"Para ser autónomos ou autónomas hai que ter moita coraxe"

En Galicia hai actualmente uns 217 mil traballadores e traballadoras autónomas © UPTA

Un informe de Forbes publicado hai unhas semanas constataba que os traballadores e traballadoras autónomas atopan moitos máis obstáculos en España ca na maior parte dos países europeos. Un colectivo numeroso, que representa ao redor do vinte por cento da poboación activa, e que en Galicia pechou o 2014 con 217.516, cun novo incremento de 3.143 persoas ao longo do ano.

Un colectivo numeroso, que representa ao redor do vinte por cento da poboación activa, e que en Galicia pechou o 2014 con 217.516, cun novo incremento de 3.143 persoas ao longo do ano

Os autónomos e autónomas españolas deben pagar unha cota mensual de 260 euros (ademais das correspondentes declaracións trimestrais de IVE e IRPF). A situación é moi distinta en Francia, por exemplo, onde os autónomos non pagan cota ningunha no seu primeiro ano de actividade pero mesmo así teñen dereito gratuíto a asistencia sanitaria, xubilación e incapacidade temporal. Ou no Reino Unido, onde os autónomos pagan unha cota mensual entre os 13 e os 58 euros; ademais, non se fan declaracións trimestrais de IVE, que se paga anualmente dependendo dos beneficios obtidos. Tamén Italia (onde os autónomos só pagan se obteñen beneficios), Portugal (onde non se paga cota nin IVE, aínda que si deben abonar o 25% dos seus ingresos) ou Holanda melloran a situación de España. Tan só atopamos un contexto máis negativo en Alemaña, onde os autónomos e autónomas deben pagar unha cota mensual de 140 euros (se superan os 1.700 euros de ingresos) e un seguro médico entre 150 e 200 euros.

Semella que as medidas postas en marcha polo Goberno para facer algo máis doada a actividade dos novos e novas traballadoras autónomas, coma os descontos na cota mensual para novas altas, quedan moi lonxe da situación dos países do resto da UE. Esta medida, presente na Lei de Emprendemento, só recorta durante seis meses a 53 euros o pagamento da habitual cota de 260 e ademais só se aplica ás persoas que se acaban de rexistrar.

"Moita da xente que se deu de alta coa tarifa plana xa se deu de baixa, hai que analizar polo miúdo as altas e baixas que houbo"

Lisardo Domíguez, presidente de Autónomos de Galicia (AUGA) valora como positiva unha medida que o colectivo levaba reclamando moitos anos, pero xúlgaa insuficiente. "Moita da xente que se deu de alta coa tarifa plana xa se deu de baixa.Hai que analizar polo miúdo as altas e baixas que houbo", destaca. Neste sentido lembra que as cifras de traballadores autónomos, en constante crecemento nos últimos anos, revelan un número moi importante de persoas que se rexistran como única forma de cotizar, de traballar, ante a imposibilidade de facelo nunha empresa como asalariados: "Moitos dánse de alta como autónomos porque non lles queda outra, ao igual que moitos emigrantes retornados nos anos setenta o que facían era abrir un bar porque non podían facer outra cousa". "A realidade é moi crúa. Se queres traballar, tes que te facer autónomo", engade.

"Os autónomos non temos horarios, non podemos poñernos enfermos Para ser autónomo hai que telo todo moi claro e facer unha aposta moi grande por cumprir un soño"

Mesmo a pesar de medidas de impulso para os novos e novas autónomas, a realidade é que a idade media destes traballadores segue a ser elevada, o que fai que Domínguez se pregunte polos efectos reais que "están a dar os proxectos de fomento ao emprendemento xuvenil nesta comunidade". De feito, os autónomos e autónomas galegas teñen unha idade media superior aos 45 anos. No conxunto do Estado sete de cada dez autónomos (o 69,8%) é maior de 40 anos.

"Para ser autónomos ou autónomas hai que ter moita coraxe" -destaca Lisardo Domínguez- "Os autónomos non temos horarios, non podemos poñernos enfermos. Para ser autónomo hai que telo todo moi claro e facer unha aposta moi grande por cumprir un soño". "Os autónomos loitamos día a día por sacar o noso traballo adiante a pesares dos fracasos. O emprendedor de verdade é aquel que a pesares dos fracasos segue levantándose e volve a intentalo deica conseguir alcanzar o seu soño”, engade.

No 2011 entrou en vigor a tan demandada prestación por desemprego para os autónomos; porén, máis de tres anos despois o 80% das peticións de acollerse a esta figura son rexeitadas

O presidente de AUGA fai referencia a outra das grandes demandas do colectivo, que dende hai anos reclama ter acceso a un seguro por desemprego coma o que teñen os traballadores e traballadoras asalariadas. No 2011 entrou en vigor a tan demandada prestación por desemprego para os autónomos; porén, máis de tres anos despois o 80% das peticións de acollerse a esta figura son rexeitadas, o que leva a AUGA a cualificar esta medida como un "quero e non podo que non termina de converterse nunha realidade".

Lisardo Domínguez critica tamén a ausencia dunha verdadeira cultura emprendedora en Galicia, e denuncia que tampouco dende a administración se fomenta de forma axeitada o seu desenvolvemento. "Temos que afacernos a que non todos podemos ter unha praza fixa. E a que iso de ter un traballo para toda a vida xa se acabou", di. Domínguez destaca neste senso a Cátedra Extraordinaria do Traballo Autónomo na USC, a única existente en Galicia e a segunda que se constitúe en España, e que foi impulsada pola súa organización. "Temos que construír unha cultura emprendedora distinta á que temos, porque practicamente non existe", destaca.

"Que se deixen de facer parches, non se pode estar improvisando continuamente a nivel lexislativo"

Domínguez e moi crítico coa resposta da administración ás demandas e á problemática dos e das traballadoras autónomas: "Que se deixen de facer parches, non se pode estar improvisando continuamente a nivel lexislativo". E advirte de que "Algún día terán que facernos caso. Temos unha teima dende hai tempo, que queremos levar a cabo o antes posible, que é a de ser quen de parar todos os autónomos durante unha hora, para que se note a nosa forza e a nosa importancia na sociedade e na economía. E digo unha hora, porque un día sería imposible, non nolo podemos permitir". "O día que sexamos quen de traballar de forma organizada, cada un no seu sector, este país vai saber o que valen os autónomos", conclúe.

Lisardo Domínguez © AUGA
En Galicia hai actualmente uns 217 mil traballadores e traballadoras autónomas © UPTA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.