Galicia 1997-2020; consonancias e disonancias

  • Editorial
Sesión constitutiva do Parlamento da quinta lexislatura, en novembro de 1997 © Arquivo Parlamento de Galicia

Unha das notas máis rechamantes do resultado electoral  deste 12 de xullo  é a aparente semellanza entre as magnitudes políticas do outubro do 1997 e xullo de 2020: maioría absoluta inapelábel do Partido Popular, con 41 escanos de 75 posíbeis (Fraga, con case o 53% dos votos, acadou 42 no 1997), e sorpasso do BNG ao PSdeG (19 fronte a 15 escanos). 

No lado da oposición, a única diferenza é que, no ano 1997, a acta número dezanove do BNG caeu no reconto do voto emigrante a prol do PP, que desta volta pode facer o propio coa número 15 do PSdeG. 

Alén das semellanzas pola maioría absoluta inapelábel do PP e o sorpasso do BNG a un PSdeG liderado por Caballero, a situación de 2020 é ben distinta á de 1997 e convén non confundilas

En ambos os dous momentos, a candidatura do PSdeG era encabezada por un membro da familia Caballero. No 1997, Abel; no 2020, o seu sobriño Gonzalo. O teito histórico de 15 deputados converteuse en tradición familiar. Taménnon dimitir despois do tramancazo electoral, aínda que esta fose unha posibilidade que pairou seriamente sobre a compostelá rúa do Pino nas últimas horas do 12X.  Abel Caballero esgotou a lexislatura de 1997, e o teimudo Gonzalo Caballero mostrou a súa vontade persoal de facelo tras unha campaña na que o deu todo de si. Mesmo antes de saber se o seu Partido –un partido onde as navallas brillan mesmo na súa ausencia– o apoia en tal empeño tras un resultado que só cabe ler como pésimo. 

Alén destas semellanzas, sería un erro forzarmos máis paralelismos. Ninguén se baña dúas veces no mesmo río, nin a historia se repite dúas veces por moito que o dixera un materialista histórico nado en Tréveris. A situación do 2020 é ben distinta á do 1997, e non convén confundilas.

Feijóo é capaz de lograr no 2020 a súa cuarta maioría absoluta en plena crise da COVID-19, tras adoptar decisións políticas moi arriscadas, como a de fixar a data de votación o 12 de xullo, e ver exposta a súa executoria de goberno neoliberal en ámbitos tan sensíbeis como o da sanidade e os servizos de atención á terceira idade.  O resultado electoral mellóralle na Coruña e Lugo o que lle empeora en Ourense -que non é cuestión menor- e Pontevedra -onde está Vigo-. A ultradereita de Vox e o proxecto errático de Ciudadanos volven ficar fóra do Parlamento. Feijóo ben podería acabar sendo tan lonxevo como Fraga… ou máis, aínda que no seu círculo de confianza agora, ao contrario que en 2012 e 2016, xa non se albisque horizonte -galego- para dentro de catro anos. Os ciclos de goberno da dereita en Galicia cóntanse en monllos de 16 anos, fronte aos ciclos moito máis breves e esporádicos da esquerda. 

Feijóo ben podería acabar sendo tan lonxevo como Fraga… ou máis, aínda que no seu círculo de confianza agora, ao contrario que en 2012 e 2016, xa non se albisque horizonte -galego- para dentro de catro anos

Feijoo comproba, máis unha vez, como a cidadanía galega, abocada a unha situación de incerteza, lle outorga a súa confianza para xestionar o país en clave rexionalista e neoliberal. 

O panorama social por vir será moi difícil, cunha nova crise económica que apenas comezou; mais Feijoo sobrevivirá sen maior problema, porque mentres un bipartito de esquerda goberne en Madrid ou nos principais concellos galegos, terá sempre a quen botarlle a culpa de todos os males. Se algo demostrou Feijóo ao longo destes anos, e a súa mestría na xestión deste relato político, que o sitúa no centro das maiorías sociais. Así poderá reinar ou, se o desexa, pilotar dende o poder a súa propia remuda.

En segundo lugar, o mal resultado dun PSdeG encabezado por un candidato novo ten a ver coa escasa proxección do seu liderado e do seu proxecto, situado nunha difícil posición de equilibrio entre o ámbito municipal e o ámbito estatal, onde o PSOE encabeza un bipartito que, ademáis de ter que xestionar a crise do COVID-19, foi incapaz de lanzar mensaxes potentes ao electorado galego. Para Gonzalo Caballero, vai ser difícil remontar un resultado que racha a progresión do PSOE, e ten sabor a derrota.

