O traslado da atención telefónica de Naturgy a Colombia pon en risco un cento de empregos na Coruña

Mobilización de persoal de Teleperformance ante unha sede de Naturgy na Coruña, nunha foto de arquivo CC-BY-NC-SA CIG

O 80% da atención telefónica de Unión Fenosa Distribución (UFD) que Naturgy realizaba desde A Coruña trasladarase a Colombia, poñendo en risco arredor dun cento de postos de traballo. Esa é a denuncia que realiza CCOO, que advirte que a empresa subcontratada pola eléctrica, Teleperformance, foi quen anunciou esta decisión ao comité de empresa hai xa uns días. 

CCOO denuncia que o 80% da atención telefónica de Unión Fenosa Distribución que Naturgy realizaba desde A Coruña trasladarase a Colombia

Comisións lembra que a campaña de UFD -distribuidora de electricidade do grupo Naturgy- é un servizo "que se leva prestando na Coruña desde hai máis de 25 anos mediante asistencia telefónica que inclúe atención ao cliente nas zonas de distribución de Fenosa (Galicia, Castilla ou Madrid, entre outros)". A través dela, os teleoperadores ofrecen información técnica, sobre avarías ou reclamacións, ademais de encargarse das ordes de servizo para o persoal técnico, a xestión de labores administrativos ou a atención comercial, funcións todas elas que se fan de maneira exclusivamente telefónica ou por correo electrónico. 

Teleoperador nun centro de chamadas CC-BY-SA CCOO

A decisión, segundo denuncia o sindicato, afecta un cadro de persoal dun total de 118 traballadores dun servizo que chegou a empregar preto de 500 e que agora limítase á atención técnica, logo de que se cancelasen as campañas comerciais de luz e de gas. Non é a primeira denuncia pola deslocalización dos servizos por parte de Naturgy nos últimos anos, logo de que se centralizase en Madrid o control da rede eléctrica hai ano e medio

CCOO denuncia as "importantes repercusións" que para persoal e clientes tería esta decisión. "Tan só serán vinte persoas as que se van ocupar da atención telefónica de servizo técnico, non podendo dar suficiente cobertura e desde logo nunca en galego", di Comisións, que advirten tamén de que nas avarías ou incidencias "hai que ter en conta as particularidades de Galicia". "As nomenclaturas, os diferentes lugares e parroquias, a distribución... Algo que se vai realizar desde Colombia, cun descoñecemento total da nosa xeografía", advirte. 

CCOO advirte de que só vinte persoas quedarán no servizo na Coruña e que realizar o labor desde Colombia supón obviar as "particularidades" da xeografía galega

"A poboación envellecida en Galicia non require só atención en galego, senón tamén que o operador coñeza as particularidades do terreo para dar unha correcta atención", insiste o sindicato, que tamén alerta do feito de que os datos dos clientes de Naturgy estean "nun país que carece da estrita regulación sobre protección de datos existente na UE, co grave risco que pode supor en materias tan sensibles como venda de datos persoais e posibles fraudes".

Desde Naturgy explican que, logo de finalizar os contratos actuais, UFD licitou o servizo de plataforma telefónica. "Unha das condicións que estableceu para a adxudicación foi manter a atención en galego", aclaran. Segundo a compañía, Teleperformance, que volveu ser o adxudicatario, "comprometeuse a manter a atención en galego e facelo desde Galicia". "De realizarse o resto de servizos desde outra localización, recolocará os seus empregados noutros dos servizos que brinda", di. 

Instalacións de Teleperformance CC-BY-SA CCOO

Naturgy asegura que a subcontrata manterá a atención en galego e desde Galicia e que, se o resto de servizos se trasladan, o persoal afectado será recolocado

Desde CCOO aseguran que "non existe un compromiso claro por parte da empresa de recolocación do persoal afectado noutros servizos". 

En canto ás críticas sobre as posibles vulneracións na protección de datos, Naturgy aclara que os datos dos clientes de UFD "non se transfiren e, polo tanto, seguen situados en infraestrutura española e protexidos polas directivas comunitarias". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.