Condena pioneira a unha empresa ourensá que despediu un operario horas despois de ser atropelado traballando

Rúa Ramón Puga, en Ourense, onde aconteceron os feitos xulgados © Concello de Ourense

O 6 de xullo de 2020, un home empezou a traballar nunha empresa ourensá como condutor e repartidor  cun salario de pouco máis de 1.100 euros mensuais. Apenas dúas semanas despois, o día 20, "cando se atopaba realizando o seu traballo, ao cruzar un paso de peóns" tras deixar un envío, "foi atropelado por un vehículo que o lanzou contra a calzada".

O empresario despediu o traballador accidentado tras visitalo no hospital e o tribunal dá por probado que o fixo ao considerar que as lesións se prolongarían no tempo, aplicando por primeira vez no Estado o principio de discriminación por aparencia de discapacidade

O traballador foi trasladado "con urxencia" ao Complexo Hospitalario Ourensán mentres a Policía Local avisaba o empresario do sucedido. O propietario da empresa mesmo acudiu ao hospital "a interesarse pola saúde do traballador". Ese mesmo día, "procedeu a dalo de baixa na Seguridade Social", tramitando un despedimento no que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia observa un caso de "discriminación por aparencia de discapacidade", converténdose no primeiro tribunal que aplica este principio.

Estes son os feitos que o Xulgado do Social número 1 de Ourense deu por probados no outono do pasado ano. Daquela, anulou o despedimento a instancias do traballador e deu á empresa a posibilidade de readmitilo ou indemnizalo con apenas 100 euros -o empresario acolleuse a esta segunda opción-. O nome da empresa non é revelado nas sentenzas, se ben o xornal La Región sinala que se trata dunha compañía de reparto de auga.

Hospital de Ourense, nunha imaxe de arquivo © Concello de Ourense

Tamén a sala do Social do TSXG dá por probados os feitos nunha sentenza ditada este 13 de abril para resolver o recurso interposto polo traballador. Entre os seus argumentos, o traballador defendeu a necesidade de que a Xustiza valorase probas médicas alén da data de alta da primeira hospitalización, cinco días despois. 

"Non cabe ningunha outra conclusión máis que asociar casualmente a aparencia de discapacidade co despedimento", sentencia o Tribunal Superior, que condena a empresa á readmisión e pagamento dos salarios non cobrados

Non en van, desa alta saíu cun "politraumatismo por atropelo en vía pública", unha "contusión pulmonar leve" e "fractura de ósos nasais", mais tamén con citas para diversas especialidades médicas. Nos meses seguintes foron ficando constatadas que padecía diversas secuelas físicas e tamén psicolóxicas a causa do accidente. No no propio día en que aconteceu o sinistro e cando o empresario acudiu ao hospital a ver o traballador, conclúe o tribunal, era evidente que as lesións continuarían por tempo indeterminado e esta circunstancia foi clave na resolución do contrato.

Así, naquela visita ao hospital, di a sentenza, había xa unha "apariencia obxectiva de incapacidade duradeira" á que "se debe asociar un elemento subxectivo na actuación do empresario". Existe unha "conexión temporal tan forte" entre o acidente de tráfico, a "conseguinte aparencia de discapacidade" e "a baixa na Seguridade Social" que "non cabe ningunha outra conclusión máis que asociar casualmente a aparencia de discapacidade co despedimento". Máis aínda, abondan os xuíces, tendo en conta que nin a propia empresa tentou acreditar durante o proceso outros motivos, tales como unha eventual "falta de dilixencia" do traballador no seu labor.

Neste contexto, o tribunal considera que os feitos son "perfectamente" encadrables no suposto de "discriminación por aparencia de discapacidade" contemplada na lexislación da Unión Europea dende hai dúas décadas. Por este motivo estima o recurso do traballador, revoga a sentenza do primeiro xulgado e emite unha nova. Nela, cualifica o despedimento "como nulo por vulneración da prohibición de discriminación por razón de discapacidade" e condena a empresa á "inmediata readmisión" do traballador, sen posibilidade de indemnización como alternativa, tendo ademais que pagarlle "os salarios deixados de percibir" neste tempo. Contra este ditame cabe recurso de casación -para unificar doutrina ao respecto- ante o Tribunal Supremo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.