Un referendo en Galicia para rexeitar o convenio do sector do telemárketing

Votación no referendo organizado pola CIG © CIG

Hai agora un mes, CCOO e UGT -sindicatos maioritarios a nivel estatal no sector do telemárketing- asinaron coa patronal das empresas Contact Center un novo convenio colectivo que terá vixencia até final de 2019. Logo de dous anos de negociacións, dun forte conflito, folgas e mobilizacións, o preacordo saíu á luz co rexeitamento frontal do resto de centrais sindicais, nomeadamente da CGT e da CIG, esta última maioritaria no sector en Galicia. Malia as diferenzas, a posición das organizacións que suman perto do 60% dos delegados no Estado impúxose mentres o resto cargaba contra un pacto que denuncian por "reforzar a precariedade". 

CGT e CIG rexeitaron e criticaron con dureza o preacordo de convenio que UGT e CCOO asinaron coa patronal

Nun ámbito fortemente feminizado e precarizado, os dous anos de convenio conxelado afondaron nos baixos salarios, contratos a tempo parcial, temporalidade e ritmos de traballo esgotadores. Unha empregada a xornada completa cobraría 990 euros brutos ao mes, pero este tipo de xornada é case inexistente en Galicia. A maioría traballa a xornadas parciais de entre 30 e 33 horas semanais e o soldo medio no sector é duns 700 euros ao mes, ao que se engaden numerosas denuncias polo elevado nivel de estrés e ansiedade. 

O convenio asinado asume que non se producirá até 2018 unha recuperación do nivel adquisitivo perdido, cunha suba do 0% dos salarios en 2015 e 2016 e do 1,6% en 2017 (o IPC sitúase na actualidade no 2,3% interanual). En 2018 e 2019, os salarios si crecerán un 0,5% por riba da alza dos prezos no ano anterior. Ademais, introdúcense melloras na conversión de contratos temporais en indefinidos e garántese que a partir de 2018, cando menos o 50% do persoal de operacións debe ser indefinido. Pola contra, non hai avances no relativo á subrogación de contratos no caso de que un servizo cambie de empresa, algo moi habitual, e duplícanse os días de descanso para as traballadoreas embarazadas a partir da semana 22 de xestación. Ademais, e entre outras medidas, fíxanse en oito o máximo de días de traballo consecutivos, tres menos que na actualidade. 

A CIG pediu que o preacordo fose sometido a unha votación entre todos os traballadores do sector

CGT e CIG denunciaron medidas "cosméticas" que non solucionan nada e que xa eran aplicadas en moitos centros de traballo e cargaron contra CCOO e UGT por ser "parte do problema" no telemárketing. A central nacionalista, ademais, reclamou que o preacordo fose "sometido a unha votación onde poidan participar todos os traballadores e traballadoras dun sector que emprega entre 7.000 e 8.000 persoas en Galicia. Ante a negativa a esta alternativa, o sindicato organizou un referendo en varios centros galegos -evitáronse aqueles nos que se "atopan en procesos como negociacións de EREs ou semellantes"- no que participaron máis de 1.500 persoas. 

A central nacionalista, maioritaria no sector en Galicia, organizou un referendo no que participaron máis de 1.500 traballadores

"É un moi bo dato de participación e estamos contentos, tanto polo número de votantes como polo resultado obtido", explica Laura Pérez, portavoz da CIG para o sector do telemárketing. Neste referendo participaron traballadores de dez centros de chamadas de varias localidades galegas, cun nivel de participación que foi desde o 17% en Atento, na Coruña, ao 55% en Unitono (Ourense). No centro de Bosch, en Vigo, participou o 22% dos traballadores, unha cifra semellante ao local de Teleperformance na cidade herculina. Tamén houbo consulta en Prosegur, ContactNova, Abante Lugo, Extel ou DXC Technology. 

Do total de participantes (1.504), o 95,3% (1.433) votaron en contra do preacordo de convenio, fronte ao 4,1% (62 persoas) que lle deron o visto e prace. Ademais, houbo seis votos en branco e tres nulos. "Triunfou a democracia sindical fronte a un modelo déspota que exclúe os traballadores e traballadoras da toma de decisión sobre a sinatura de acordos que lles afectan”, resume a CIG, que cre que o resultado é “contundente e claro” e constata que “o persoal en Galiza rexeita os termos do preacordo asinado polas cúpulas directivas de CCOO, UGT e as empresas". "Darémoslle traslado, xa que entendemos que debería ser un motivo de reflexión”, engade. 

Máis do 95% do persoal que participou na consulta rexeitou o preacordo; a CIG pide "urnas para que vote todo o persoal afectado"

Ante as críticas á lexitimidade do resultado, a CIG aposta por que os críticos "se atrevan a poñer as urnas para que vote todo o persoal afectado por un mal preacordo". "As maiores ditaduras da historia prohibiron os sindicatos e a súa actividade, por iso democracia e movemento sindical deberían ir sempre da man”, que cre que as centrais deberían coincidir en "desterrar un modelo paternalista, no que uns elixidos deciden por todos e todas". 

A central nacionalista insiste, ademais, en criticar un convenio que provoca "a perda de poder adquisitivo para o persoal, non avanza na estabilidade no emprego e dá un maior poder para as empresa en materias tan sensíbeis como os horarios".

Mesa para a votación na consulta organizada pola CIG © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.