O Santander é condenado por usura por cobrar un 26% de xuros nunha tarxeta de crédito que “impuxo” para contratar unha hipoteca

Imaxe de arquivo dunha oficina do Banco Santander CC-BY-NC Remo-

A Audiencia avala unha sentenza dun xulgado de Marín e di que a diferenza “de máis de 8 puntos” a respecto da media de xuros das tarxetas 'revolving' naquel momento é “suficientemente notable ou palmaria” para considerar que houbo usura

O Poder Xudicial vén de facer pública unha sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra que avala outra previa dun xulgado de Marín e anula o contrato polo que o Banco Santander “impuxo” en maio de 2014 a unha persoa unha tarxeta de crédito do tipo revolving cun tipo de xuro do 26,82% (TAE ou taxa anual equivalente) como condición para outorgarlle unha hipoteca para mercar un piso. 

A sentenza salienta que o tipo de xuro supera en “máis de 8 puntos” a media naquel momento dese tipo de tarxetas, nas que as compras se aprazan non ao mes seguinte senón a varios meses, o que xa de por si supón máis xuros, “diferenza que podemos fundadamente cualificar como o suficientemente notable ou palmaria para considerar que nos atopamos ante o suposto” que prevé a lei contra a usura.

Tarxetas de crédito CC-BY Sean MacEntee

Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza, un matrimonio acordou co Banco Santander unha hipoteca para mercar un piso e “con ocasión da contratación da hipoteca, e como condictio sine qua non” a entidade bancaria “impuxo a contratación de diferentes produtos, entre os que incluíu unha tarxeta Visa Classic, da modalidade revolving”. “O contrato da tarxeta non foi obxecto de negociación algunha entre ambas partes, sen que previamente á contratación se ofrecera ao demandante calquera tipo de explicación sobre o funcionamento da tarxeta e sobre as consecuencias económicas que se derivarían do xogo das cláusulas do contrato referidas ao pagamento aprazado e uns xuros remuneratorios extremadamente altos”.

A tarxeta contemplaba “un tipo de xuro nominal anual do 24% (TAE do 26,82%), notablemente superior ao normal do diñeiro”, resume a sentenza, que engade que “así mesmo, prevé unha comisión de reclamación de posicións deudoras de 39 euros”.

A sentenza tira da xurisprudencia do Tribunal Supremo para interpretar a Lei de Represión da Usura de 1908 e comparar os xuros da tarxeta cos xuros medios da época en que se contratou

O debate xurídico do caso centrouse na interpretación da Lei de Represión da Usura, de 1908, que di que “será nulo todo contrato de préstamo no que se estipule un xuro notablemente superior ao normal do diñeiro e manifestamente desproporcionado coas circunstancias do caso”, expresións que non van acompañadas de ningunha porcentaxe ou escala comparativa.

A Audiencia de Pontevedra tira da xurisprudencia do Tribunal Supremo e aplica como termo de comparación as estatísticas do Banco de España sobre os tipos de xuro medios aplicados ás tarxetas revolving en maio de 2014, cando se contratou esta, constatando que “era do 18,68%, o que implica unha diferenza de máis de cinco puntos co tipo de xuro nominal recollido no contrato de tarxeta de crédito” e “de máis de oito puntos respecto da TAE (26,68%)”. A Audiencia conclúe cualificando a diferenza como “notable ou palmaria” e avala a sentenza orixinal, contra a que recorrera o Santander, declarando nulo o contrato da tarxeta “por existencia de usura”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.