Fútbol sala masculino. Rematou a Liga na División de Honra e na División de Prata. Na máxima categoría, o Lobelle confirmou o 5º posto ao empatar na casa co Triman Navarra e xogará a primeira eliminatoria dos playoffs contra o Caja Segovia. O Azkar Lugo pechou o ano cunha derrota que estivo a piques de custarlle cara, mais o triunfo de El Pozo na cancha do Marfil Santa Coloma evítalle a promoción de permanencia. Precisamente o CD Burela, actualmente na División de Prata, é un dos clubes clasificados para tentar o ascenso, camiño que comezará nunha eliminatoria contra o Manzanares.
