Un xulgado de Vigo confirma a relación laboral entre Glovo e un cento de repartidores, negada pola empresa

Un repartidor de Glovo CC-BY-SA agirregabiria

Nos últimos meses a denominada Lei Rider, aprobada o pasado verán, buscou acabar coa precariedade laboral que sufrían milleiros de repartidores, obrigados a actuar como falsos autónomos para unhas compañías que en realidade xestionaban todos os seus procesos

Nos últimos anos é cada vez máis habitual ver nas rúas das cidades e vilas un gran número de repartidores e repartidoras (riders), de distintas empresas, que realizan servizos de transporte de distintos elementos (principalmente comida a domicilio, pero moitos outros). A gran maioría deses traballadores e traballadoras viñan desenvolvendo a súa actividade de forma moi precaria e en moitas ocasións sen unha vinculación laboral ningunha para as empresas de delivery que cobraban polo servizo. 

Nos últimos meses a denominada Lei Rider, aprobada o pasado verán, buscou acabar coa precariedade laboral que sufrían milleiros de repartidores, obrigados a actuar como falsos autónomos para unhas compañías que en realidade xestionaban todos os seus procesos (recibían os encargos, distribuíanos entre todos os empregados, cobraban o importe pagado polo usuario final...), aínda que querían facer ver que actuaban como simples intermediarios entre o consumidor e o repartidor.

Un repartidor de Glovo CC-BY-NC-SA CIG

"Os repartidores non perciben os seus honorarios directamente dos clientes finais da plataforma senón que o prezo do servizo recíbeo Glovo, quen posteriormente abona a súa retribución aos repartidores. Iso evidencia que Glovo non é unha mera intermediaria", conclúe o tribunal

A empresa Glovo, con sede en Barcelona, é unha das que máis activamente se posicionou en contra desta lei e da regularización da situación laboral dos seus milleiros de empregados. Agora un xulgado de Vigo vén de determinar a relación laboral que existía entre a empresa e 97 dos seus repartidores na provincia de Pontevedra, unha relación negada pola compañía.

O ditame do Xulgado do Social nº5 de Vigo parte dunha proposta formulada pola Tesourería Xeral da Seguridade Social o pasado mes de agosto, que solicitaba a confirmación deste vínculo, que queda demostrado nunha sentenza que pode ser aínda recorrida ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O tribunal, baseándose nos datos achegados pola Tesourería Xeral da Seguridade Social e en varias sentenzas previas do Tribunal Supremo sobre traballadores en situacións semellantes, algunha referida directamente a Glovo, conclúe que entre a compañía e os traballadores existía unha relación laboral definida pola "dependencia" e pola "alleidade".

A sentenza subliña que Glovo toma “todas as decisións comerciais” e explica que “o prezo dos servizos prestados, a forma de pago e a remuneración aos repartidores fíxase exclusivamente por esa empresa"

A sentenza subliña que Glovo toma “todas as decisións comerciais” e explica que “o prezo dos servizos prestados, a forma de pago e a remuneración aos repartidores fíxase exclusivamente por esa empresa". Ademais, "os repartidores non perciben os seus honorarios directamente dos clientes finais da plataforma senón que o prezo do servizo recíbeo Glovo, quen posteriormente abona a súa retribución aos repartidores". "Iso evidencia que Glovo non é unha mera intermediaria entre clientes finais e repartidores", conclúe.

O ditame destaca, por exemplo, o sistema de puntuación de cada repartidor, aplicado por Glovo en función dunha serie de criterios decididos pola empresa, e que "na práctica condiciona a súa liberdade de elección de horarios porque se non está dispoñible para prestar servizos nas franxas horarias con máis demanda, a súa puntuación diminúe e con ela a posibilidade de que no futuro se lle encarguen máis servizos e conseguir a rendibilidade económica que busca".

Un repartidor de Glovo CC-BY-SA Senkeria Partet

O ditame do Xulgado do Social nº5 de Vigo parte dunha proposta formulada pola Tesourería Xeral da Seguridade Social o pasado mes de agosto, que solicitaba a confirmación deste vínculo

Nunha sentenza de contido semellante, o Tribunal Supremo concluíra que Glovo "non é unha mera intermediaria na contratación de servizos entre comercios e repartidores. Non se limita a emprestar un servizo electrónico de intermediación consistente en pór en contacto a consumidores (os clientes) e auténticos traballadores autónomos, senón que realiza un labor de coordinación e organización do servizo produtivo. Trátase dunha empresa que presta servizos de recadería e mensaxería fixando o prezo e condicións de pago do servizo, así como as condicións esenciais para a prestación do devandito servizo. E é titular dos activos esenciais para a realización da actividade". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.