Detidas seis persoas en Compostela relacionadas cos altercados na manifestación do cerco, segundo informa Europa Press. A operación chega case un mes despois da protesta que acabou en graves enfrontamentos entre policía e manifestantes.
![](https://praza.gal/media/cache/live_image/xornal/uploads/falase/foto/5342df400a055-531f3a0a40040-1901361_10203189557490429_1340026510_n.jpg)
Detidas seis persoas en Compostela relacionadas cos altercados na manifestación do cerco, segundo informa Europa Press. A operación chega case un mes despois da protesta que acabou en graves enfrontamentos entre policía e manifestantes.
UPyD equipara o nacionalismo catalán con Franco e Le Pen nas horas previas ao debate no Congreso sobre o referendo de autodeterminación que promove o Parlament de Catalunya. Cóntao Europa Press.
O xuíz declara o concurso de acredores en Cerámicas do Castro e Sargadelos. Acumularían impagamentos por máis de 7 millóns de euros.
Seguen a xerar reaccións as valoracións do novo presidente das Novas Xeracións do PP galego sobre a emigración xuvenil. A xuízo de Diego Gago a mocidade ve "con bos ollos" emigrar porque adquire novas experiencias. Recólleo Cadernos de comunicación e análise
A Policía apunta a que Bárcenas herdou de Naseiro a 'caixa b' do PP. Sospeita que parte dos ingresos en Suíza do ex tesoureiro é diñeiro negro do partido.
A corrupción consolídase como a segunda preocupación da cidadanía despois do paro, segundo os datos do barómetro do CIS, que se vén de publicar. A enquisa tamén reflicte unha lixeira mellora das expectativas económicas, cun 21% de persoas que pensan que dentro dun ano a situación será mellor que a actual, fronte a un 23% que opinan que estará peor. En canto á estimación de voto, PP (32,1%) e PSOE (26,6%) seguen á baixa, sumando menos do sesenta por cento dos apoios. IU mantense (11,3%) e crece UPyD (9,2%). O BNG obtería un 0,7%.
Clifford Torrents, escocés residente en Negueira de Muñiz e condenado a pagar unha multa de 434 euros por romper unha placa franquista, conseguiu despois dun ano de reclamacións que lle envíen a sentenza en inglés, para poder así recorrer o fallo. Para Torrents, a placa, ao ser un obxecto ilegal, non debería ter valor. Afirma que mesmo lle aforrou cartos á administración, que estaba obrigada a retirala.
Vigo acolleu máis de mil manifestacións o pasado ano, sendo a cidade galega con máis mobilizacións e duplicando as celebradas hai tan só tres anos.
Este luns celébrase o Día Mundial da Saúde, que neste 2014 a OMS dedica á loita contra enfermidades que se transmiten por picaduras de insectos como a malaria, o dengue e o chagas. As ONGD galegas Taller de Solidariedade, Solidariedade Galega, Terra de Homes, Arquitectos sen Fronteiras e Farmamundi realizan proxectos en América e África encamiñados a reducir a súa incidencia
A Consellaría de Medio Ambiente afirma estar analizando as posibles medidas a adoptar para impedir a invasión do visón americano en Galicia, ante a instalación de numerosas granxas en todo o territorio.