A pandemia de COVID incrementou as desigualdades económicas en Galicia e prexudicou, sobre todo, aos fogares novos, con dobre nacionalidade, con menor nivel de formación e sustentados por mulleres. Así o destaca o traballo ‘Os efectos iniciais da COVID-19 nas desigualdades de renda en Galicia e a súa distribución na sociedade’, publicado hai uns meses na Revista Galega de Economía e que vén de recibir o premio Valentín Paz Andrade de Investigación en Economía de Galicia, convocado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA) e o Consello Económico e Social (CES).
A pandemia de COVID incrementou as desigualdades económicas en Galicia e prexudicou, sobre todo, aos fogares novos, con dobre nacionalidade, con menor nivel de formación e sustentados por mulleres. Así o destaca o traballo ‘Os efectos iniciais da COVID-19 nas desigualdades de renda en Galicia e a súa distribución na sociedade’
A investigación, realizada por José Manuel Amoedo e María del Carmen Sánchez-Carreira, valora diferentes indicadores de desigualdade da renda entre os anos 2014 e 2020 e analiza a súa evolución tanto para o conxunto da sociedade como para os diferentes grupos sociais.
O traballo afonda no incrementos das desigualdades de renda, que afectaron especialmente aos fogares con persoas novas, por debaixo de 35 anos. En concreto, os fogares máis novos incrementaron as súas desigualdades para todas as variables de ingreso consideradas, os fogares nos que o sustentador principal é de idade central viron contido o aumento das desigualdades principalmente grazas ás prestacións de desemprego e, finalmente, os fogares de maior idade mantiveron os niveis de desigualdade debido ás demais prestacións.
A investigación, realizada por José Manuel Amoedo e María del Carmen Sánchez-Carreira, valora diferentes indicadores de desigualdade da renda entre os anos 2014 e 2020 e analiza a súa evolución tanto para o conxunto da sociedade como para os diferentes grupos sociais
O impacto da pandemia levou a un incremento da desigualdade dentro dos grupos cun menor nivel de formación e tamén naqueles fogares con persoas de nacionalidade distinta da española. E, de forma moi importante, a pandemia afectou negativamente a aqueles fogares nos que o sustentador económico principal é unha muller.
No estudo, os dous autores indican que a pandemia, ademais, xerou un cambio con respecto ao período de recuperación económica que se viña rexistrando nos anos anteriores, que estaba conseguindo reducir as desigualdades no nivel de renda. A análise das desigualdades segundo o sexo do sustentador principal do fogar mostra a diminución das desigualdades entre homes e mulleres nos anos previos, tendencia que interrompe a pandemia e que leva a que as desigualdades entre homes e mulleres cobren maior relevancia.
As prestacións públicas, clave á hora de contrarrestar o incremento das desigualdades en Galicia
O traballo salienta que o papel das prestacións públicas foi clave á hora de contrarrestar a perda de rendas na sociedade e o incremento das desigualdades en Galicia, aínda que estas prestacións non cubriron dunha forma homoxénea todos os grupos sociais
O traballo salienta que o papel das prestacións públicas foi clave á hora de contrarrestar a perda de rendas na sociedade e o incremento das desigualdades en Galicia, aínda que estas prestacións non cubriron dunha forma homoxénea todos os grupos sociais. “Cómpre sinalar que este efecto é asimétrico, levando a que os fogares compostos por persoas máis novas se visen claramente menos protexidos que os de maior idade”, matizan os autores.
O estudo tamén sinala que a provincia de Pontevedra foi a máis afectada e a menos cuberta polas prestacións, xa que as súas desigualdades internas se incrementaron independentemente da variable de ingreso considerada. No que se refire ao tamaño do municipio de residencia, detéctase como as desigualdades medraron en maior medida nos municipios de maior tamaño, especialmente nos de 50.000 ou máis habitantes.
Nas súas conclusións, os autores salientan que "a importancia que mostran as prestacións sociais á hora de suavizar o impacto da pandemia suxire a necesidade de mellorar a cobertura de prestacións sociais para os grupos sociais que se viron claramente menos beneficiados nos inicios da pandemia, entre os que destaca o grupo das persoas máis novas".
Unha boa análise, "a mellor base para políticas públicas máis efectivas”
No momento de recoller o galardón José Manuel Amoedo e María del Carmen Sánchez-Carreira reivindicaron “políticas sociais que axuden a recuperar o benestar”, especialmente dirixidas ás novas xeracións, as máis afectadas pola desigualdade
Este martes, na entrega do Premio Valentín Paz Andrade, o reitor da USC, Antonio López, lembrou a importancia de dar pulo a traballos que como o de Amoedo e Sánchez-Carreira “sirvan para a toma de decisións”. De igual xeito, no momento de recoller o galardón José Manuel Amoedo e María del Carmen Sánchez-Carreira reivindicaron “políticas sociais que axuden a recuperar o benestar”, especialmente dirixidas ás novas xeracións, as máis afectadas pola desigualdade. Finalmente, Sánchez-Carreira puxo o foco en como “unha boa análise é a mellor base para políticas públicas máis efectivas”.