Os traballadores do naval continúan coas protestas en Ferrol

Traballadores do naval, chegando ao Concello de Ferrol Dominio Público @tonysese

O naval segue a mobilizarse. Preto duns 3.000 traballadores das instalacións de Navantia en Ferrol e Fene concentráronse na mañá deste martes na praza de Armas da localidade departamental e ocuparon pacificamente o palacio municipal para volver reclamar carga de traballo e unha resposta definitiva ao prometido dique flotante para os estaleiros da ría.

O peche dos delegados no Concello continuará, logo de cumprirse unha semana

Mentres, os delegados dos comités de Navantia reuníronse co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, ao tempo que representantes do comité e das empresas auxiliares confirmaron que continuarán co seu peche nas intalacións do Concello e do que xa se cumpre unha semana. 

Os traballadores de Navantia, logo dunha asemblea en Bazán, percorreron a pé as rúas de Ferrol até a praza de Armas, onde agardan o resultado da conversa que os seus representantes mantiveron co rexedor, ao que pediron explicacións sobre as xestións realizadas polas administracións para conseguir carga de traballo e avanzar na chegada dun dique flotante que a propia Navantia recoñeceu como improbable nunha carta ao alcalde de Fene.

Os sindicatos ven nos anuncios de futuros acordos unha manobra electoral e piden concreción

En canto aos anuncios de posibles acordos con Pemex para construír un buque-hotel, os sindicatos ven nesa noticia sen confirmar unha manobra electoral e piden concreción e "contratos" que aseguren o traballo dos operarios no futuro máis inmediato.

Ao mesmo tempo, o candidato do PSdeG ás eleccións, Pachi Vázquez, reunirase "en poucos días" co sector naval galega logo de "percorrer Europa" para "reunirse con distintos comisarios" na busca dunha alternativa ao tax lease.

Traballadores do naval, chegando ao Concello de Ferrol Dominio Público @tonysese

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.