O Supremo ratifica a nulidade do ERTE aplicado por XEAL en 2020 e subliña a "mala fe" da empresa

Concentración do persoal de Xeal © CIG

Para a CIG o auto ratifica "que non existían causas organizativas e que o único que buscaba a empresa era aproveitarse da pandemia para aforrar cartos e avanzar no plan de recorte da produción"

O Tribunal Supremo desestimou o recurso de casación interposto por XEAL -antiga Ferroatlántica- contra a sentenza do TSXG que anulara o ERTE por causas organizativas imposto pola empresa entre abril e xuño de 2020. O ERTE estivo afectou a 213 traballadores e traballadoras das fábricas de Cee e Dumbría e das centrais hidroeléctrica e a outras 18 persoas de Operacións e Mantemento.

O auto do tribunal subliña ademais a "mala fe" da empresa durante todo o período de consultas ao non facilitar toda a documentación requirida pola parte social para o desenvolvemento das negociacións, "chegando mesmo a ocultar información de relevancia" como a substitución da produción do forno 14 (de silico manganeso) polo forno 12 (de ferro silicio), sinala a CIG.

Mobilización do persoal de XEAL en Compostela © CIG

Para o sindicato a aplicación deste ERTE "é unha evidencia máis da fraude que supuxo a operación de venda do complexo industrial e enerxético"

O sindicato destaca que o ditame "ratifica o que a CIG mantivo durante toda a negociación", é dicir, "que non existían causas organizativas e que o único que buscaba a empresa era aproveitarse da pandemia para aforrar cartos e avanzar no plan de recorte da produción". Para o sindicato a aplicación deste ERTE "é unha evidencia máis da fraude que supuxo a operación de venda do complexo industrial e enerxético".

A CIG lembra que non houbo en ningunha outra industria electrointesiva un ERTE por causa da pandemia, xa que o sector tivo a consideración de esencial, e mantivéronse a pleno rendemento aproveitando o baixo prezo da enerxía. 

A notificación do Supremo coñecese pouco antes do inicio de mobilizacións para esixirlle á empresa un plan industrial e de viabilidade das fábricas, que recupere todo o emprego destruído nos últimos anos e que aplique o convenio colectivo propio actualizado

A notificación do Supremo coñecese pouco antes do inicio do calendario de mobilizacións acordado pola asemblea de traballadoras e os traballadores para esixirlle á empresa un plan industrial e de viabilidade das fábricas, que recupere todo o emprego destruído nos últimos anos e que aplique o convenio colectivo propio actualizado. A primeira mobilización terá lugar este xoves 15 en Compostela cunha manifestación que sairá ás 11 horas da entrada principal do edificio da Xunta en San Caetano e que rematará diante das oficinas de Augas de Galicia, situadas na Praza Camilo Díaz Baliño.

O sindicato lembra que que dende a chegada do fondo de investimentos Sixth Street Partners e Ithaka "destruíronse máis de 30 postos fixos e aproximadamente 80 eventuais e a industria auxiliar practicamente desapareceu, co impacto que isto supón para o emprego da comarca". Ademais, nestes momentos só hai un forno en funcionamento en cada unha das fábricas.

Protesta do persoal de XEAL en Cee © CIG

A pesar deste recorte drástico da produción e o desmantelamento progresivo das instalacións de Cee e Dumbría, XEAL multiplicou por seis seus beneficios, afirma a CIG. "E agora pretende aumentar a produción de enerxía con dúas novas explotacións hidroeléctricas para engordar aínda máis os seus beneficios, mais sen cumprir coas cláusulas concesionais de acordo aos termos interpretados recentemente pola sentenza do TSXG do 5 de novembro de 2020", engade.   

A pesar do recorte drástico da produción e o desmantelamento progresivo das instalacións de Cee e Dumbría, XEAL multiplicou por seis seus beneficios, afirma a CIG

O pasado mes de xuño o comité de XEAL presentou denuncia penal contra a directora de Augas de Galicia, o conselleiro delegado do Grupo Ferroatlántica, os administradores de Ithaka Partners e o apoderado de XEAL por "posíbeis delitos de prevaricación por omisión, delito de prevaricación polo ditado dunha resolución inxusta e por un delito contra os traballadores". O comité acordou iniciar esta vía "ante a pasividade reiterada da Xunta" para requirirlle á empresa que cumpra coas cláusulas esenciais das concesións hidroeléctricas e as diferentes sentenzas xudiciais que avalan a vinculación das actividades enerxética e de produción de ferroaliaxes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.