Este xoves o Banco Santander concretou os efectos do seu anunciado Expediente de Regulación de Emprego (ERE), que afectará a 271 dos seus traballadores e traballadoras en Galicia e que implicará o peche de 135 oficinas, ao redor dun terzo das que ten na actualidade (478). Os peches terían lugar en 64 oficinas na Coruña, 37 en Pontevedra, 19 en Lugo e 15 en Ourense, segundo cifras provisionais que deben aínda ser negociadas. Esta reorganización á baixa das oficinas do Santander é consecuencia, entre outros factores, das absorcións do Banco Popular e do Banco Pastor, que tivo lugar hai dous anos.
Entre decembro de 2015 e decembro de 2018 a cifra de oficinas bancarias continuou reducíndose, ata chegar a 1.491 sucursais en Galicia, 218 menos
O proceso de peche de oficinas engádese a unha dinámica de redución iniciada nos primeiros momentos da crise económica que comezou no 2008. Nese ano había en Galicia 2.535 sucursais bancarias, un número moi semellante ás 2.539 oficinas que había unha década antes, en 1999, xusto antes da fusión de Caixavigo, Caixa Ourense e Caixa de Pontevedra, que deu lugar a Caixanova. Porén, a finais de 2015 esa cifra xa se reducira considerablemente, ficando en 1.719 oficinas, 816 menos que en 2008. Os peches afectaron a case todas as entidades, pero sobre todo ás que antes pertencían ás redes de Caixa Galicia e Caixanova.
O ERE do Santander e o peche de 135 oficinas deixará este indicador nunhas 1.356 sucursais
Dende entón varias entidades bancarias de todo o Estado, que foron completando procesos de fusión e reestruturación, presentaron Expedientes de Regulación de Emprego e seguiron modificando o seu mapa de oficinas en Galicia. Entre decembro de 2015 e decembro de 2018 a cifra de oficinas bancarias continuou reducíndose, ata chegar a 1.491 sucursais en Galicia, 218 menos.
Agora, o ERE do Santander e o peche de 135 oficinas, deixará este indicador nunhas 1.356 sucursais, pouco máis da metade das que existían en Galicia no ano 2008 (2.536).
43 concellos sen oficina bancaria
43 concellos galegos carecen de oficina bancaria, case o 14% do total, unha situación que afecta ao 2% da poboación
43 concellos galegos carecen de oficina bancaria, case o 14% do total, unha situación que afecta ao 2% da poboación. Como referencia, en Castela-León (con concellos moito menos poboados) esta situación se dá en 1.767 localidades (15,1% da poboación), en Aragón en 413 (4,3% da poboación), en Estremadura en 145 (5,6% da poboación) e en Navarra en 147 (7% da poboación). Con todo, aínda que en número de concellos afectados Galicia está lonxe doutras comunidades, no que respecta á veciñanza que non ten acceso a este servizo, o noso país sitúase preto da media española (2,7%).
Os peches de oficinas que tiveron lugar na última década afectaron a todo tipo de localidades: tanto ás máis poboadas como ás máis pequenas e rurais, pero seguramente o efecto foi moito maior nestas últimas, obrigando os veciños e veciñas a desprazarse a outras localidades ou a núcleos distantes do seu propio concello.
Neste mapa pódese observar o actual mapa de sucursais bancarias existente en Galicia. Os concellos sen oficinas sitúanse sobre todo na provincia de Ourense, mentres que a zona interior de Lugo atópase mellor cuberta grazas ás oficinas da Caixa Rural Galega. Chama a atención, igualmente, que un gran número de localidades do interior da provincia da Coruña tamén carecen deste servizo.
Estas son as 478 oficinas do Santander en Galicia
Á espera do anunciado peche de 135 sucursais, o Banco Santander conta con 478 oficinas en Galicia, produto en parte da absorción do Banco Pastor e do Banco Popular. Neste mapa pódese observar a actual distribución destas oficinas, localizadas sobre todo na provincia da Coruña (nomeadamente pola rede do Pastor), algo menos na de Pontevedra e Lugo e de forma algo máis reducida na de Ourense.