"Queremos que o próximo goberno progresista galego sexa de mulleres"

A candidata de Sumar Galicia o 18F, Marta Lois, no peirao de Vigo o pasado venres CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

"Os galegos e galegas deben lembrar como o 23 de xullo paramos os pés a Abascal e a Feijóo", advirte a candidata de Sumar Galicia, Marta Lois, que avanza que o 18F chegará unha "primavera adiantada" a Galicia cun goberno progresista "a tres" na Xunta

As eleccións galegas máis impredicibles no que vai de século son tamén unha incógnita para Sumar Galicia, que traballa para ser decisiva nun goberno de coalición progresista a partir deste domingo. Quedamos coa súa candidata á presidencia, Marta Lois, na estación marítima de ría en Vigo, antes de que colla o barco a Cangas coa líder da formación a nivel estatal, vicepresidenta segunda do Goberno central e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, para un acto de campaña. Lois naceu en Vigo, ten familia ourensá e vive e Santiago, onde deu o paso á política institucional. Conta que o que máis lle está a gustar da campaña é a oportunidade de escoitar a tantos colectivos do país e avanza que o 18F chegará unha "primavera adiantada" a Galicia.

Como está a levar a campaña?

Moi ben. Está a ser unha campaña intensa, con moita enerxía e moita xente que nos está arroupando. Hai unha expectativa de cambio entre as galegas e galegos se o 18 de febreiro hai moita participación.

É a convocatoria electoral máis aberta en quince anos.

Por iso o PP está tan nervioso. Os galegos e galegas deben lembrar como o 23 de xullo paramos os pés a Abascal e a Feijóo. Agora, de novo coas mulleres na primeira liña política, ábrese unha oportunidade de cambio en Galicia. Os escanos que poida conseguir Sumar Galicia son os que se lle arrebatan ao PP e á súa maioría absoluta. Se entramos con forza é posible un goberno a tres.

Marta Lois e Yolanda Díaz antes de subir ao barco a Cangas no Porto de Vigo CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

Na precampaña, desde Sumar formulaban a idea de que ían mobilizar un electorado que podía absterse nunhas eleccións autonómicas, cre que se está a activar a ese electorado?

Estamos detectando boas sensacións, sete de cada dez galegas e galegos di que quere cambio. Pasado o ecuador da campaña a xente ten que interiorizar que iso vai depender do voto progresista: do voto das mulleres, da xente traballadora e da xente nova. Rueda non colocou porque si as eleccións ao remate do Nadal e no medio do Entroido, o que quería era desmobilizar e converter estes comicios nun mero trámite. O PP non ten nada que aportar, presume de datos de emprego pese a votar en contra da reforma laboral e da suba do salario mínimo e das pensións.

"O PP non ten nada que aportar, presume de datos de emprego pese a votar en contra da reforma laboral e da suba do salario mínimo e das pensións"

Ese marco dunha campaña de perfil baixo que procuraba o PP rachou coa crise dos 'pellets', que mobilizou moito á xente máis nova, para a que resulta clave a cuestión medioambiental: que políticas faría Sumar Galicia desde a Xunta?

A sociedade civil foi de novo un exemplo porque lembramos o que pasou co Prestige. Aquí a crise medioambiental é menor, pero fallaron todos os protocolos e as medidas de reacción con dilixencia que requiren estes casos. Sumar Galicia defínese como unha forza política verde, feminista e laborista e no noso programa promulgamos políticas que teñen que ver cun cambio de paradigma, sobre todo na mobilidade no noso país. É inaudito que haxa tantos lugares en Galicia onde a día de hoxe non haxa transporte público, hai que vertebrar o país e apostar polo ferrocarril de proximidade. Hai que ter un metro lixeiro nas áreas metropolitanas de Vigo e da Coruña, que comprenden máis de 400.000 habitantes. Outro eixo das nosas políticas medioambientais está ligado ao potencial do noso territorio para producir enerxías limpas e renovables: pódese facer ben, cun modelo respectuoso cos territorios e no que a riqueza quede aquí.

