Os datos desmontan a teoría da Xunta para o aumento do paro

Feijóo e a conselleira de Traballo, coa CEG, CC.OO. e UGT © Conchi Paz

Galicia pechou o 2014 con malas novas para o emprego. Se ben é certo que o exercicio rematou con 19.000 persoas menos inscritas nas oficinas de emprego que en decembro de 2013, non o é menos que tanto os datos de afiliación á seguridade social como a Enquisa de Poboación Activa acreditan que o país segue a destruír emprego mentres a emigración segue a ter un papel nada desdeñable. Este é o contexto no que o Goberno galego, ademais de destacar que "somos a terceira comunidade que máis baixou o paro nos últimos doce meses", en referencia ao paro rexistrado -inscricións no Servizo Público de Emprego-, atribuíu o incremento do desemprego no tramo final do pasado ano á posta en marcha das novas axudas do Goberno central, unha teoría que os datos veñen desmontar.

Foi o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, quen lle puxo voz a esta hipótese nos primeiros días de 2015. A xuízo do titular da Xunta cabía explicar os malos datos -Galicia foi a autonomía con maior medre do paro rexistrado- porque "persoas que non estaban en paro se anotan no paro no mes de decembro, entendemos que porque vai haber unha serie de axudas por parte do Goberno central para parados sen prestacións". E para poder acceder a elas, afirmaba, "se necesitan, loxicamente, eses apuntes", concluía.

Feijóo atribuíu o incremento do paro rexistrado en decembro á intención de lograr as axudas pactadas polo Goberno central con CEOE, CC.OO. e UGT

As axudas ás que se refería Feijóo son as do Programa de Activación para el Empleo pactado polo Goberno de España coa CEOE, CC.OO e UGT, que consisten esencialmente nun subsidio de 426 euros mensuais. Aínda que as propias condicións do plan, publicadas no BOE do 20 de decembro, invalidaban por si soas a explicación ofrecida polo presidente -para poder acceder ás axudas cumpría que a inscrición no paro fose anterior ao 1 de decembro, entre outros requisitos-, os datos das solicitudes desta axuda fano aínda máis.

Segundo o Ministerio de Emprego unhas 24.500 persoas solicitaron estas axudas en todo o Estado, das cales algo máis de 1.700 son galegas. Mentres, as novas inscricións no paro durante o mes de decembro foron case 3.300, polo que resulta difícil establecer unha relación de causa e efecto entre ambas cifras.

Os números do departamento de Fátima Báñez serven ademais para comprobar o escaso impacto da medida entre quen non teñen traballo e tampouco conservan xa ningunha prestación. Así, a suma das persoas que obtiveron ata o momento esta nova axuda e mais as que accederon ao denominado Plan Prepara na actual lexislatura estatal son unhas 32.500, mentres que os propios datos oficiais indican que en Galicia hai unhas 120.000 persoas no paro e sen ningunha prestación. O impacto tamén é reducido no sector da poboación ao que Mariano Rajoy, a patronal e os sindicatos asinantes se referiron no lanzamento do programa, toda vez que só en Galicia hai case 110.000 persoas que poden ser consideradas paradas de longa duración, ao levaren á procura dun emprego máis de dous anos.

Todo isto sucede nun contexto no que a taxa de cobertura das prestacións por desemprego non deixa de baixar. Nesta liña, o Instituto Galego de Estatística amosa que a finais de 2014 estas prestacións, contributivas ou non contributivas, só chegaban ao 51% das persoas inscritas como demandantes de emprego, mentres que un ano antes esta taxa superaba o 55%. Asemade, a EPA amosa un panorama no que en 30.800 fogares galegos non entra ningún ingreso, unha cifra que a comezos de 2011 non chegaba ás 24.000.

Feijóo e a conselleira de Traballo, coa CEG, CC.OO. e UGT © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.