Que facer coas centrais térmicas galegas?

Acción de Greenpeace na central térmica das Pontes © Greenpeace

Pedir tempo e flexibilidade para Gas Natural Fenosa e Endesa? Apostar claramente polo peche das térmicas e por un novo modelo enerxético? O debate plasmouse a pasada semana no Parlamento de Galicia, que aprobou unha iniciativa do PP na que se insta a Xunta a solicitar o Goberno central que "postergue o máximo a comunicación que deben facer as empresas ao Ministerio de Industria" de cara á nova Directiva Europea sobre Emisións Industriais e que afecta de cheo ás instalacións galegas de Meirama e As Pontes.

O Parlamento pide á Xunta que solicite a Madrid que "postergue o máximo a comunicación que deben facer as empresas a Industria"

Cos votos a favor de PP, PSdeG e BNG -que logrou incluír unha emenda- e os votos en contra de AGE, a Cámara galega busca evitar un novo golpe para as térmicas e, ben seguro, as consecuencias que terían para o emprego. Segundo asegura o grupo popular, esta nova medida comunitaria "impón ás grandes instalacións uns límites de emisións que se unen ás xa importantes reformas e investimentos que realizaron para cumprir cos requisitos de Kioto". O caso é que Gas Natural Fenosa e Endesa deberán decidir antes de que finalice a primeira semana de xaneiro se executan estas adaptacións necesarias para rebaixar as emisións de azufre, óxido de nitróxeno e partículas á atmosfera entre un 50 e un 60%. O Parlamento pide flexibilidade, malia que o foi o PP o que no Congreso dos Deputados deu o visto e prace aos prazos.

De non optar por levar a cabo os cambios, as térmicas acabarían pechando en 2020

As iniciativas terían que aplicarse desde o ano 2016 e suporían, segundo asegura o PP, un gasto duns 400 millóns de euros. De non optar polos cambios requiridos, as térmicas tan só podían operar 17.500 horas e pechar logo. Estarían clausuradas arredor de 2020. E iso é o que se tenta evitar.

O acordo, finalmente, incluíu unha emenda do BNG na que o Parlamento insta a Xunta a demandar das empresas que "realicen os investimentos necesarios nas centrais que posúen no territorio galego para adaptárense á Directiva europea de emisións industriais". No entanto, AGE votou en contra ao apostar claramente por que as centrais "pechen no horizonte 2020-23" e en contra da flexibilización das súas obrigas para reducir emisións.

"Non imos defender empresas contaminantes nin os intereses de Endesa e Gas Natural", di AGE, que votou en contra

"Nós non imos defender empresas contaminantes. Nin imos defender os intereses de Endesa e Gas Natural", asegurou Antón Sánchez, deputado de AGE, que lembrou que As Pontes produce o 25% das emisión de gases con efecto invernadoiro do Estado. "Para nós é un modelo a erradicar, e máis en Galiza. Pola contra, cremos no desenvolvemento das enerxías renovábeis e na democratización enerxética coa produción descentralizada e co autoconsumo. Poucos e pequenos", engadiu.

"O modelo ten que ser progresivamente mudado no horizonte de 2020-23. Non poñan os empregos como escudos humanos. Hai tempo dabondo para procurar alternativas para os traballadores e traballadoras. Cantos empregos se poderían crear só coa potenciación das enerxías renovábeis? A privatización de Endesa foi un roubo", reclamou Sánchez, que asegurou que non lle chegaría a sesión plenaria para ler "a listaxe de cargos do PP e do PSOE que axudaron á privatización destas empresas" que agora "defenden" e das que "cobran por estar nos seus consellos de administración".  "Non veñan aquí a defender a estas empresas. Están gobernando contra a maioría", rematou.

 

 

Central térmica de Meirama © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.