"É inaudito que haxa tantos lugares sen transporte público, hai que vertebrar o país e apostar polo ferrocarril de proximidade"

A proposta do metro lixeiro chamou moito a atención, aínda que, por exemplo, por esta parte da cidade de Vigo na que nos atopamos pasaba o tranvía.

Lémbrome de ben pequena que aínda funcionaba. Agora non se entende que se desmantelase unha das formas máis ecolóxicas de transporte.

Como se podería recuperar esta idea? E pódese facer nunha lexislatura, como apuntaron cando presentaron a proposta?

No caso do Burgo poderíase aproveitar a propia vía férrea que hai para conectar os nove concellos que compoñen esa área metropolitana tan grande da Coruña. No programa de Sumar levamos que haxa unha Consellería de Mobilidade e ademais, nas universidades públicas do país hai un equipo experto que nos pode axudar a deseñar o proxecto para evitar que, seguindo co exemplo da Coruña, máis de 100.000 vehículos entren e saian diariamente da cidade. E en Vigo, outro tanto do mesmo. Habería que estudalo ben, pero é un compromiso de lexislatura.

Díaz e Lois en Vigo no ecuador da campaña electoral CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

"Comprometémonos a que a partir do 18F, con ese goberno a tres, Galicia sexa quen de maneira definitiva e radical poña tope ao prezo do alugueiro"

O acceso á vivenda é hoxe unha barreira para que a xente nova inicie o seu proxecto vital, que propón Sumar Galicia?

Os últimos informes do Injuve (Instituto de la Juventud) din que os mozos e mozas galegas están moi por detrás do resto do Estado por esas dificultades no acceso á vivenda para emanciparse. É un problema fundamental, pero eu vou máis aló: é un problema tamén das familias traballadoras e dos profesionais que queren vivir alí onde teñen unha opción laboral. Non se pode dedicar o 70% do salario á vivenda. Nós comprometémonos a que a partir do 18 de febreiro, con ese goberno a tres, Galicia sexa –despois de Catalunya- quen de maneira definitiva e radical poña tope ao prezo do alugueiro. Ademais, queremos regular as vivendas de uso turístico e declarar determinadas zonas do país como tensionadas polo turismo. Estamos en Vigo, pero isto é un problema máis alá das cidades, nas vilas tampouco hai oferta de vivenda porque o PP leva 15 anos sen facer nada nesta materia.

Estes días entrou na campaña esa 'pantasma' da "imposición do galego", cal sería o plan de Sumar para tratar de reverter a perda de galegofalantes?

Dáme a risa con esa "imposición"... Creo que as galegas e galegos que teñen crianzas saben que moitas veces, co decreto do plurilingüismo do PP que hai que derrogar, as nenas e nenos entran pola porta da escola falando galego e saen falando castelán. A nosa lingua é un dereito e precisamos un goberno na Xunta que se comprometa coa súa protección e impulso.

"As forzas progresistas están convencidas –algunhas non o din, pero estou segura de que o están– de que o cambio político será creando un goberno a tres"

Celebraron varios actos centrados no feminismo e nos dereitos lgbtiq+, que sería o inmediato a levar á axenda da Xunta?

O feminismo e a defensa dos dereitos lgbtiq+ son transversais ao proxecto de Sumar tanto en Galicia como no Estado. Queremos que o próximo goberno progresista galego sexa un goberno de mulleres. Queremos combater as violencias contra as mulleres e contra as persoas trans no noso país, e defender os espazos seguros tanto nas escolas como nos centros de traballo. E queremos facelo ao carón dos colectivos.

