O plan mineiro da Xunta dá vía libre á explotación de calquera terreo en Galicia

Protesta contra a mina de Corcoesto, este mércores ante o Parlamento CC-BY-SA Merixo

"Galicia é unha mina", o lema empregado pola Xunta para difundir e defender a actividade mineira no país, vai camiño de facerse realidade ao pé da letra. Iso é polo menos o que se deduce do Plan Sectorial de Actividades Extractivas (Psaeg) que o Goberno vén de presentar e que agora se atopa en período de tramitación e consultas. Supón, segundo denuncia Adega, "o derradeiro cravo que remacha e que permitirá á patronal mineira asaltar novos territorios até o de agora vetados, como espazos naturais, paisaxes protexidas, xacementos ou monumentos históricos", di nun comunicado.

O plan mineiro consagra Galicia como un territorio totalmente aberto ás explotacións mineiras

Tal e como asegura o colectivo ecoloxista, este plan sectorial é o instrumento ad hoc que precisaban as novas explotacións mineiras que queiran situarse en todo tipo de solo especialmente protexido. É, segundo Adega, "o Plan da Minería que lle faltaba á patronal" para completar a laxa normativa da que as empresas mineiras gozan en Galicia para asentarse.

Así, lembra que Feijóo e o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, xa permitiron na Lei do Solo, a través da lei 2/2010 de medidas urxentes, que as minas e canteiras anteriores á devandita lei puidesen continuar a súa actividade se contaban con licenza municipal (todo tipo de chan rústico). Ademais, no caso de non tela, tamén podían legalizarse se acreditaban ser anteriores á lei 9/2002 e estaban en chan rústico ordinario, de especial protección forestal ou de augas. No chan rústico de especial protección de infraestruturas, costas, espazos naturais, protección paisaxística e histórico-patrimonial, as minas e canteiras anteriores á lei 9/2002 tamén podían autorizarse polo Consello da Xunta. Pero para novas explotacións en calquera lugar especialmente protexido necesitábase un instrumento de planificación que chega agora con este plan sectorial.

A Cámara Mineira e a consultora Eptisa dirixiron a redacción deste documento, segundo denuncian os ecoloxistas

Adega destaca que a Cámara Mineira dirixiu a redacción dun documento no que participou a consultora Eptisa, presidida polo ex banqueiro Ángel Corcóstegui e en cuxo consello asesor figurou ata hai ano e medio Luis de Guindos. O colectivo ecoloxista denuncia tamén que no plan sectorial "afírmase que Corcoesto xa foi declarado proxecto industrial estratéxico" (nas páxinas 52 e 79), malia que isto non se produciu aínda. "Está moi claro que intereses moven o plan mineiro da Xunta", advirte.

"O plan abre o melón da minería e atene ás demandas de especuladore e multinacionais"

Para Adega, a Xunta "abre completamente con este plan o melón da minería en todo o territorio galego", atendendo "ás demandas de especuladores e multinacionais, que fregan as mans cos elevados prezos dalgúns recursos mineiros como o ouro, o litio, o tántalo ou o itrio.O Goberno pretende aprobar agora este plan "camuflando as súas intencións baixo o engado de 'harmonizar a actividade extractiva co resto dos usos do solo' e 'establecer as bases para o desenvolvemento dunha minaría sustentable".

"Esta minería sustentabel non entende de zonas de exclusión nin de áreas vedadas para a Xunta", denuncia Adega, que destaca o que o plan da minería xa deixa ben claro o seu alcance."O Plan debe comprender todo o territorio de Galicia xa que aínda existen grandes superficies de territorio susceptibles de aproveitamento dos recursos minerais nas que non se realizaron as correspondentes labores (sic) de exploración e investigación, polo que restrinxir o ámbito do Plan podería supoñer reducir as posibilidades futuras de aproveitamento dos recursos minerais", dise na páxina 9.

"O Plan debe comprender todo o territorio de Galicia xa que aínda existen grandes superficies de territorio susceptibles de aproveitamento", di o texto

"Non se trata de regularizar a situación anómala de minas e canteiras en funcionamento, xa liberadas coa lei 2/2010, senón de facer francos novos territorios actualmente protexidos e fóra do alcance das gadoupas das multinacionais mineiras, grazas a algúns instrumentos de planificación territorial e lexislación ambiental (POL, Directiva Hábitats, Lei da Paisaxe, Lei do Patrimonio Cultural, etc.)", advirte Adega, que exemplifica a intención da Xunta con parágrafos textuais do plan como este: "Nestes últimos anos o aumento da demanda de solo supuxo a creación de instrumentos de planificación e ordenación do territorio que ignoraron as explotacións mineiras [...]. Como resultado diso, hoxe existen en Galicia solos especialmente protexidos para ámbitos nos que non se pode desenvolver a actividade mineira [...]".

Do mesmo xeito, a Xunta gaba a lei franquista de minas de 1973, que pon como exemplo ambiental no plan sectorial, ademais de louvar a mina das Pontes, que é considerada "un exemplo de restauración mineira referente a nivel estatal". Porque a Administración considera os impactos da minería "temporais", as explotacións a ceo aberto como "favorábeis para o seu reenchido" e os montes danados como espazos "de rápida revexetación natural arbustiva e herbácea, nalgúns casos mesmo con especies arbóreas como o eucalipto".

O documento da Xunta declara o proxecto de Corcoesto como "estratéxico" malia que aínda non foi confirmado oficialmente

Para Adega, a Xunta só e´"un monicreque" movido "polos fíos da minería", algo que deixaría claro no documento de inicio do plan sectorial, onde se repite dúas veces que o proxecto mineiro de Corcoesto xa foi declarado "proxecto industrial estratéxico", atendendo á Lei 13/2011 de Industria. No entanto, até o de agora, o Executivo galego non fixo pública esta declaración, "nin hai constancia oficial no DOG de que lle tivese concedido ao proxecto de Edgewater en Cabana esta prebenda". "Está claroque a Xunta móvese ao son que marca a Cámara Mineira e as consultoras amigas de capital luxemburgués nas que traballan (ou traballaron até hai pouco) algúns dos responsábeis da debacle financeira e dos brutais recortes que estamos a sufrir", remata o colectivo ecoloxista.

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.