Repsol vén de trasladar que a comisión de investigación sobre o accidente laboral no que faleceu un traballador e foi ferido outro o pasado 26 de marzo determina que houbo "unha apertura non autorizada dunha tubaxe de proceso". Segundo di a empresa, o informe indica que o "permiso de traballo utilizado só autorizaba a tarefa de engraxado de pernos" pero "non permitía a apertura de tapas".
Repsol di que as conclusións da investigación determinan que houbo "unha apertura non autorizada dunha tubaxe" cando o permiso só permitía o engraxado
Os traballadores que sufriron o accidente -no que morreu o mozo Unai Martínez-, da auxiliar Nervión, traballaban nunha tubaxe, "procederon á apertura dunha tapa" e inhalaron "un gas residual, sulfhídrico" durante unha das paradas de tratamento da planta coruñesa.
Xa que logo, e sempre segundo Repsol, o informe aclara que a tubaxe estaba "fóra de servizo e illada" e que contiña "restos de gas" no seu interior. Estaba pendente de ser limpada con auga a presión pero non se emitiran aínda os permisos de traballo, polo que a empresa considera que "se conclúe que nos traballos non se seguiron as normas e procedementos establecidos".
Teríanse incumprido, segundo a empresa, "o protocolo de parada e a norma de permisos de traballo, pois non estaba autorizada a apertura do equipo". Ademais, Repsol asegura que para evitar sucesos semellantes no futuro acordáronse "accións de reforzo da formación e verificación de aprendizaxe das normas".
A comisión de investigación está conformada por técnicos especialistas de diferentes áreas da refinería, así como por delegados de prevención e representantes dos sindicatos CIG, CCOO, STR, UGT e USO.
A CIG decide non asinar o informe por "non afondar nas causas estruturais e centrarse nos erros humanos"
A CIG xa asegurou que deicidiu non asinar o informe feito pola empresa sobre as conclusións da investigación ao entender que é "incompleto e para nada concluínte" por "non afondar nas causas estruturais que provocaron o accidente". "Só se poñen de manifesto os erros humanos sen asumir por parte da empresa que é o que provoca esta toma de decisións", di nun comnunicado a sección sindical da central nacionalista.
"Queda patente a falta dun seguimento exhaustivo na formación impartida as empresas auxiliares descargando a maior parte dos incumprimento sobre o persoal delas", engade a CIG, que denuncia que a continua redución da estrutura de persoal da refinería "agrava, cada día que pasa, os problemas que veñen derivados da falta do persoal necesario para levar a cabo e dar cobertura a todos os traballos que xorden en períodos punta, como pode ser o caso dunha parada dunha unidade".
A CIG reclama unha mudanza no protocolo de avisos ao 061 ou ben "unha dotación que estea dispoñible as 24 hiras do día", así como a dotación dos "recursos suficientes para atender de maneira eficaz e rápida nos primeiros momentos dun accidente".