores amosa a súa sorpresa por esta actitude posto que, de querer Vitrasa, xa estaría normalizado o servizo este sábado, 9 de marzo, mais segue en servizos mínimos. “Isto o que demostra é que a empresa está cómoda coa folga. Para eles é rendible”, asegura.
A aceptación da proposta da empresa é a condición para parar a folga e supón o compromiso de catro meses de paz social, pero non é o final do conflito
O comité de empresa deberá elixir, unha vez que a compañía ratifique a oferta, entre as dúas opcións formuladas desde Vitrasa para actualizar os salarios. A primeira opción consiste nunha suba do 2% a contar desde 2021, que se consolidaría en 2022 e 2023; e a outra opción supón unha suba do 3% desde 2023, máis unha paga puntual de 500 euros.
A aceptación dunha desas propostas da empresa é a condición para parar a folga e supón o compromiso de catro meses de paz social, pero non é o final do conflito, que leva máis de dous anos con mobilizacións. “Temos que seguir negociando o convenio e depende da empresa que isto sexa unha parada temporal da folga. Nós temos que asinar un convenio e eles teñen que ver se queren prestar o servizo público á cidadanía”, indica o presidente do comité de empresa.
Arnoso lembra que os IPC deses anos acabaron con porcentaxes moi elevadas –en 2021 foi do 6,5%- e iso hai que llo compensar aos traballadores e traballadoras, así como outras melloras no que respecta ás quendas de traballo ou vacacións.