Vimos de despublicar unha nova, pola primeira vez na breve historia de Praza Pública, debido á súa inexactitude. E como o noso público merece unha explicación, aquí a tedes.
A nova, que trataba da presunta desaparición de Galiza Nova e os Comités para dar lugar a unha nova organización ao estilo do que no seu momento foi ERGA, chegounos a través dunha fonte escrita e fiable, dado que se trataba dunha acta informal das discusións ocorridas no Consello Nacional do BNG celebrado onte. Ademais, a inmensa maioría do seu contido coincidía co expresado na web do propio BNG sobre os acordos da xuntanza. Porén, na acta informal incluíanse algúns puntos que, mesmo que se trataron, foron presentados a título particular por algúns membros do organismo, mais sobre os cales non houbo deliberación nin adopción de acordos. Ao comprobar o malentendido ocorrido e as lóxicas reaccións críticas por parte do público lector, chegamos á resolución de despublicar a nova, para non aumentar o mal que a súa divulgación podería causar.
Somos conscientes de que non houbo ningunha tentativa de utilizarnos como mensaxeiros dunha nova intoxicadora ou imprecisa, polo que non apuntamos o dedo para ninguén. Foi erro noso de interpretación, que asumimos e polo que pedimos fondas e sinceras desculpas, ao tempo que reafirmamos o noso compromiso para estarmos alertas a fin de que erros como este non se repitan. Agradecemos as vosas críticas e tamén a vosa comprensión.