Un terzo da mocidade galega vive en risco de pobreza ou exclusión social

Evolución do risco de pobreza por idades CC-BY-SA Praza Pública

A pobreza e os seus efectos entraron de cheo no debate público durante os anos da crise económica. No caso galego o Goberno da Xunta, a comezar polo presidente, reitera a evidencia de que as taxas de pobreza e exclusión son menores en Galicia que noutros puntos do Estado. Se ben isto é certo, non o é menos que estas taxas aumentaron considerablemente no país dende o inicio da crise económica e que houbo un grupo de poboación, a mocidade, especialmente castigada por este incremento, ata o punto de case unha de cada tres persoas novas está en Galicia en risco de pobreza ou exclusión social, situación á que tamén se enfrontan cada vez máis persoas próximas á idade de xubilación.

O Instituto Galego de Estatística vén de publicar os resultados da súa enquisa estrutural aos fogares correspondentes ao 2014, unha manchea de datos que serven como radiografía dos efectos entre a poboación dunha crise que trouxo consigo destrución de emprego e baixadas de salarios e, polo tanto, tamén pobreza. Pero, que se entende exactamente por pobreza para poder medila?

O limiar da pobreza sitúase en ingresos inferiores a 599,67 euros ao mes nos fogares unipersoais

Considérase que unha persoa ou un fograr son pobres cando os seus ingresos están por baixo da cantidade mensual fixada como limiar de risco de pobreza, isto é cando percibe menos do 60% dos ingresos medios da poboación, neste caso, de Galicia. Con estes criterios, no ano 2014 unha persoa residente en territorio galego estaba por baixo deste limiar se ingresaba menos de 599,67 euros ao mes. Esta cantidade está máis de 40 euros por riba na provincia da Coruña e case 40 por baixo en Ourense e Pontevedra.

A mocidade galega acumula un incremento do risco de pobreza de 10 puntos dende o ano 2007

Con estes criterios sobre a mesa o resultado é que no pasado 2014 a taxa de risco de pobreza diminuíu moi levemente en Galicia, cunha baixada de 0,16 puntos que a deixou no 16,41%. No entanto, o panorama é moi dispar en función do grupo de idade. Así, a diminución da taxa global débese, esencialmente, á súa baixada continuada entre as persoas maiores de 65 anos, toda vez que nestes anos a contía das pensións de xubilación sufriu recortes inferiores aos dos salarios da poboación activa. Mentres, a taxa continuou subindo na poboación de entre 16 e 24 anos, grupo que acumula un incremento na taxa de risco de pobreza de 10 puntos dende o ano 2007.

O incremento máis significativo da taxa de risco de pobreza nese exercicio non foi, no entanto, entre a xente nova, senón entre as persoas que se atopan, por idade, a piques de xubilárense. Case un 18% das poboación entre 50 e 64 anos se atopa nesta situación, porcentaxe que, non obstante, segue a ser menor á que se rexistra entre a poboación infantil, na que un de cada cinco nenos e nenas segue a convivir co risco de pobreza.

A carencia material severa ou o traballo precario téñense en conta para medir o risco de exclusión social

Estas cifras son aínda máis avultadas se, ademais da pobreza, se ten en conta o risco de exclusión social, na liña do estipulado na Estratexia Europa 2020, o principal guieiro socioeconómico da UE para esta década. Neste caso, ademais das cantidades que fixan o limiar da pobreza, tense en conta a poboación que sofre carencias materiais severas -non poder permitirse comer carne ou peixe cando menos cada dous días, padecer pobreza enerxética, non ter capacidade de afrontar pagamentos imprevistos, ter que atrasarse no pagamento dos subministros ou non dispoñer de equipamentos básicos no fogar, entre outros criterios-. Asemade, tense en conta ás persoas menores de 60 anos en cuxos fogares non entran ingresos do traballo ou estes teñen "baixa intensidade", é dicir, as persoas adultas do fogar só teñen traballo remunerado unha quinta parte -ou menos- dos días que poderían telo.

O risco de pobreza ou exclusión afecta ao 22,11% das persoas residentes en Galicia

Atendendo a estes criterios -para os que só hai dispoñibles datos relativos a Galicia dende 2011- tamén é a mocidade o grupo social que en Galicia sae peor parado, con case unha de cada tres persoas exposta ao risco da pobreza ou a exclusión. Mentres que no cómputo global da poboación o indicador experimenta unha baixada de 0,72 puntos, ata o 22,11% da poboación residente en Galicia, hai un grupo de idade no que o risco aumenta, a devandita poboación máis próxima á xubilación, na que o risco de pobreza ou exclusión chega ao 28,42% tras subir 1,79 puntos. Os grupos de idade que rexistraron maiores diminucións nese ano foron os das persoas de 25 e 49 anos e tamén as maiores de 65, entre as que se mantén a tendencia descendente.

Mocidade nun acto da Xunta sobre emprego xuvenil © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.