Os pulmóns do naval galego, líderes do paro urbano

Mobilización do naval ferrolán © CIG

Son as dúas capitais do sector naval galego e son, polo tanto, as cabeceiras de senllas comarcas azoutadas pola durísima crise económica xeral, pero tamén polas dificultades que arrastra o propio sector dende hai anos. O freo europeo ao tax lease -beneficios fiscais-, nos estaleiros privados de Vigo e o veto á construción naval civil dos públicos de Ferrol son só dous exemplos dunhas empresas e profesionais en depresión que, unha vez pasada a campaña electoral, corren o risco de caer de novo fóra dos grandes titulares. Tamén dos referidos ao desemprego en Galicia, aínda que unha ollada aos datos debullados polo Instituto Galego de Estatística dentro da Enquisa de Poboación Activa (EPA) permiten observar que encabezan este xa dramático rexistro.

Vigo é a cidade que, cun 24,2%, máis se aproxima á media estatal de desemprego

Nun contexto no que o conxunto de Galicia diminuíu levemente no terceiro trimestre do ano -nunhas 11.900 persoas- pero subiu un 16,53% a respecto de hai un ano, a EPA reflicte que a cidade do país cunha maior taxa de paro é Vigo, que cun 24,2% é a que máis se aproxima ao 25,02% do conxunto do Estado. Esta cifra é avultada e, ademais apenas deixou de medrar nos últimos tres anos. Nomeadamente, só descendeu levemente un punto porcentual entre o primeiro e o segundo semestre de 2012 -do 24% ao 23,9%- e dun xeito semellante a comezos de 2011. Deixando á marxe estas excepcións, o crecemento é ininterrompido dende 2009, ano que Vigo pechou cun 15,6% de paro.

A situación non é moito mellor en Ferrol, tan só unha décima por baixo de Vigo no terceiro trimestre de 2012. Si supera á cidade viguesa no que atinxe ao ritmo de crecemento da taxa de persoas sen traballo, xa que no segundo trimestre tivo un 20,8% e no primeiro, un 16,1%. Así e todo, a cidade departamental rolda o 20% de paro dende hai máis de dous anos, ficando moi lonxe do 12,6% co que pechou o ano 2009, ano no que comezou a súa grande escalada.

As preocupantes cifras de desemprego dos dous pulmóns do naval galego son a punta de lanza nun contexto no que as cidades galegas se comportan de maneira desigual. Así, xunto a Vigo e Ferrol tamén Ourense incrementou a súa taxa de paro entre o primeiro e o segundo trimestre do ano, situándose na actualidade no 21,6%, segundo o INE. Mentres, o resto de urbes galegas lograron, con maior ou menor intensidade, reducir un chisco este indicador nos últimos meses. É o caso de Lugo, que pasou do 17,8% ao 16,3%, de Santiago, do 20,9% ao 18,4%, ou de Pontevedra, do 22% ao 19,7%. Neste contexto, a cidade na que polo momento menos impacta o desemprego é A Coruña, que rematou o terceiro trimestre cun 14,9% despois de ter un 13,4% e un 15,3% nos dous anteriores.

O sector naval en Vigo atravesa unha grave crise Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.