Eu fun concelleira de Igualdade en Santiago e fixemos un esforzo moi grande por sacar adiante a campaña 'Compostela, territorio das mulleres', que lamentablemente non vai continuar. Síntome moi orgullosa desta iniciativa e queremos que Galicia se constrúa tamén como unha 'Galicia, territorio das mulleres'. Todo o que ten que ver cos dereitos reprodutivos e afectivo-sexuais sufriu un gran retroceso nos últimos anos. Non pode ser que as mulleres non poidan ser atendidas en Xinecoloxía na sanidade pública agás enfermidades importantes. Unha moza quere facer a súa primeira revisión xinecolóxica ten que pagar, iso é unha barreira. Por outra banda, hai que derrogar todo o relacionado con esas axudas que desde o PP reparten con colectivos antiabortistas.

O feminismo é transversal porque implica tamén os dereitos económicos. As mulleres teñen que estar nos espazos onde se toman as decisións en todos os eidos e aí hai todo un camiño aínda por loitar... Cando falamos de feminismo, falamos tamén dos dereitos das traballadoras dos Servizos de axuda no fogar, que queremos que dependan dunha empresa pública e deixar de destinar recursos públicos para as empresas privadas; ou das traballadoras do mar, que están a manter o marisqueo traballando todo o ano e son traballadoras pobres.

"Houbo unha redución drástica na publicación en galego, hai que apostar pola lectura desde unha Consellería de Cultura forte"

No debate da CRTVG fixo moito fincapé nese "goberno a tres" que xa mencionou e que se move nese marco que está a describir, houbo algunha conversa co BNG ou co PSdeG nestes días?

As forzas progresistas están convencidas –algunhas non o din, pero estou segura de que o están– de que o cambio político será creando un goberno a tres. Eu comprométome o día 19 a falar con Ana Pontón e con Besteiro para avanzar nese goberno de coalición progresista, feminista, verde e laborista.

Nese debate, o único espazo no que a cidadanía puido ver os candidatos e candidatas confrontar propostas, a cultura estivo practicamente ausente.

É que o debate da CRTVG estaba confeccionado á medida de Rueda, e aínda así mira o pouco que tivo que ofrecer. Polo tanto, a cultura non estivo presente. Nun encontro na Coruña no que participaron Ernest Urtasun [ministro de Cultura] e Marilar Aleixandre puidemos escoitar a varios colectivos e creo que é fundamental colocar como prioridade a precariedade das traballadoras e traballadores do mundo da cultura. Levamos no programa o estatuto da creadora e creador e desde o Estado estamos loitando polo estatuto do artista.

Houbo unha redución drástica na publicación en galego, hai que apostar pola lectura desde unha Consellería de Cultura forte. O audiovisual arrastra un modelo de axudas públicas hiperburocratizado e iso hai que removelo. Ademais, hai que defender a música ao vivo como arte e non como obxecto case turístico.

"Porque traballo desde a ilusión e a esperanza, o 19 de febreiro véxome nunha primavera adiantada, cun goberno do século XXI"

Decidiu deixar a portavocía do grupo parlamentario de Sumar no Congreso e tamén o escano como deputada, tiña claro que o seu paso pola política estatal ía ser breve? Por que se adiantou a tomar esta decisión?

Creo que nunha campaña como esta, que vai ser unha fiestra de oportunidade para o cambio de época para o noso pais, hai que estar ao 100%. E para estar ao 100% non podes estar no Congreso e aquí.

Como valora as enquisas que saíron estes días [ata o venres 9]?

Os datos din que o cambio pasa por que entre Sumar. Na Coruña e en Pontevedra hai enquisas que nos dan a entrada no Parlamento. En todo caso, nós imos pisar o acelerador para mobilizar o voto das mulleres, da mocidade e da xente traballadora porque o momento da verdade é o domingo 18 nas urnas.

Sumar Galicia non tivo moito tempo para establecerse como proxecto nacional, que vai pasar se queda fóra do Parlamento?

Non contemplamos ese escenario, contemplamos entrar e seguir construíndo.

Onde se ve o 19 de febreiro?

Porque traballo desde a ilusión e a esperanza, véxome nunha primavera adiantada, cun goberno do século XXI co que deixemos atrás a Galicia en branco e negro do PP. Porque a sociedade civil galega vai moito máis adiantada que o PP, temos que deixar atrás ese país en branco e negro dos populares.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.