A xustiza anula o acordo do Consello Regulador por existir "abuso de dereito" ao facer valer a "posición de forza" das grandes cooperativas e bodegueiros
Sentenza histórica. A xustiza dá a razón aos colleiteiros ao admitir que o Consello Regulador fomentou o uso de uva foránea na Denominación de Orixe (DO) Ribeiro. O ditame do Xulgado de Primeira Instancia de Ribadavia pon o ramo así a unha polémica que duraba tres anos, desde que en marzo de 2018 o pleno Conselllo da DO aprobou un prezo diferente aos selos que certifican a pertenza a esta Denominación, impoñendo un importe superior aos viños elaborados con variedades autóctonas e menor aos feitos con uvas de orixe foránea.
Foi cando 17 adegas de colleiteiro impugnaron esta decisión ante a xustiza, que estimou a demanda ao considerar a existencia de "abuso de dereito" por terse adoptado o acordo facendo valer "a posición de forza no pleno do Consello Regulador dos vogais representantes das cooperativas e grandes bodegueiros.
As adegas de colleiteiro son unha tipoloxía que pervive no Ribeiro, que elabora ata un máximo de 60.000 litros de viño ao ano e que utiliza unicamente uva de colleita propia. Conviven na DO coas cooperativas e bodegas de máis de 400.000 litros anuais --que teñen o 50% dos vogais con dereito a voto do pleno malia representar sobre o 6% de bodegas inscritas-- e con aquelas adegas de menos de 400.000 litros, que na súa maioría embotellan viños preferentes, exclusivamente con variedades autóctonas e de maior calidade.
O Consello Regulador aprobara un prezo maior para os selos dos viños de uva autóctona fronte ao importe inferior dos de variedades foráneas
Segundo o xuíz, o acordo de 2018, agora anulado, "produce un resultado antisocial ao ser exercitado con abuso de dereito, favorecendo os intereses particulares do grupo de vogais do pleno, viticultores que teñen unha forte representividade" e en detrimento "dunha minoría do colectivo de produtores que son quen, de longo, máis embotellan viño como preferente ou autóctono". Segundo a sentenza, o prexuízo é claro ao "gravar con maior prezo os precintos" deste produto "fronte ao embotellado como autorizado ou foráneo".
O ditame destaca que os viños preferentes son "de maior calidade e máis característicos da DO" e que a misión do Consello Regulador é fomentar as variedades autóctonas. Xa que logo, gravar con maior prezo os precintos de garantía "produce un resultado daniño para os produtores deste viño, cuxo cultivo e elaboración débese fomentar pola demandada".
A sentenza advirte que gravar con maior prezo os precintos das variedades autóctonas "dana os produtores deste viño, que debe ser fomentado"
O xuíz lembra que, en 2019, os pequeños bodegueiros e coleliteiros adquiriron máis de 2,3 millons de precintos para viño preferente, "contando só con dous votos no pleno", mentres cooperativistas e grandes adegueiros retiraron pouco máis de 1 millón. Así, advirte de que é "claro" que malia que os grandes produtores "non son, en termos abosolutos, os que máis embotellan viño como autóctono".
Contra a sentenza cabe recurso xudicial ante a Audiencia Provicial de Ourense ante do vindeiro 15 de abril.
A Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro recorda que os seus socios embotellan arredor do 85% dos seus viños como preferentes e que teñen unha representación "minoritaria" no Consello Regulador, cun só vogal con dereito a voto dun total de dez. Agora, esperan que o ditame lles dea "visibilidade" a un colectivo que "loita para que a Denominación de Orixe Ribeiro recobre o prestixio que lle corresponde".