Os empregados públicos, dispostos a ir á folga contra os "ataques" de Feijóo

Mobilizacións dos empregados públicos CC-BY-NC-ND CIG

Non cesarán as protestas no colectivo de empregados públicos contra o proxecto de lei que vén de aprobar o Consello da Xunta. CIG, CSI-F, CCOO e UGT teñen programada unha inxente cantidade de actos de protesta contra un documento "inxusto", "agresivo" e que precarizará as condicións laborais deste colectivo. "Non somos os culpables da mala xestión nin da crise", berraron na mobilización deste xoves os traballadores públicos. O documento, que só "foi maquillado" no tocante ás baixas laborais, como condena Fernando García (CIG), espertou máis aínda a contestación social contra a austeridade do gasto público.

Para os sindicatos da función pública este proxecto de lei configura "unha Administración dual con precarización a través de minijobs para interinos e temporais que afectará a máis de 1.500 traballadores". O regulamento establece a redución de xornada dos interinos ao parecer do Goberno, pero a administración aínda non especificou en base a que necesidades se porá en marcha esta partición da xornada laboral, a quen afectará ou que aforro "real" vai reportar ás arcas públicas. "A cifra de 80 millóns de aforro é unha falacia sen sentido, non está desglosado no proxecto e tampouco se nos explicou", arremeteron fontes sindicais consultadas por Praza.

Segundo os representantes da CIG, CCOO, UGT e CSI-F, as protestas van continuar. "O proxecto está aprobado polo Consello da Xunta pero aínda queda o trámite parlamentario, onde se pode modificar", reseña García. "Mentres haxa posibilidades de que isto non saia adiante nós manteremos as mobilizacións". As centrais consultadas por Praza coinciden en que "o Goberno non se esperaba a unidade sindical" nin, din, "o apoio maioritario dos empregados públicos" a esas accións de protesta. A CIG non descarta facer un chamamento á folga xeral, aspecto no que son máis cautos nos outros sindicatos. "Nós non descartamos nada", afirmou María Carme Santamariña. Pero no sindicato nacionalista non queren romper a unión sindical. "Queremos facer as cousas de maneira consensuada", puntualizaron.

O exemplo de Esperanza Aguirre

Segundo fontes sindicais presentes na última Comisión de Persoal, a Xunta puxo como exemplo a "didáctica" da presidenta da Comunidad de Madrid, Esperanza Aguirre. "Aquí lócense tanto que usan como referencia o que di esta muller", confirmou Fernando García a este diario. "É ridículo, dixeron que según Aguirre estas medidas serven para aforrar". Un exemplo "gravísimo" que, a ollos dos sindicatos, demostra que Alberto Núñez Feijóo está "seguindo o patrón do sector máis conservador do PP, colleu as medidas da peor dereita".

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.