Os fogares con todos os membros no paro duplicáronse en Galicia dende 2009

Exterior dunha oficina de emprego © Encomun.es

Galicia ten 277.100 persoas en situación de desemprego, segundo a Enquisa de Poboación Activa do terceiro trimestre do ano en curso. Son 13.100 máis que hai un ano nun panorama que, á marxe de subas ou baixas puntuais entre trimestres, as bolsas de persoas sen traballo non deixan de medrar. Neste contexto, con independencia dos anuncios gobernamentais relativos a un teórico "inicio da recuperación económica", unha ollada á letra miúda destas estatísticas oficiais permite tirar datos preocupantes para a economía real, que é tanto como dicir para os dereitos, o benestar e mesmo a supervivencia das persoas.

Os datos da EPA peneirados polo Instituto Galego de Estatística amosan que no país hai xa 89.200 "vivendas", isto é, familias ou unidades de convivencia, na que todos os seus membros activos están no paro. Esta cifra duplica sobradamente os 44.500 fogares que se atopaban nesta situación a finais de 2009 e son 10.000 máis que doce meses antes. A esta conxuntura engádese un factor que fai a situación destas familias aínda máis insostible: hai 31.400 fogares en Galicia nos que non consta ningunha persoa que perciba ingresos, un 63% máis que hai catro anos.

Os fogares sen ingresos medraron un 63% nos últimos catro anos

Como é evidente, estas cifras non só derivan nun empeoramento das condicións de vida das persoas que padecen directamente o desemprego ou a carencia de recursos económicos, senón tamén para quen depende delas, a comezar polos fillos e fillas. Neste sentido, o IGE rexistraba a finais de 2012 -último dato dispoñible- uns 12.200 nenos e nenas residentes en fogares nos que ningún dos seus membros ten traballo. No inicio do período analizado, en 2009, eran 7.600.

Uns 12.200 nenos e nenas residen en fogares nos que ninguén ten traballo remunerado

A paisaxe humana que describen estes datos deriva, en boa medida, de que unha parte nada desprezable das persoas ás que a crise deixou no paro non dá atopado unha nova oportunidade laboral. Así, unhas 97.400 galegas e galegos levan no desemprego máis de dous anos, un continxente cidadán que hai só un ano estaba formado por 72.400 persoas e hai catro, por 23.400, o que implica un incremento do 316%. Xunto a estas persoas hai 8.000 máis que levan máis de dous anos buscando o seu primeiro emprego, un indicador que hai catro anos era residual, xa que non contabilizaba a máis de 2.000 persoas.

Exterior dunha oficina de emprego © Encomun.es

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.