O ditame de Inspección contra as subcontratas de Amazon no Porriño abre a vía para acoutar a temporalidade no sector do transporte

Traballos nun centro loxístico de Amazon © CCOO

Ata 200 repartidores que traballan para o centro loxístico que o xigante Amazon ten no Porriño poden tornar en empregados fixos logo de que a Inspección de Traballo lles recoñecese esa condición a raíz dunha denuncia de UGT. 

Inspección insta unha subcontrata para o transporte de Amazon a facer indefinidos os seus traballadores, medida que afecta os 200 da planta do Porriño

A resolución que se vén de facer pública afectaría todo o persoal das compañías que Amazon ten subcontratadas para realizar a repartición nesta base galega, segundo defende o sindicato, logo de que Inspección recoñecese a falta de razóns e motivacións para que estes traballadores estean contratados como eventuais nunha delas. Pero tamén suporá un cambio fundamental para moitos empregados deste sector e doutros que verán recoñecidos dereitos ata agora negados

Protesta laboral ante un centro de traballo de Amazon © CCOO

O "importante" desta resolución pioneira no Estado é que aclara que "cando unha subcontrata traballa exclusivamente para atender un servizo dunha contrata, non ten cabida a contratación temporal por obra e servizo", segundo aclara Rubén Bernárdez, asesor laboral do sector transporte na UGT-Vigo e neste caso particular. 

"Para que se puidese aplicar esta temporalidade, a sustentabilidade e obxectividade ten que ser clara, por exemplo para a repartición nunha campaña de Nadal, pero neste caso falamos dun servizo xenérico que é atender todos os pedidos de Amazon, polo que debe empregarse a fórmula de contrato indefinido", aclara Bernárdez a Praza.gal.

"Cando unha subcontrata traballa exclusivamente para atender un servizo dunha contrata, non ten cabida a contratación temporal por obra e servizo"

A resolución deu a razón a UGT tras a súa denuncia sobre o tipo de contrato dos traballadores da empresa Tipsa e pon en cuestión que utilice a modalidade por obra e servizo, baseándose na xurisprudencia do Tribunal Supremo de hai poucos meses. Checkpoint e Kebel son as outras dúas firmas que Amazon subcontrata para a súa plataforma no Porriño e que estarían afectadas por unha resolución que abrangue uns 200 repartidores que agora pasarán a ser considerados fixos.  

A resolución da Inspección, a primeira neste sentido a partir do que establecera o alto tribunal, aclara que o servizo de repartición non é unha actividade puntual e imprevisible, senón continuada e que debería basearse en contratos estables. "Ao se tratar dunha empresa que ofrece servizos a terceiros e desenvolve a súa actividade esencial a través destes, resulta ilóxico soster que o groso daquela actividade ten carácter excepcional ao que o contrato para obra ou servizo busca atender", destaca UGT. 

A empresa mantén contratos temporais alegando que a vinculación con Amazon tamén o é, o que non está contemplado como excepción

Inspección impuxo a Tipsa unha infracción grave e unha sanción tras non atopar a xustificación necesaria para a temporalidade que exixe a contratación por obra e servizo. A empresa mantén contratos temporais argumentando que a súa vinculación con Amazon tamén é temporal, unha razón que non está contemplada como excepción á contratación indefinida. 

Repartidor da empresa Glovo CC-BY-NC-SA CIG

"Uber Eats, Deliveroo e Glovo tentan evitar a lei de 'riders' subcontratando o servizo, pero o ditame de Inspección servirá para denunciar esta nova artimaña"

"A resolución é aplicable a calquera outra empresa na mesma situación e ten unha afectación importante no caso dos riders; Uber Eats, Deliveroo e Glovo tentan evitar a aplicación da futura lei subcontratando o servizo, pero no sindicato usaremos a resolución de Inspección para denunciar esta nova artimaña a nivel estatal", aclara Bernárdez. 

O precedente que senta a decisión de Inspección no caso da central loxística de Amazon no Porriño mudará, no caso de mediar denuncia, o modelo que aplican moitas empresas de transporte, tamén as máis importantes. 

A medida de Inspección no Porriño afecta tamén a maioría de empresas de transporte que subcontratan empresas para a repartición

"A maioría delas subcontratan para o servizo habitual directamente a autónomos ou outras mercantís con traballadores; no caso de que ese persoal subcontratado teñan contrato por obra e servizo, estarán igualmente afectados pola decisión de Inspección e pasarán a considerarse indefinidos", remata Bernárdez sobre a posibilidade dun cambio que abrangue milleiros de persoas en Galicia e no Estado. 

E lembra, ademais, que UGT xa ten presentadas varias demandas contra Tipsa polo despedimento irregular por fin de obra de varios traballadores. Agora, os letrados do sindicato pedirán ao xuíz que determine os despedimentos como improcedentes por seren persoal fixo e non temporal, co que as contías das indemnizacións serán tamén diferentes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.