Os estaleiros galegos competirán cun mínimo de dúas empresas polos floteis de Pemex

Carlos Morales Gil, director de Pemex Exploración y Producción © El Regional de Veracruz

Foi unha das grandes batallas da campaña electoral galega. Os contratos de Pemex ou, o que é o mesmo, o compromiso de construción de dous buques hoteis (floteis) en Barreras e Navantia que o Goberno galego con Alberto Núñez Feijóo á fronte deu por feito seguen a súa historia alén do 21-O. E todo semella indicar que a seguridade de que o encargo chegue a Galicia non é tal, cando menos polo momento. Despois de que, como vén relatando Praza Pública, diversos directivos da multinacional mexicana negasen que o encargo estivese pechado, agora é a filial encargada de encargar os buques, Pemex Exploración y Producción (PEP), a que detalla como realizará finalmente a adquisición. Farao a través dunha licitación internacional "por convite restrinxido" que porá en marcha "nun máximo de dúas semanas". Isto quere dicir, polo tanto, que Barreras e Navantia terán competidores.

Segundo recollen varios medios mexicanos, como Sipse ou Milenio, o director de PEP, Carlos Gil, explicou o pasado día 9 que a empresa recibu "catro cotizacións" e "as ofertas finais deberán ser presentadas polas compañías interesadas unha vez que se emita a licitación", momento no que se coñecerán as "bases do concurso" co "obxectivo de axilizar o que será a adquisición ou renda dos equipos mariños" -confírmase, polo tanto, que PEP pode mercar ou alugar os floteis-. E, quen son as interesadas? "Pemex Internacional cos estaleiros españois", isto é, unha subsidiaria de Pemex que lle faría o encargo a Barreras e Navantia no caso de resultar gañadora, os estaleiros Goymar -de orixe vasca- e tamén TMM (Transportación Marítima Mexicana).

O PSdeG esixe que Feijóo dea explicacións no debate de investidura

Así as cousas, a oferta que as empresas galegas canalizan a través de Pemex Internacional terá que competir con, cando menos, unha empresa de México. "A adquisición (...) beneficiará aos que outorguen os mellores prezos", explica Gil, quen ademais especifica que "sobre a flota menor que tamén busca adquirir Pemex", á que segundo a Xunta tamén poderían concorrer empresas galegas, "se dará prioridade aos estaleiros mexicanos, toda vez que din contar coa capacidade para construír este tipo de equipos".

"A presión do escándalo pola entrega sen máis de contratos aos estaleiros de Galicia provocou que Pemex recuase", di a prensa mexicana

Estas novas eran recollidas este martes polo PSdeG que, a través do deputado Abel Losada, volven reclamar explicacións e a tomar postura "contra a utilización partidaria" deste asunto. "Hai unha licitación, os estaleiros galegos competirán e oxalá leven a adxudicación" pero "se hai unha licitación, non hai" as "garantías" que deu Feijóo, razoa. Neste sentido, Losada coida que o actual presidente en funcións pode aproveitar o debate de investidura para detallar se esta é "unha licitación de ficción" e, polo tanto, a elección xa está decidida ou se, pola contra "hai unha licitación na que as empresas galegas se presentarán e competirán".

Mentres, dende México, o xornalista económico Alberto Barranco explicaba este luns, dende as páxinas do xornal El Universal, a que coida que é versión real dos feitos: "Finalmente, a presión do escándalo pola entrega sen máis de contratos para a construción de hoteis flotantes aos estaleiros de Galicia provocou que Pemex recuase e abra unha licitación internacional, só que con convite restrinxido". "Ata hoxe solicitáronse tres posturas, incluídas a dos estaleiros españois a nome de Pemex Internacional", constata. "Ao fin -subliña- unha empresa nacional está na pelexa", di, en referencia a TMM.

Carlos Morales Gil, director de Pemex Exploración y Producción © El Regional de Veracruz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.