A votar

  • Editorial
CC-BY-NC-SA Praza.gal

Poucas, moi poucas veces, lembramos unha campaña electoral onde as sensacións e as expectativas de cambio en clave progresista fosen tan intensas. 

Moi poucas veces lembramos unha campaña electoral onde as sensacións e as expectativas de cambio en clave progresista fosen tan intensas

A campaña que agora remata serviu para confirmar –e mesmo agudizar– tendencias que xa se viñan observando nos meses previos: o forte ascenso do voto ao BNG, encabezado pola política mellor valorada, Ana Pontón, que acabará consolidando o vindeiro 18 de febreiro un liderado incontestable, tanto fóra como dentro da súa propia organización política. As dificultades do PSdeG para impulsarse entre algúns dos tradicionais caladoiros de voto socialista, o que non impediu a implicación decidida de Moncloa e Ferraz con José Ramón Gómez Besteiro. Ou o camiño empinado de Marta Lois á hora de sumar votos suficientes para obter escano para Sumar por Pontevedra e A Coruña. Tamén a posible entrada de Democracia Ourensana no Parlamento Galego como muleta neobaltarista do PP.

Pero a tendencia máis destacada, a que permite concibir unha razoable esperanza de cambio progresista o vindeiro domingo, é o desgaste electoral experimentado por esa maquinaria outrora tan implacable que é o Partido Popular de Galicia. Así o apuntaban as enquisas mentres puideron ser publicadas e así o transloce o aparello do propio partido.

Semella que, tras o abandono de Feijóo, e o escaso brillo de quen fora o seu segundo, Alfonso Rueda, o electorado galego (mesmo de centro ou centro-dereita) está a piques de pasarlle a factura ao Partido Popular por un goberno de 15 anos, fundamentalmente dedicado a conservar o poder através dunha caste de anestesia. Dun baleirado do carácter gobernamental da Xunta para viralo nun remedo de xestoría. 

As ferramentas esenciais da anestesia acusan unha importante fatiga, especialmente cando se alían factores coma os que se dan nesta ocasión histórica.

As ferramentas esenciais desa anestesia (o férreo control da CRTVG, a dirección do financiamento a empresas editoras de medios de comunicación, as selectivas achegas a sectores afíns a través do poder do Diario Oficial de Galicia, a confusión entre PP e Xunta) acusan xa unha importante fatiga, especialmente cando se alían factores coma os que se dan nesta ocasión histórica: unha inusitadamente errática campaña popular, chea de mensaxes contraditorias, erráticas bicefalias, condenas da Xunta Electoral de Galicia e erros non forzados que contrasta cunha oferta electoral pragmática e realista do nacionalismo galego, impulsada por unha campaña do BNG brillante e sen erros. 

A isto engádese un liderado renovado e crible do socialismo galego, auxiliado por un PSOE necesariamente á ofensiva, dada a súa precaria instalación no goberno central, que non dubida en darlle osíxeno ao propio BNG en aras do cambio. E, por riba de todo a consciencia partillada sobre cal é o obxectivo e por que é crucial bater democraticamente o PP neste momento. 

O pasado debate do mércores día 14, día de San Valentín, na RTVE foi un símbolo da campaña. Fronte á ausencia dun candidato popular á defensiva, unha oposición a dúas voces que, lonxe de rabuñarse, escenificou a convivencia futura entre a presidenta nacionalista e o vicepresidente socialista dun goberno galego de cambio, de esperanza, de necesaria superación do letargo dun País que ten dereito a estar vivo.

Toda esta conxunción de factores explican a importancia da mobilización do electorado progresista. Da participación masiva de quen desexa un cambio

No momento de rematar esta apaixonante campaña electoral, non obstante, nada está escrito. Nin a derrota do Partido Popular, nin a vitoria dun goberno de cambio. A cantidade de voto indeciso (arredor do 15%, apuntaban as enquisas publicadas) e o axustado da correlación de forzas, fai que a volatilidade do resultado sexa grande. Mesmo pode darse o escenario de que teña que ser o voto exterior o que decida o desempate no último minuto da prórroga. Non sería a primeira vez.

Toda esta conxunción de factores explican a importancia da mobilización do electorado progresista. Da participación masiva de quen desexa un cambio. De quen pensa en que pode facelo posible, que é agora ou que desta vai.

A votar!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.