O presidente electo de México di que "continuará coas xestións" entre Pemex e os estaleiros

Mariano Rajoy e Peña Nieto © Goberno de España

O presidente electo de México, Enrique Peña Nieto, aclarou este luns que o seu Goberno "vai continuar coas xestións iniciadas con Pemex" polos estaleiros galegos para a construción de dous hoteis flotantes nas rías de Ferrol e Vigo, pero sen confirmar aínda se é necesario que a oferta presentada polas empresas galegas e a filial da petroleira mexicana (PMI) sexa a elixida nunha futura licitación internacional, tal e como asegura a compañía e os seus propios conselleiros.

"Comprometín que o meu Goberno vai continuar coas xestións iniciadas", sinalou Peña Nieto nunha conferencia de prensa tras reunirse en Madrid co presidente do Goberno, Mariano Rajoy, que asegurou a pasada fin de semana que os barcos se ían construír en Galicia. "O acordo xera condicións favorables" para ambas as dúas partes, insistiu o dirixente azteca, que non quixo entrar en detalles, nin confirmar se os contratos estaban pechados, nin moito menos ensinar documento ningún.

Nin Peña Nieto nin Rajoy aclaran se a oferta dos estaleiros terá que someterse a unha licitación, como asegura a petroleira

Para Peña Nieto, presidente electo que asumirá a presidencia o vindeiro 1 de decembro, os acordos entre Galicia e México "traerán beneficios mutuos". O acordo asinouse o pasado 29 de setembro entre os estaleiros galegos Navantia e Barreras e PMI, unha filial da petroleira estatal que terá agora que presentarse a unha licitación, tal e como aclarou Pemex e algún dos seus conselleiros en diversas ocasións.

"Veño facer patente a miña confianza en España e estou seguro de que un maior intercambio entre ambos os dous países favorecerá a España para saír destes momentos adversos", destacou Peña Nieto, líder do PRI, precisamente o partido que pediu explicacións ao actual Executivo mexicano sobre os polémicos contratos, que a empresa confirmou que foran asinados cunha filial e non coa compañía matriz.

A hipotética confirmación tería chegado a pasada fin de semana a través dun comunicado do equipo de transición de Peña Nieto, no que o futuro presidente daba o seu "beneplácito" ao acordo, pero no que tampouco se explicaba cal era o proceso que se debería seguir agora que, segundo Pemex, consiste en agardar á licitación internacional.

Alberto Núñez Feijóo, candidato do PP á Xunta de Galicia, asegurou na mañá deste luns que Peña Nieto "sorprenderase" de que se "dubide" de México e as súas "empresas públicas", en referencia á petición de documentación oficial por parte da oposición para clarificar os termos do contrato.

Mariano Rajoy e Peña Nieto © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.