Os sindicatos prevén un "éxito" na folga xeral en Galicia

Manifestación previa á folga xeral CC-BY-SA mafergo

Galicia afronta a súa décimo cuarta folga xeral da historia, desta vez contra a reforma laboral do Goberno de Mariano Rajoy e no medio dunha crise económica e unha taxa de desemprego sen precedentes. Oficialmente, no país hai 274.675 desempregados rexistrados segundo os últimos datos, 26.396 persoas máis que no mes de febreiro de 2010 tras un incremento interanual do 10,63%, unha suba que supera a taxa estatal, do 9,6%. No entanto, a cifra real sobe ás 291.496 persoas paradas e anotadas nos servizos de colocación, xa que 16.821 non constan como desempregadas malia que si o están e buscan un posto de traballo de maneira activa.

Unha vez máis, as manifestacións que se celebrarán en todas as cidades galegas faranse por separado

Neste panorama afrontan os sindicatos unha folga contra a reforma laboral que foi convocada primeiro pola CIG e á que se uniron semanas despois CCOO e UGT tras a convocatoria a nivel estatal. Unha vez máis, as manifestacións que terán lugar en todas as cidades galegas faranse por separado, unha convocada pola central nacionalista (nalgúns lugares sumaranse a ela CUT ou CNT) e outra por CC.OO. e UGT. CUT, CNT, CGT e STEG convocaron nalgunhas cidades e vilas outras manifestacións entre as que tamén se inclúen as de varios grupos simpatizantes do movemento 15-M. 

Será unha xornada de paro e protesta contra unha reforma laboral que todos os sindicatos coinciden en que creará máis desemprego, ademais de desprotexer o traballador, aumentar a precariedade e provocar unha ilimitada arbitrariedade empresarial ao abaratar e facilitar o despido. Desde CCOO e UGT confían en que a folga sexa apoiada "masivamente", tanto no que ten que ver co paro da actividade como nas manifestacións, e confían en que "o éxito" o sexa tamén para facer rectificar o Goberno central.

Desde a CIG prevén "un éxito rotundo" tras comprobar que os traballadores "saben perfectamente o que se lles vén enriba con esta reforma laboral".

O ambiente que trasladan as centrais sindicais é de optimismo. Desde a CIG prevén "un éxito rotundo" tras comprobar que os traballadores "saben perfectamente o que se lles vén enriba con esta reforma laboral". "A clase traballadora sabe que ten que responder ante un empresariado que está moi crecido; a resposta que estamos a ter nas asembleas a prol da folga é máis positiva aínda que noutras ocasións", resumen desde a central nacionalista. Desde a CUT, pola súa banda, prevén "unha resposta contundente e clara" porque "era unha folga que a xente estaba pedindo".

Malia os recursos presentados por CIG, CCOO e UGT, o TSXG ratificou os servizos mínimos ditados pola Xunta e rexeitou a súa suspensión cautelar

Malia os recursos presentados por CIG, CCOO e UGT, o TSXG ratificou os servizos mínimos ditados pola Xunta e rexeitou a súa suspensión cautelar. Desde as centrais sindicais advirten que son "abusivos" e recordan que a Xustiza xa botou abaixo servizos mínimos como os que determinou a Administración autonómica para esta folga xeral.

© CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.