O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía o acto de entrega dos XXIV Premios de Publicidade en Galego, convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, o lexislativo galego e o Foro Enrique Peinador, logo da disolución do Consello Asesor de RTVE en Galicia que os viñera convocando ata o de agora.
O premio da categoría de radio foi para o anuncio “Medo a quedar sen datos”, da axencia Bap&Conde, para R Cable e Telecomunicacións. Na categoría de televisión, o premio recaeu no traballo “Imposible sen ti”, da axencia Tex 45 Producións, por encargo de Abanca. Na categoría de internet resultou galardoado o anuncio “A túa compra, os teus temazos”, da axencia Nasas, axencia creativa de márketing online, elaborado por encargo de Gadis. O xurado declarou deserto o premio na categoría de prensa escrita.
Durante a súa intervención, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, salientou que a intercomprensibilidade das linguas galega e portuguesa “encerra un enorme potencial que ninguén discute, do mesmo xeito que a oportunidade de utilizar o galego como lingua publicitaria está fóra de toda dúbida e mesmo pode constituír o segredo do éxito dunha campaña”.
O uso do galego na publicidade e, en xeral, nas relacións comerciais e empresariais vén sendo reivindicado por diferentes institucións dende hai anos, pero tamén por compañías que o integraron na súa práctica habitual. Así o acreditaron, por exemplo, as empresas que participaron o pasado setembro no foro organizado polo Consello da Cultura baixo o título Etiqueta na túa lingua, camiña polo mundo con identidade con marcas como Queixos Hoxe, Deleite ou Dinahosting.
Nestes obxectivos encádrase tamén o Plan de Dinamización da Lingua Galega no Tecido Empresarial, que Política Lingüística impulsa xunto a entidades de sectores como o lácteo, o dos transportes, o conserveiro ou o audiovisual. O mesmo fan os premios Manuel Beiras, que dende o ano 2000 distinguen en Santiago as empresas que fan un uso continuado da lingua galega, que se incorporan ao seu uso normal ou ás persoas que fomentan estas prácticas.