Sumar apela á mobilización para un "cambio histórico". "A historia non está escrita"

Yolanda Díaz, Marta Lois e Ramón Sarmiento, en Vilagarcía CC-BY-SA Sumar Galicia

Sumar Galicia propuxo este sábado para o sector do mar un plan para rexenerar as rías, reformar o sistema de cesamento de actividade e unha mudanza no catálogo de enfermidades profesionais para poder adaptalas a este grupo de profesionais. 

"A historia non está escrita", di Yolanda Díaz, que apela á mobilización e aos votantes de Sumar o 23X

Anunciouno a candidata do partido á presidencia da Xunta, Marta Lois, durante unha visita a Vilagarcía de Arousa antes de iniciar o proceso de escoita con profesionais e organizacións do sector. Foi antes de que a vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, advertise en Cambre que "a historia non está escrita" e apelase á mobilización do voto progresista para lograr "o cambio"

"É posible gañar a Xunta; e non para facer o mesmo, senón para transformar a vida da xente", dixo nun acto sobre mobilidade, no que a candidata á presidencia da Xunta insistiu no convencemento dun "cambio histórico" se hai unha mobilización como a do pasado 23 de xullo.  

Yolanda Díaz, Marta Lois e Ramón Sarmiento, en Vilagarcía, no acto de escoita co sector do mar CC-BY-SA Sumar Galicia

Marta Lois aposta por un plan de rexeneración das rías galegas pero advirte de "problemáticas moi específicas" a abordar entre a xente traballadora do mar

"O voto é demasiado importante como para quedar na casa", dixo Díaz, quen volveu apelar ás e os votantes que votaron a Sumar nas últimas eleccións xerais, sendo terceira forza en Galicia. 

Antes, en Vilagarcía, Lois estivo acompañada tamén por Díaz, e polo cabeza de lista por Pontevedra, Ramón Sarmiento. A candidata destacou a "fonte de riqueza impresionante" das rías e advertiu dos "problemas" que están "a sufrir" as mariscadoras e as traballadoras do mar.

Ante isto, Sumar Galicia cre que é necesario impulsar medidas como un plan de rexeneración das rías galegas, pero alertou tamén de "problemáticas moi específicas" a abordar e que lle trasladaron os diferentes colectivos da xente traballadora do mar. 

"Só queren traballar, non queren axudas e, polo tanto, queren solucións para esta realidade", incidiu Lois. Por iso, a esa lista de propostas o partido engadiu a reforma do catálogo das enfermidades profesionais para adaptalas ao sector e tamén un cambio no sistema de cesamento de actividade.

Yolanda Díaz, pola súa banda, destacou que Sumar Galicia supón a forza "das políticas útiles" e lembrou que "non se pode escribir" o país "sen a xente do mar". "Grazas ao papel que xoga o mar no conxunto do país, somos claves na pesca mundial, claves na produción aquí de mexillón, claves, en definitiva, no desenvolvemento ecolóxico dunha economía azul que é clave para a vida da xente", remarcou.

Yolanda Díaz, Marta Lois e Ramón Sarmiento, en Vilagarcía CC-BY-SA Sumar Galicia

Así, a ministra de Traballo comprometeuse tamén a traballar desde o Goberno de España para modificar o cesamento de actividade do marisqueo para igualalo ao xeral dos traballadores autónomos, tendo desta maneira en conta a temporalidade implícita na actividade marisqueira.

Díaz lembrou os fitos que alcanzaron desde que chegaron ao Goberno de España, pero que aínda "queda por facer", polo que "hai que dar pasos adiante" e que varios deles teñen que ver coa vida dos traballadores do sector.

En Cambre, xunto ao alcalde, Óscar García Patiño, e o integrante da lista de Sumar pola Coruña, Juan Díaz Villoslada, Lois e Díaz apostaron polo tren de proximidade ou a Vía Ártabra como claves para mellorar a mobilidade na área metropolitana da Coruña. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.