O SLG pídelle a Mercadona que cumpra a súa promesa de subir o prezo que paga polo leite

Vacas nunha explotación gandeira © Xunta

Iparlat, provedora de Mercadona, mantivo contactos nos últimos días con gandeiros da Terra Cha e comprometeuse a ofrecerlles no próximo pagamento 1,5 céntimos máis por litro. O Sindicato Labrego Galego (SLG) pídelle a Mercadona que cumpra a súa promesa e ao resto dos distribuidores que imiten o exemplo para "evitar a ruína de miles de familias que en Galiza de xeito directo e indirecto viven do sector lácteo". O SLG esíxelles ás grandes cadeas que deixen de utilizar o leite como produto reclamo, "impoñéndolles aos produtores e produtoras de leite prezos moi inferiores aos custos de produción, como está a acontecer na actualidade". 

O sindicato lembra que ao redor de 66 mil persoas dependen de xeito directo ou indirecto da produción leiteira en Galicia

O SLG denuncia unha vez máis o estado no que se atopan os produtores de leite en Galicia, que en maio e xuño recibiron 29 céntimos de media por litro, e que na actualidade o prezo pagado aínda descendeu máis, até os 27 céntimos. Os custes de produción, por mor do incremento dos prezos do combustible e dos cereais, están xa en 37 céntimos, o que fai insostible esta situación. O SLG salienta que os produtores galegos reciben un 5,5% menos que a media estatal, e até un 15,61% menos do que se lles paga ás explotacións valenciás. Ademais, o prezo percibido polas gandeiras e gandeiros galegos é un 5,48% inferior ao de Portugal, un 1,10% inferior ao de Francia, un 5,65% inferior ao de Alemaña e un 12,16% inferior ao de Holanda.

O sindicato lembra que ao redor de 66 mil persoas dependen de xeito directo ou indirecto da produción leiteira en Galicia. 

Vacas nunha explotación gandeira © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.