"O que hai no rural galego é inquedanza polo futuro"

Xurxo Álvarez, terceiro pola esquerda, tras a asemblea da Fruga © Fruga

A Fruga (Federación Rural Galega) celebrou esta pasada fin de semana en Lugo a súa segunda asemblea nacional, na a organización labrega advirte que seguirá na pelexa para contar con representación nas diferentes mesas de negociación que afectan o agro, a gandeiría e o sector forestal e reivindica o rural como "o futuro" de Galicia. Tras un amplo debate sobre as diferentes "inquietudes" que afronta o campo galego, Xurxo Álvarez foi reelixido como presidente da entidade. Nesta entrevista fai balance e analiza os retos futuros. 

Cal foi o debate principal na asemblea de Fruga?

Podemos dicir que o que hai, en xeral, é inquietude. Fomos debatendo a situación de cada un dos sectores básicos no rural e, o que máis e o que menos, amosou a súa inquedanza ante o futuro e que, na maioría dos casos, ten que ver cos baixos prezos que se lle pagan ao traballador. 

"No rural galega, en xeral, hai inquietude polo futuro"

Esa inquedanza da que fala parece aínda máis evidente no caso do sector leiteiro coa inminente fin das cotas...

No tema do leite, a novidade a maiores, ademais da problemática dos prezos, é precisamente esa desaparición das cotas, pero os prezos que se pagan están baixos coma noutros sectores. Obrigóuselles aos gandeiros a comprar cota para ter accesos a mellor explotacións, poder producir e ter bos prezos. Metéronse en gastos e investimentos que agora quedan en papel mollado... Non é moi diferente ao que ocorreu coas preferentes e parece obvio que debería haber unhas compensacións. Agora chega unha liberalización sobre a que debe tomarse algún tipo de medida porque non pode facer cadaquén o que lle dea a gana. Para empezar, hai normas a nivel europeo que impiden que os produtos agrarios poidan venderse por debaixo dos custos de produción, así que haberá que sentarse a falar e debater e artellar solucións aos problemas que chegan agora. 

"Ante a liberalización no sector leiteiro, hai que tomar medidas non porque non pode facer cada un o que lle dea a gana"

Pero aquí parece que os problemas só afectan a unha parte...

Como se adoita dicir, a río revolo, ganancia de pescadores. A industria, co beneplácito da Xunta e das administracións, fai o que lle peta. Os nosos gobernantes deben administrar todos os cidadás e non só a unha parte deles. Hai que sentar as partes para chegar a acordos. A famosa Mesa do Leite non está activa e non pode ser que unha parte se aproveite da outra. Ademais, é moi necesaria a posta en marcha dunha interprofesional láctea galega, coa presenza de todos os actores implicados e buscando os mecanismos para garantir os prezos. Pero o presidente galega está ausente, ao igual que a conselleira ou o Ministerio e mesmo a UE. Logo, de súpeto, aparecen unhas multas millonarias á industria que, non obstante, séguenlles compensando e permítelles seguir abusando. 

Na asemblea Fruga tratou tamén a problemática do despoboamento rural. 

Pouco se pode facer aquí se a Administración non intervén. Se as cousas están mal, é normal que o relevo xeracional non se produza. Non se pode estar traballando e gastando cartos para nada e son os gobernos os que teñen que levar a cabo políticas axeitadas, investir e coidar o rural. Eu son de Ourense e esta é a provincia máis desertizada a nivel agrogandeiro e logo non hai máis que lumes e incendios. Esas son tamén as consecuencias do abandono e o desleixo. 

"As subvencións non son un problema de cartos; hainos, pero están mal repartidos"

Fala Fruga de que o rural "é o futuro de Galiza".

Debemos partir da base de que se un país non é capaz de alimentar a poboación está empobrecido e ademais é dependente. Cada país ten que poder producir alimentos para a súa produción e Galiza pode, pero por outro lado están as politicas agrarias e as subvencións ou axudas que chegan da UE. Non pode ser que na PAC, 3.000 explotacions cobren igual que 600.000. Está claro a quen están dirixidas estas achegas. Non é un problema de cartos, senón de que os hai pero están mal repartidos. Non se pode estar subvencionando xente que non é agricultora, que non produce alimentos... A Fruga xa puido comprobar nunha xuntanza na UE que a administración comunitaria segue enrocada no mesmo por intereses dos terratenentes e de diferentes poderes, pero se o que se quere é potenciar a agricultura, a quen hai que protexer é aos agricultores. 

Di tamén a organización que pelexará por estar nas diferentes mesas de negociación dos asuntos que atinxen ao agro galego. Por que non o están? 

Somos unha organización, temos dereito a asociarnos e cumprimos todos os requisitos legais, pero a Administración non conta con nós malia ter representación, por exemplo, en todos os consellos reguladores menos nun. Falamos coa conselleira varias veces sobre o tema e mesmo con todos os grupos parlamentarios explicándolles a nosa situación. Todo o mundo está de acordo en que debemos estar presentes, pero falta que nos conviden ou inclúen nas mesas onde se discuten as políticas agrarias. Demos os pasos que tiñamos que dar, pero está claro que agora só nos queda protestar. 

"A Administración non conta con nós nas mesas de negociación; se cadra, moléstalles que sexamos unha voz discordante"

Daquela, por que non os teñen en conta?

A Xunta dános a razón como aos parvos, pero non os dá unha solución. Se cadra, moléstalles que sexamos unha voz crítica e discordante, pero a iso hanse ter que afacer. 

Xurxo Álvarez, terceiro pola esquerda, tras a asemblea da Fruga © Fruga
Asemblea nacional de Fruga, en Lugo © Fruga

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.