Temporalidade ou baixa remuneración afastan Galicia das comunidades con mellor índice de calidade de emprego

Traballador do naval en Galicia CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A cualificación, a remuneración, a temporalidade ou as xornadas longas son algúns dos indicadores que afastan Galicia das comunidades con mellor calidade de emprego, nun ránking no que o país sitúase por baixo da media estatal, na oitava posición, e no que todas as autonomías rexistraron unha mellora nos últimos quince anos, agás Extremadura. 

Estas son algunhas das conclusións que se tiran do estudo sobre a calidade de emprego en España e as súas autonomías realizado por investigadores do Instituto Valenciano de Investigaciones Económicas (IVIE) e a Fundación Ramón Areces. 

Nel indícase que a diferenza en canto á calidade do emprego entre Galicia e Euskadi —a comunidade con mellores datos— supera os cinco puntos (-5,1), mentres que é de case un punto (-0,9) coa media estatal. Todo en base a un índice, o Índice de Calidade de Emprego (ICE), elaborado a partir da avaliación de numerosos indicadores e da análise de máis de 40 variables en cada comunidade, como a temporalidade, os salarios, a fenda de xénero ou a conciliación. 

Unha clasificación onde Euskadi, Madrid e Catalunya, por esta orde sitúanse como os territorios con mellor índice de calidade de emprego grazas, fundamentalmente, á cualificación e á remuneración dos traballos. 

Galicia é unha das comunidades onde máis incidencia teñen os contratos de escasa duración e onde as contratacións de menos dun ano gañaron peso desde 2007

O informe analiza diferentes variables e son varias delas nas que Galicia non sae ben parada. Por exemplo, o país é unha das comunidades autónomas onde a escasa duración dos contratos ten maior incidencia no emprego precario. Os contratos de duración inferior aos tres meses roldan o 18% do total, unha cifra só superada por La Rioja, co 19%. 

O estudo conclúe tamén que no caso daqueles contratos aínda máis breves —inferiores ao mes— Galicia tamén acada unha porcentaxe elevada (6,2%) en comparación con, por exemplo, Balears, Catalunya ou Aragón, todos eles por baixo do 3%.

Ademais, e no que ten que ver coa porcentaxe de asalariados temporais con contratos dunha duración inferior ao ano, Galicia tamén se sitúa no podio, roldando o 40% e só por baixo de Castilla-La Mancha. De feito, o estudo destaca que desde 2007 os contratos de menos dun ano perderon peso dentro do total dos temporais, agás en Galicia, Extremadura, Andalucía, Madrid e Cantabria, con ascensos moderados. 

Porque o informe La calidad del empleo en España y sus comunidades autónomas pon o foco tamén na evolución que a calidade do emprego tivo desde ese 2007, ano previo á caída de Lehman Brothers e ao inicio da última gran crise económica. Así, destaca que o peso do emprego a tempo parcial oscila entre o 10,4% das Illes Balears e o 15,8% do País Vasco pero que todas as comunidades amosan aumentos na importancia deste tipo de contratación respecto a ese ano 2007, "sendo de especial magnitude en Galicia, Asturias e Castilla y León".

No caso galego, o peso do traballo parcial pasou nestes últimos 15 anos —ata 2022 que é o ano que se emprega como referencia— de menos do 10%, sendo daquela unha das comunidades onde tiña menos relevancia, a alcanzar o 14% e situarse por riba da media estatal. "O emprego a tempo parcial creceu en todas as comunidades e o emprego a tempo completo segue sendo inferior ao de 2007 en todas agás nas Illes Balears, Canarias e Murcia", aclara o informe. 

Mecánico traballando CC-BY-SA Xunta

Ademais, os datos recompilados indican que a porcentaxe de persoal ocupado que ten xornada parcial por non ter podido atopar un traballo a xornada completa é tamén superior á media estatal en Galicia, con perto do 7%. En canto á remuneración das persoas asalariadas (por hora asalariada), Galicia sitúase tamén por baixo da media do Estado e moito máis lonxe de Madrid ou País Vasco. 

Galicia é o territorio onde máis peso teñen as xornadas de traballo moi longas; a porcentaxe de persoas que traballan sábado ou domingo tamén é superior á media

Noutro dos ámbitos analizados, o da porcentaxe de xornadas moi longas (as de 49 ou máis horas semanais), os datos tampouco sitúan Galicia nunha boa situación, xa que a cifra oscila entre o 4,9% de Euskadi e o 9,1% da comunidade autónoma galega, a peor parada, aínda que en todos os territorios se rexistran importantes diminucións respecto a 2007. 

Por outra banda, o estudo tamén se fixa na cantidade de persoas que traballan sábados ou domingos dous ou máis días do mes, unha porcentaxe que en Galicia roza o 30% e que tamén é superior á media estatal, aínda que menor ao 40% que acadan, por exemplo, as Canarias. 

En canto ás dificultades para a conciliación, e tendo en conta os últimos datos dispoñibles de 2018, o 54% das persoas asalariadas en Galicia aseguran que nunca ou case nunca lles é posible modificar o inicio ou o final da xornada laboral para poder coidar fillos ou persoas dependentes, un dato máis de catro puntos por riba da media estatal e só superado polo de Cantabria, Andalucía e as Illas Canarias. 

Tamén alude o informe á porcentaxe de asalariados e asalariadas que realizaron horas extras non pagadas, que en Galicia supera o 3% e está por riba da media estatal, ou á taxa de sobrecualificación: aquela que se define como a porcentaxe de ocupados con estudos universitarios en traballos non altamente cualificados. En Galicia esta cifra chega a case un cuarto dos traballadores, destacando un incremento desde 2007 de arredor do 5%, sendo un dos maiores aumentos no Estado xunto a Extremadura, País Vasco e Cantabria. 

Traballadoras galegas nunha conserveira CC-BY-SA Xunta

Como forma de analizar conxuntamente todas as variables, o estudo elabora un Índice de Calidade do Emprego (ICE) para as comunidades autónomas, a partir de 18 indicadores e máis de 40 aspectos analizados, e calculado para o período 2007-2022. Téñense en conta a temporalidade, as ocupacións de alta cualificación, a conciliación, a fenda de xénero, os salarios ou a sinistralidade. 

No pasado ano 2022, o valor do ICE roldou os máximos do período analizado e sitúase en 103,1 para o conxunto do Estado, cun aumento acumulado de 3,1 puntos respecto a 2007. 

O dato de Galicia sitúase un chisco por baixo —102,2 e polo tanto inferior á media estatal—, sendo superior ao de Cantabria, Balears, Castilla y León, Castilla-La Mancha, Comunitat Valenciana, Murcia, Andalucía, Canarias e Extremadura, e sendo inferior ao doutras sete comunidades. 

En canto á variación nos últimos quince anos, a mellora no país foi escasa, de bastante menos de tres puntos, tamén inferior á media de España e só por riba das Canarias, Cantabria, Aragón e Extremadura, esta última a única que empeorou a calidade do emprego desde 2007. 

Empregada do fogar traballando nunha vivenda CC-BY-NC-SA Polina Tankilevitch

Así, e tendo en conta os índices por bloques, Galicia sitúase por baixo da media estatal en canto á seguridade e ética no emprego, a nivel salarial e de beneficios, en duración do traballo e conciliación e en motivación e só por riba en protección. 

En detalle, as maiores diferenzas de Galicia coa comunidade autónoma con mellor calidade de emprego no ránking, o País Vasco, danse na cualificación, na remuneración ou nos salarios. Ademais, mantén un ICE semellante ao do conxunto do Estado en case todos os aspectos analizados. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.