Ou acordo 'in extremis' ou folga de entregas de leite

Manifestación de gandeiros galegos © SLG

Ou acordo de última hora ou folga total de entrega de leite. O tres sindicatos agrarios maioritarios en Galicia veñen de asegurar que prevén "paralizar" a partir das doce desta noite as entregas de leite en toda Galicia para protestar contra os baixos prezos da materia prima en orixe e poder presionar así as industrias para que negocien cos gandeiros un importe que cubra os custos de produción e que acabe coa discriminación que sofre o agro galego.

A reunión desta tarde pretende evitar unha folga que, no entanto, semella asegurada

O secretario de Organización de UUAA, José Rodríguez; o secretario xeral técnico de XXAA, Juan Pérez, e o coordinador de Sectores Gandeiros do SLG, Xavier Gómez, deixaron claro a súa postura e as súas intencións, aínda que aclararon que representantes sindicais, das empresas, da distribución e da Xunta celebrarán esta tarde unha xuntanza en Compostela para intentar chegar a un acordo que evite a folga.

Non  hai moita esperanza. Os sindicatos están convencidos de que as entregas de leite "paralizaranse" e advirten xa duns días "complicados" no sector leiteiro que pode provocar un certo desabastecemento, pero que xustifican pola situación desesperada duns gandeiros que cobran menos de 28 céntimos por litro de leite, mentres que o gasto só en pensos supera en bastante esa cantidade. Galicia soporta os prezos máis baixos do mercado europeo.

Os gandeiros piden un prezo xusto e que se aplique a "lexislación en vigor" para que os gandeiros poidan "negociar o importe en común"

A reclamación dos sindicatos non é máis que que se cumpra "a lexislación en vigor" e que os gandeiros poidan "negociar en común o prezo do leite" e "cambiar de industria" se as condicións non son as axeitadas para polo menos sobrevivir. Aínda que o obxectivo non é "desabastecer o mercado" totalmente, todas as centras sindicais asumen que o paro na entrega pode derivar nalgún problema no mercado, polo que piden comprensión á sociedade ante unha situación límite.

Para facer unha valoración das primeiras horas de folga, representantes do tres sindicatos comparecerán mañá ante os medios de comunicación ás portas da fábrica que o grupo Lactalis ten en Nadela (Lugo).

Manifestación de gandeiros en Santa Comba © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.