Paulo Carril, reelixido á fronte da CIG, chama a "consolidar" a central como primeira forza sindical de Galicia

Paulo Carril intervén no VIII Congreso da CIG CC-BY-NC-SA CIG

Carriil chama a "consolidar e ampliar" a posición da CIG como primeira forza sindical "en representatividade, afiliación e capacidade de mobilización"

Paulo Carril foi reelixido este sábado como secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG) no VIII Congreso celebrado no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. No seu discurso de peche, o líder da central chamou a "consolidar e ampliar" a posición da organización como primeira forza sindical "en representatividade, afiliación e capacidade de mobilización" en Galicia. 

Carril revalidou o cargo con 464 votos a favor, 35 en branco e sete nulos e instou a que nos vindeiros catro anos a CIG continúe a ser "referente" na loita polo "feminismo de clase" e pola "soberanía nacional" de Galicia como "sindicato nacionalista" que é.

VIII Congreso da CIG, en Santiago CC-BY-NC-SA CIG

"O único imprescindible é o sindicato", advertiu Carril, que avogou por "unha central sindical única galega" como "instrumento útil" e "contrapoder real á explotación de clases".

Carril critica o diálogo social por "desmobilizar" os traballadores e "xustificar incumprimentos do programa do Goberno"

O secretario xeral da CIG lanzou críticas á UE por estar "ao servizo do capital financeiro" e "en submisión aos Estados Unidos e á OTAN", así como ás políticas "neoliberais" que trouxeron "pobreza, desemprego e exclusión social, pero tamén o fascismo". Ademais, cargou contra o "españolismo sen complexos, disfrazado dunha falsa progresía que reforza a aposta por un Estado español unitario e negador da realidade plurinacional".

Carril criticou tamén o diálogo social porque, ao seu ver, na actualidade só serve para "desmobilizar" os traballadores, para "xustificar os incumprimentos programáticos do Goberno", entre eles a non derrogación da reforma laboral, e para "agochar a súa debilidade fronte á patronal".

Ante isto, instou aos asistentes a "tomar iniciativas mobilizadoras" e impulsar unha campaña que conclúa coa convocatoria dunha folga xeral "se non se dan avances" en reivindicacións relativas á recuperación económica, á industrialización, á creación de emprego digno e na defensa dos servizos públicos e dos dereitos laborais.

A executiva confederal da CIG queda composta por Paulo Carril Vázquez, Susana Méndez Rodríguez, Paulo Rubido Bará, Francisco González Sío, Antonio Mera de la Fuente, Lucía Freire Ces, Miguel Malvido, Nicolasa Castro Monteiro, Cristina Martínez Padín, Anxo Noceda Carballo, Renato Núñez Da Silva e Diana Rodríguez Regueira.

Asistentes ao VIII Congreso da CIG CC-BY-NC-SA CIG

Ao Congreso da central acudiron representantes do BNG, como a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mais o dirixente de Anova e ex-rexedor compostelán Martiño Noriega. Tamén houbo representación de máis de vinte sindicatos do Estado e doutras partes do mundo, entre os que acudiron a secretaria xeral de LAB, Garbiñe Aranburu; o secretario xeral da Intersindical catalá, Sergi Perelló; o secretario xeral de ELA, Mitxel Lakuntza; e o responsable de Relacións Internacionais da CGTP, João Barreiros, entre outros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.