A terceira grande novidade do 12 de xullo é a brusca progresión á alza do BNG. O Bloque deixa a travesía do deserto e chega de fuciños a o maior oasis de auga, dátiles e frescor que caiba concebir: pasar de 6 a 19 escanos, revertendo espectacularmente o ciclo de caída que se inicia no 2001; liderar a oposición a Feijóo cunha cabeza visible, Ana Pontón, que malia cumprir en 2024 dúas décadas  como deputada galega, pode presumir de ser a moza promesa, en feminino, do nacionalismo político,  ainda que proceda dunha concepción ortodoxa; e facer todo isto cunha organización saneada, que garante cohesión e coherencia no discurso político. 

O BNG reverte espectacularmente o ciclo de caída iniciado no 2001, lidera a oposición tras conseguir facer un frontismo electoral de éxito fronte aos experimentalismos de esquerda 

O BNG conseguiu no 2020 facer un frontismo electoral de éxito fronte aos experimentalismos de esquerda. O voto útil das esquerdas ao BNG confirma, por unha banda, a desnecesidade de frontismo organizativo pola que optou estratexicamente en Amio no 2012. Por outra banda, confirma o potencial electoral da aposta pola reformulación de estética e mensaxes en clave xuvenil, este si con ecos estratéxicos dos 90, pero coas linguaxes dos anos vinte do século XXI.

Este éxito incontestable é, no entanto, a confirmación dun dos trazos característicos da nosa dinámica política dos últimos dez anos: a volatilidade das preferencias electorais. 

A aposta por AGE no 2012, nos gobernos municipais “rebeldes” no 2015 e por En Marea no 2016 significou a preferencia do electorado galego de esquerdas por outra forma de entender a participación política. Mais estas forzas desbaldiron con inusitada rapidez o capital político depositado. O resultado do 2020 é a autopsia de todo este ciclo de experimentación política concebida e executada desde 2012 por nomes como os de Beiras, Gómez-Reino, Noriega, Chao, Suárez, Ferreiro, Sánchez, Díaz, Villares, Casal, Martínez e tantos outros, que infelizmente xacen xa, polos seus propios erros, no camposanto da política galega.  

Pola súa parte, os segmentos mais conscientes da esquerda galega optaron onte por volver ao tradicional, ao valor refuxio, o do BNG como partido de oposición, que cobra protagonismo nuns tempos tan convulsos e inseguros, dominados en boa parte do mundo por unhas dereitas crescentemente populistas. O BNG é efectivo na oposición, así o volveu certificar con 6 actas e así o acreditará con 19 parlamentarias, máis aínda tendo en conta as súas pólas en eidos como o sindical, coas que a visibilidade do nacionalismo galego está máis que asegurada.

Porén, o país necesita aínda máis que un BNG forte, ao que os resultados electorais confirman a corrección da súa liña ideolóxica, organizativa e comunicativa dos últimos anos. Cara aos vindeiros catro anos, precisará artellar todas as súas sensibilidades para derrocar – non só derrotar – ao Partido Popular. Os ciclos de goberno da esquerda, pola súa fraxilidade e brevidade, deben planificarse coidadosamente desde a oposición. 

Se o BNG e Ana Pontón aspiran a aínda máis, como a nova líder da oposición expresou na noite electoral, terán que demostralo asumindo desde hoxe o reto de construír e encabezar un proxecto de goberno gañador no 2024 fronte a un PP que terá ou non a Feijóo á fronte.

Isto demanda pluralismo, transversalidade, pragmatismo, fraternidade, sentido da responsabilidade histórica. Pola súa experiencia e talante persoal, Ana Pontón pode asumir ese reto. Gañou a pulso a súa marxe de actuación con criterio propio, igual que antes a gañou un ex-alcalde de Allariz que chegou a portavoz nacional, cos resultados que todos coñecemos. E fíxoo, ademais, ofrecendo algo que a oposición a Feijóo non fora quen de ofrecer dende 2009: estabilidade.

Mais a verdadeira proba do liderado de Ana Pontón será que o partido que a sostén non só a apoie cando exerza esa marxe de actuación propia, senón que traballe para ela, con sinceridade e entrega, en beneficio do país. Se o BNG e Ana Pontón aspiran a aínda máis, como a nova líder da oposición expresou na noite electoral, terán que demostralo asumindo desde hoxe o reto de construír e encabezar un proxecto de goberno gañador no 2024 fronte a un PP que terá ou non a Feijóo á fronte.

Ese proxecto non se pode improvisar nin vai vir dado de seu pola lícita ilusión de quen vén de ver recompensados os esforzos da dura década pasada cunha superación do teito electoral. Con máis do triplo de mans no Parlamento que nos últimos catro anos e tantas outras fóra do Hórreo, os vimbios para un amplo cesto deben comezar a se tecer decontado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.