Que pasará se non crecemos a curto prazo?

Evolución do paro de media e longa duración en Galicia entre abril de 2009 e decembro de 2011 (en milleiros de persoas) Dominio Público Praza Pública

España está en depresión. Un de cada catro traballadores está no paro e máis da metade dos mozos están en desemprego. O prognóstico para o futuro inmediato é máis do mesmo, mesmo peor: neste ano 2013 unha caída da economía española do 1,4% como consecuencia dos recortes, que elevará a taxa de paro até o 26,9% segundo as previsións da OCDE.

Neste ano 2013 prevese unha caída da economía española do 1,4% como consecuencia dos recortes, que elevará a taxa de paro até o 26,9% segundo as previsións da OCDE.

As receitas de austeridade están a conducirnos a unha crise máis profunda, provocando unha diminución dos ingresos e un aumento dos gastos polas prestacións de desemprego. As políticas económicas erróneas dos Gobernos conservadores da UE e España, ademais de non permitir o cumprimento dos obxectivos de déficit, están a dar lugar simultaneamente a un menor crecemento e a unha maior desigualdade.

É verdade que aínda que só sexa pola teoría dos ciclos económicos sabemos que España sairá da crise, pero como o fará e que pasará se non crecemos o suficiente? Cales serán as consecuencias máis previsibles da recesión prolongada que estamos a vivir?

Un estudo de Intermón Oxfam indica que necesitaremos 25 anos para recuperar os niveis de benestar previos á crise

1.- A recuperación será a uns ritmos de crecemento moi reducidos e partindo duns niveis de empobrecemento da poboación e dun gran retroceso en dereitos e factores de competitividade, como a formación de capital humano, a investigación, desenvolvemento e innovación e as tecnoloxías da información e as comunicacións. Un estudo de Intermón Oxfam indica que necesitaremos 25 anos para recuperar os niveis de benestar previos á crise.

2.- O aumento desmesurado do paro e os recortes no estado do benestar e os servizos sociais están a provocar un drástico aumento da desigualdade. España converteuse no Estado con maior desigualdade social dos 27 que conforman a Unión Europea. Dende hai cinco anos, a fenda entre os fogares que máis ingresan e os que menos non parou de crecer. Os máis ricos ingresan 7,5 veces máis que os máis pobres, o que supón un incremento de dous puntos no desfasamento desde o inicio da crise. Nun ano elevouse en dous puntos a porcentaxe de fogares que viven baixo o limiar da pobreza. Agora, o 22% da poboación atópase nesa situación, 1,7 millóns de fogares españois teñen a todos os seus membros en paro e hai máis de 300 desafiuzamentos diarios. Neste contexto, os recortes aos servizos sociais de carácter universal teñen un efecto tráxico sobre a cohesión social.

Os máis ricos gastan (e consomen) unha menor proporción dos seus ingresos que os máis pobres (aos que non lles queda máis remedio que gastalo todo)

3.- Cunha recesión prolongada, a desigualdade dá lugar a un enfraquecemento da economía. Os máis ricos gastan (e consomen) unha menor proporción dos seus ingresos que os máis pobres (aos que non lles queda máis remedio que gastalo todo). Prodúcese un círculo vicioso: maior desigualdade social, menor consumo, menor demanda agregada, e de novo, maior desigualdade. Ademais, se non crecemos, os bancos atoparán novos argumentos para non prestar diñeiro, os prezos da vivenda seguirán diminuíndo, e as familias empobreceranse cada vez máis, o que contribuirá a inhibir máis o consumo.

Reducir as pensións, as prestacións por desemprego ou outras prestacións económicas ten un inmediato efecto no retraemento e caída do consumo

4.- As políticas de recortes aplicadas nesta crise están a desmantelar o noso estado do benestar, a cohesión e a xustiza social, e ademais prexudican o crecemento. Desde o punto de vista económico son políticas erróneas. Crécese máis economicamente se se crece en dereitos e protección social. As políticas de benestar social son, ademais dun instrumento fundamental de solidariedade para corrixir as profundas desigualdades que aínda afectan o noso país, un factor de dinamización do consumo ao permitir manter a capacidade adquisitiva de amplos sectores da poboación. Reducir as pensións, as prestacións por desemprego ou outras prestacións económicas ten un inmediato efecto no retraemento e caída do consumo e polo tanto da actividade económica.

Tampouco podemos esquecer que tras as políticas sociais hai unha intensa xeración de emprego: a sanidade, os servizos sociais, a atención á dependencia e a educación son moi intensivas en man de obra. É máis, nos últimos anos onde máis emprego se creou é precisamente nos servizos sociais e a atención á dependencia, cunha relación de custo por emprego xerado en grao sumo favorable. A redución das políticas sociais esta tendo xa un impacto considerable na destrución de emprego, moi en especial no que se denomina terceiro sector ou organizacións non gobernamentais.

