Un sector téxtil galego 'relocalizado' e sustentable?

Promoción da instalación 'The Balance of Fabric' © We are Latitude

"Dixéronnos que o fixésemos en Madrid, Barcelona, Berlín ou Londres, pero queremos facelo en Galicia". Deste xeito preséntase Latitude Contemporary Fashion Makers, unha empresa pioneira no mundo da moda que acaba de nacer co obxectivo de contribuír á reindustrialización do sector téxtil galego a través do valor engadido da sustentabilidade.

O corazón do proxecto é unha rede de talleres situados en Galicia, unhas instalacións -destacan- "nos que non só se coida o produto, senón tamén as persoas que o confeccionan, contribuíndo á recuperación dun sector estratéxico e de gran tradición". Latitude quere aproveitar esta "experiencia e saber facer, con máximos estándares de calidade" para se converter nun centro de referencia para as producións de moda sustentable Made in Europe

Os seus responsables destacan que "tras anos de deslocalización das producións cara a países asiáticos, son xa moitas as empresas que se plantean volver, e Latitude quere converterse nunha ferramenta de facilitación ás marcas que queren producir aquí con estándares de sostibilidade". Ademais, Latitude ofrécelles ás marcas outros servizos, coma un Showroom de materiais sustentables, situado na Cidade da Cultura, grazas a a alianza coa plataforma internacional CLASS, con presenza en Milán, Copenhague, Londres e Nova York.

"Tras anos de deslocalización das producións cara a países asiáticos, son xa moitas as empresas que se plantean volver, e Latitude quere converterse nunha ferramenta de facilitación ás marcas que queren producir aquí con estándares de sostibilidade"

Os impulsores do proxecto explican que proceden de experiencias e campos diversos, dende a enxeñaría téxtil, a estratexia, o deseño, a consultoría, a comunicación ata a responsabilidade social corporativa, "permitindo abordar os proxectos desde unha perspectiva integral con enfoques complementarios". Subliñan que comparten "a convicción de que é necesario (e posible) recuperar unha forma de facer moda baseada na calidade á que se incorporan novos valores que falan de responsabilidade e sostibilidade". E reclaman "que é necesario facerse preguntas diferentes sabendo que o futuro está no equilibrio entre economía e ecoloxía, entre consumidor e produto, entre ganancia e beneficio, entre promesas e expectativas". Latitude incorpora unha sección, Latitude Lab, para os creadores emerxentes, co obxectivo de servir para a formación, a asesoría e o desenvolvemento de produtos innovadores de forma colaborativa e o intercambio de experiencias.

En consecuencia, conclúen, apoian "unha industria local, na que é posible coñecer as persoas que están detrás das prendas que producimos, onde a roupa non ten que percorrer medio mundo ata chegar ao consumidor, que xera desenvolvemento e que coida tanto o produto como as persoas que están detrás del".

Apoian "unha industria local, na que é posible coñecer as persoas que están detrás das prendas, onde a roupa non ten que percorrer medio mundo, que xera desenvolvemento e que coida tanto o produto como as persoas que están detrás del"

María Almazán, CEO de Latitude, presentará o proxecto este venres na propia Cidade da Cultura, no marco de The Balance of Fabric, unha rechamante instalación interactiva desenvolvida polo colectivo Domestic Data Streamers coa que Latitude quere convidar a reflexionar acerca da sustentabilidade e o futuro da moda. Almazán traballou durante catro anos nunha multinacional téxtil, que abandonou en desacordo co xeito en que producía as súas prendas en Asia, coa explotación á que eran sometidas as traballadoras e tamén o medio ambiente. En 2010 abriu en Gondomar a súa propia empresa para facer roupa de maneira responsable e ecolóxica, Alternativa Textil, e involucrouse en distintos proxectos, entre eles a Fundación Fabrics for Freedom, que buscaban concienciar a produtores e a sociedade en xeral sobre a necesidade dunha nova cultura da roupa. Dende o pasado ano coordina xunto con Amarante-Setem a Plataforma Galega de Moda Sostible, MOV3,

 

The Balance of Fabric

Latitude presentarase este venres no marco da instalación The Balance of Fabric, unha proposta artística que se poderá visitar na Cidade da Cultura este xoves (de 17 a 21 horas) e venres (de 12 a 14 e de 17 a 21 horas). "Onde se fixo a roupa que levas? Cres que é sostible? Valor ou prezo?" ou "Sabes que impacto xera no medio ambiente e nas persoas?" son cuestión que servirán de fío condutor a esta instalación. Será unha representación en tempo real daquilo que pensamos e sentimos sobre a roupa que vestimos, convidando o público a reflexionar sobre os seus hábitos e opinións ao redor da moda. "Unha rechamante instalación que axuntará arte e estatísticas, divulgación e reflexión, razón e emoción", destacan os seus impulsores.

"Onde se fixo a roupa que levas? Cres que é sostible? Valor ou prezo?" ou "Sabes que impacto xera no medio ambiente e nas persoas?" son cuestión que servirán de fío condutor a esta instalación

The Balance of Fabric está realizada polo colectivo catalán Domestic Data Streamers, un grupo de creadores que utilizan novas linguaxes contemporáneas que nos axudan a entender mellor o mundo que nos rodea. Para iso, converten os números en instalacións, transformando as estatísticas en sistemas interactivos e experiencias. Destacan que "os datos cambian a forma na que vemos o mundo. Podemos aprender máis sobre nós e sobre a natureza que nos rodea que nunca antes na historia da humanidade, pero necesitamos novas ferramentas que nos permitan traducir esta información nunha lingua universal". Na rede poden verse algúns dos anteriores proxectos de Domestic Data Streamers, en cidades como Barcelona, Berlín, Doha ou Londres.

Promoción da instalación 'The Balance of Fabric' © We are Latitude

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.