Pemex atrasa a licitación dos floteis que Feijóo prometera para hai medio ano

Feijóo, con directivos de Pemex no balcón do Pazo de Raxoi © Xoán Crespo

Un novo atraso. Pemex Exploración y Producción, filial da petroleira mexicana, vén de anunciar que a adxudicación dos floteis polo que agardan os estaleiros galegos será finalmente no vindeiro mes de novembro, malia estar anunciada para o pasado 18 de setembro. Así o confirma nun comunicado a compañía, que hai agora un ano solemnizaba xunto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, unha operación duns 300 millóns de euros para construír dous barcos hotel que daría emprego a 3.000 persoas ao longo duns dous anos. A data de inicio dos traballos situouse daquela no primeiro trimestre de 2013, pero ningún estaleiro cortou chapa aínda. Tampouco é seguro que a corten, tendo en conta que Navantia e Barreras, que acoden xuntas á licitación internacional con PMI, terán que loitar con outros estaleiros polo contrato.

A licitación anunciada para a semana pasada será finalmente en novembro

"Os factores principais que a compañía terá en conta para a adxudicación do contrato son o custo e a eficiencia que mostren os proxectos das empresas candidatas", di Pemex, que engade tamén que esta contratación deriva da necesidade da petroleira "para albergar máis de 17.000 persoas que están realizando traballos na explotación de xacementos no mar". "A empresa realizou un estudo de mercado que se someteu á consideración do Consello de Administración, que finalmente decidiu lanzar unha licitación pública internacional", engade a empresa mexicana, malia que a Xunta sempre deu por segura a construción dos dous buques nos estaleiros de Vigo e Ferrol.

Tanto Barreras como Navantia presentan unha proposta conxunta xunto a PMI, outra filial internacional de Pemex, que confía cegamente en que o contrato recaia en Galicia. No caso de que non fose así, a Xunta xa aclarara que os floteis serían construídos de todas formas para logo intentar vendelos no mercado internacional, algo que non confirma oficialmente Pemex. 

Mentres, sindicatos, traballadores e oposición seguen censurando os atrasos, dúbidas e contradicións que arrodean a prometida construción destes dous floteis en Galicia, inserida nun amplo acordo con Pemex que se anunciou hai xa ano e medio. Foi naquel maio de 2012 cando Feijóo anunciaba ese acordo entre a Xunta e petroleira para constuír catorce remolcadores. Sete destas embarcacións faríanse en estaleiros galegos e outros sete en colaboración con estaleiros aztecas.

Hai máis dun ano que Feijóo anunciaba, en plena precampaña, un acordo con Pemex que daría emprego a 3.000 persoas

Catro meses máis tarde, o presidente da Xunta solemnizaba o pacto coa petroleira nun acto a só un mes das eleccións autonómicas. Anunciouse unha operación duns 300 millóns de euros para construír dous floteis e que daría emprego a tres milleiros de operarios ao longo duns dous anos. Tan só uns días despois, Pemex deixaba en evidencia á Xunta logo de negar que asinase contrato ningún con estaleiros galegos, tal e como anunciara o Goberno galego. O director xeral da compañía, Juan José Suárez Coppel, nega que os contratos sexan firmes, aclárase que foron asinados cunha filial e que a concesión dos traballos deberá pasar por unha licitación internacional da que Feijóo nunca falara. O presidente deféndese asegurando que, aínda que as compañías galegas non fosen gañadoras, os buques fabricaríanse igual e serían ofrecidos ao mercado, pero Pemex tampouco o confirma. Un conselleiro da petroleira recoñece en Praza que a compañía "non está amarrada a ningún contrato cos estaleiros galegos".

Feijóo, en plena campaña electoral, ratifica a vixencia dos contratos coa axuda da SEPI, pero négase a ensinar os documentos. Mentres, en México a petroleira segue negando moitos dos pactos dos que falaba o Goberno galego, incluída a construción de remolcadores. No propio programa electoral, o PPdeG recoñece que a construción dos buques "aínda se está a negociar".

Pasadas as eleccións e logo de que Feijóo revalide a maioría absoluta, Pemex insiste en que os estaleiros galegos competirán con outras empresas para lograr os contratos e que se non gañan o concurso, a súa construción non é segura. Semanas despois, o presidente da Xunta pide á petroleira mexicana máis tempo para que Barreras consiga os avais que lle permitan asumir a construción dos buques. En abril, Feijóo admite que os contratos da flota menor de Pemex tamén dependen dun concurso, ao igual que os floteis.

 

A promesa incumprida que facilitou a chegada de Pemex a Barreras

A finais de abril, a mexicana Pemex anuncia que pretende facerse co control de Barreras. Converteríase no accionista maioritario do estaleiro galego ao se facer co 51% do seu capital e o acordo inclúe a construción de dous floteis nas instalacións viguesas, o que deixa no aire as promesas para Navantia. Tan só uns días despois, un conselleiro da petroleira mexicana confirma a promesa incumprida de Feijóo sobre os floteis facilitou a entrada da empresa no estaleiro vigués, xa que era "imposible asegurar que os floteis se fosen construír en Galicia", ao contrario do que prometera a Xunta e aclara que "o de Navantia aínda non está resolto".

Cinco meses despois, Feijóo o recoñece que Pemex quería avaliar o ditame da UE sobre o tax lease para tomar unha "decisión definitiva", tanto sobre a entrada no capital de Barreras -estaleiro que espera que coincida coa confirmación do flotel- como no que se refire á construción dos dous buques que o xefe do Executivo galego prometera insistentemente para a ría de Vigo e Navantia. Agora, a petroleira mexicana volve atrasar a licitación dos floteis, que non se realizará até novembro, e cuxa construción remataríase a mediados de 2015. Mentres, os traballadores seguen esperando aos inicios duns traballo que o Goberno galego situara no primeiro trimestre deste mesmo ano. Xa choveu.

Instalacións de Pemex © Iberorusa.com

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.