Starbucks: Cando os que máis gañan non pagan impostos

Un establecemento de Starbucks © El Diario

A legalidade e a ética non sempre van da man. Os financeiros máis agudos parecen sempre atopar unha físgoa para conseguir que a falta de ética sexa legal. “Non é a nosa culpa. É un fallo de regulación e nós simplemente estamos a cumprir a lei”, dirán moitos para defenderse. En certo xeito poida que teñan razón. Se ninguén cambia a lei para regular unha actividade determinada, non podes facelos responsables polas súas decisións.

En 14 anos de operacións en Reino Unido, cunha facturación de 3.000 millóns de libras esterlinas, Starbucks só pagou 8.6 millóns de libras esterlinas en imposto de sociedades

Pero cando a cidadanía se decata de que en 14 anos de operacións en Reino Unido, cunha facturación de 3.000 millóns de libras esterlinas, Starbucks só pagou 8.6 millóns de libras esterlinas en imposto de sociedades, non hai argumento que valla para tranquilizar uns ánimos caldeados pola austeridade e a crise. O caso é só a punta do iceberg. Empresas como Apple e Amazon fan o mesmo a unha escala máis grande e estas prácticas non só se limitan a Reino Unido. En España ocorre e no resto da Unión Europea, tamén.

Empresas como Apple e Amazon fan o mesmo a unha escala máis grande e estas prácticas non só se limitan a Reino Unido. En España ocorre e no resto da Unión Europea, tamén

Starbucks utiliza un sistema complexo no que factura a través de sociedades en Holanda e Suíza. Nas súas contas en Reino Unido constan perdas debido a unha comisión do 4,7% que pagan á súa división en Holanda, onde se tosta o café, e un 20% á súa división Suíza que é a que lles vende o café aos establecementos de Reino Unido. Este brillante armazón permítelle á compañía pagar a Facenda unha ínfima parte das súas ganancias reais no país.

A imaxe da compañía sufriu outro duro revés ao revelarse que o seu competidor máis próximo, Costa Coffee, non recorre a sociedades estranxeiras para pagar impostos. Este ano pagáronlle 18 millóns de libras esterlinas ao fisco en Reino Unido. Máis do dobre do que pagou Starbucks en 14 anos. Un caramelo para a imaxe da súa competencia. En resposta ao furor cidadán, a cadea prometeu pagar 20 millóns de esterlinas en impostos nos próximos dous anos. Unha medida calculada para tranquilizar a crecente utilización da palabra boicot cada vez que se nomea a marca. Tamén Howard Schultz, o fundador da compañía, escribiu unha carta para explicar que a empresa pagou máis de 160 millóns de esterlinas en achegas á seguridade social, IVE e impostos especiais no últimos tres anos.

As reaccións non foron de todo positivas e volven revelar o problema cun sistema fiscal transnacional no que “parece que pagar é algo voluntario”, segundo o CEO de Sainsbury's, a segunda cadea de distribución máis grande do país, que tamén paga o que lle corresponde en impostos de sociedades.

 

Da presión política á presión económica

O populismo está a tomar as rendas dunha decisión que se debería tomar nas Cortes

Hai quen defende, como este artigo do Financial Times, que o populismo está a tomar as rendas dunha decisión que se debería tomar nas Cortes. Pero tampouco existen garantías de que isto atalle o problema. Os políticos só se propuxeron facer algo tras o escándalo. Poñamos un exemplo: agora mesmo na Unión Europea están a debaterse formas de crear un plan para loitar contra a fraude fiscal e a competencia fiscal perniciosa, o termo utilizado para describir as actuacións de Starbucks, Amazon, Facebook ou Apple en Europa.

Na Unión Europea están a debaterse formas de crear un plan para loitar contra a fraude fiscal e a competencia fiscal perniciosa, o termo utilizado para describir as actuacións de Starbucks, Amazon, Facebook ou Apple en Europa

O problema é que, até que esta lei se aprobe, vai pasar por moitas deliberacións e coñecendo os precedentes deste tipo de regulación, os lobbies empresariais farán todo o posible para que no momento en que chegue a votación haxa tantas emendas que existirán mil e unhas formas de evitar pagar o que realmente corresponde. Falas con calquera persoa que traballa en bolsa ou no sector financeiro e danche os mesmos argumentos de sempre. Starbucks está a facer as cousas ben. O seu traballo é maximizar o valor para o accionista e unha das claves é pagar cantas menos taxas posibles.

Pero as decisións puramente racionais non teñen en conta unha cousa. Estes argumentos non valen. Especialmente cando se lle está pedindo á sociedade que se sacrifique para saír do buraco económico actual. Quen é, á vez, o cliente que te sostén. Quizais o debate de que hai que subir os impostos aos ricos como se está propondo en Francia sexa unha distracción innecesaria. Non bastaría que cada un pagase o que legalmente lle corresponde sen físgoas raras nin fórmulas opacas para evadir o seu pago? Un sistema claro e transparente.

A esta situación absurda hai que engadirlle outro punto irónico. Neste vídeo, Polly Toynbee denuncia que o Ministerio de Facenda británico perdeu 10.000 empregados nos últimos anos debido aos recortes. A súa capacidade de reacción diminúe cando máis se necesita.

O Ministerio de Facenda británico perdeu 10.000 empregados nos últimos anos debido aos recortes. A súa capacidade de reacción diminúe cando máis se necesita

Pero sería naive pensar que o caso Starbucks cambiará as cousas. O anuncio apenas afectou o seu valor en bolsa. Os investidores quedaron satisfeitos polas medidas. “Están a evitar un boicot. É só o prezo de facer negocios”, declarou Nell Minow de GMI Ratings ao Financial Times. Noutras palabras, o pago é simplemente unha peaxe que teñen que pagar. Mentres tanto, business as usual.

Un establecemento de Starbucks © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.