5.- As políticas correctoras coma os impostos perden poder de redistribución de riqueza. Nun período prolongado sen crecemento prodúcese un incremento das persoas sen emprego e as que teñen traballo precario. O esforzo fiscal trasládase desde a imposición directa á indirecta, prexudicando os colectivos máis vulnerables que contan con menos recursos pero teñen necesidade de seguir enfrontando gastos de consumo de primeira necesidade. É preciso un aumento equilibrado dos impostos, incorporando a tributación das grandes fortunas, para favorecer a redistribución da riqueza, e con esta, o aumento do PIB e o emprego.

Moitos mozos están a emigrar ante a falta de oportunidades e de futuro no noso país. A perda de capital humano e de talento pode ser irreversible e é seguro que condicionará a recuperación

6.- A recesión prolongada prexudica gravemente os máis novos. No noso país máis da metade dos mozos están desempregados. Moitos mozos están a emigrar ante a falta de oportunidades e de futuro no noso país. A perda de capital humano e de talento pode ser irreversible e é seguro que condicionará a recuperación. Mesmo no máis básico, a taxa total de pobreza infantil sitúase xa no 27,2%, é dicir, máis de 2,2 millóns de nenos viven en España por baixo do limiar da pobreza (ingresos de 15.820 euros ao ano para unha familia de dous adultos e dous menores de 14 anos).

A taxa de paro entre os maiores de 55 anos pasou do 5,5% de finais de 2007 ao 16,8% en xuño de 2012, e segue aumentando coa prolongación da crise

7.- O desemprego de longa duración convértese en estrutural, o que supón, ademais dun drama humano e social, unha descapitalización da man de obra que fai cada vez máis difícil a súa recolocación no mercado de traballo. Os parados de longa duración en España representan máis da metade dos case 6 millóns de desempregados que hai no noso país. A taxa de paro entre os maiores de 55 anos pasou do 5,5% de finais de 2007 ao 16,8% en xuño de 2012, e segue aumentando coa prolongación da crise. O 67% deste colectivo de parados leva máis dun ano tentando atopar un emprego sen éxito.

8.- Unha recesión prolongada pode derivar nunha cada vez maior conflitividade social e indignación da cidadanía cansa dos recortes e sacrificios que se lle están esixindo. Afortunadamente a madurez democrática da sociedade española sabe discernir entre o que é a xusta e lexítima protesta pola vulneración do noso estado do benestar por mor duns axustes tan desmedidos como carentes de propostas para o crecemento e a xeración de emprego, e o que é a convivencia que garante a paz social. Pero tamén esa madurez democrática baséase en límites infranqueables, coma os da protección e a cohesión social.

Resulta urxente que a política recupere a gobernanza económica e que incorpore reformas que melloren o noso sistema democrático e social, impulsando a transparencia

A crise antepuxo a economía á política. Resulta urxente que a política recupere a gobernanza económica e que incorpore reformas que melloren o noso sistema democrático e social, impulsando a transparencia. A crise está a facer así mesmo que non exista ningunha tolerancia cara á corrupción de determinados cargos públicos políticos.

A cidadanía, ante os reiterados incumprimentos dos programas electorais dos gobernantes reclama a denominada democracia real, isto é, unha maior participación ademais do seu dereito a votar cada catro anos. A política debe escoitar a voz dos cidadáns e debe permitir corrixir os fallos do mercado. A desregulación financeira e detrás dela, a desregulación tamén de sectores con alcance sistémico sobre a eficiencia da economía (como é a desregulación do mercado de traballo ou da enerxía), non é liberalización. É, simplemente, mala regulación, porque regulación e liberalización non son conceptos excluíntes senón complementarios.

Os mercados por si sós dan lugar a altos niveis de desigualdade, uns resultados que xeralmente se consideran inxustos

Calquera sistema económico debe ter regras e normativas que non só protexan os cidadáns traballadores fronte aos máis poderosos, senón que non permitan que estes se enriquezan aínda máis a expensas do resto da sociedade. Os mercados por si sós dan lugar a altos niveis de desigualdade, uns resultados que xeralmente se consideran inxustos. Un dos papeis que ha de asumir o goberno é redistribuír os ingresos, sobre todo cando os resultados dos procesos de mercado son demasiado diverxentes respecto dos que reclaman a mesma eficiencia asignativa e a equidade social.

Que polo menos a profunda crise que estamos a vivir nos sirva de oportunidade para pór en marcha reformas políticas e económicas que, parafraseando a Stiglitz (2012) en O prezo da desigualdade, nos permitan conseguir unha sociedade máis xusta e equitativa, ademais dunha economía máis sólida e estable.

Evolución do paro de media e longa duración en Galicia entre abril de 2009 e decembro de 2011 (en milleiros de persoas) Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.